“El MAR, LA MAR, SOLO LA MAR”. MULLERES DA PESCA EN GALICIA por Nora María Martínez Yáñez, Profesora contratada Doutora (Acreditada a Titular) de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo

03 Marzo, 2020 Dereitos, falamos de feminismo, Muller

 

A pesar de vivir nun mundo secularmente dominado polos homes, as mulleres sempre mostramos unha coraxe especial para adaptarnos ás circunstancias e buscar físgoas para asumir novos papeis e responsabilidades que, a teor dunha ríxida repartición de roles entre os sexos, non nos correspondían. Véñenseme á cabeza numerosos nomes de artistas, científicas e ata guerreiras, pero xunto a eses logros refulxentes de mulleres únicas que encararon os prexuízos que as etiquetaban, tamén hai logros colectivos, de mulleres descoñecidas que co seu humilde tesón deixaron un suco moi perceptible na historia.

As traballadoras da pesca en Galicia teñen ese rumbo de heroínas anónimas capaces de facerse un oco nunha contorna masculina. Probablemente a economía minifundista e familiar da nosa terra, máis aló de remotas tradicións matriarcais, facilitase que en Galicia a muller puidese participar de maneira máis activa nos labores agropecuarios, coidando da familia, a leira, os animais… Nas nosas aldeas da costa o perigoso traballo de pesca a bordo de embarcacións  sempre estivo vetado ás mulleres, pois era incompatible co coidado da casa e dos membros da familia, pero as mulleres asumiron entón traballos de marisqueo a pé ou de reparación das redes. Socialmente minusvalorados, non eran comparables ao traballo arriscado dos homes nos barcos de pesca, nin aos beneficios económicos desta; simples complementos para a economía familiar… pero que barco pode saír a faenar sen reparar as súas redes?.

Co paso do tempo, estes labores tradicionais foron separándose do ámbito doméstico ata chegar a converterse en oficios que reclaman condicións dignas para ser exercitados. A saída destas actividades da contorna familiar e o seu tránsito cara á economía formal, pasando antes ineludiblemente pola economía mergullada, foi unha das conquistas debidas á actitude loitadora e inconformista de mariscadoras e redeiras.

O movemento asociativo foi fundamental para estes logros, como percibiron elas desde moi pronto. As confrarías de pesca tiveron que abrirse ás mulleres, que con todo non sempre participan en condicións de igualdade , e xurdiron diversas asociacións de redeiras que fan oír as súas reivindicacións e visibilizan o seu traballo. A maioría forman parte á súa vez de asociacións españolas e europeas de mulleres da pesca que tecen unha rede de solidariedade común. A través destas lanzadeiras as mariscadoras e redeiras actuaron como interlocutoras en pé de igualdade coas Administracións públicas e as autoridades portuarias, facendo valer o seu talento natural en territorios estraños para defender unha profesión tan amada por elas como ligada ás súas historias persoais, á súa nenez, aos seus maiores, á súa casa xunto ao mar…

Son moitos os aspectos que conseguiron mellorar no exercicio diario das súas profesións gañándose o apoio dos poderes públicos. O coidado da saúde nun traballo realizado en condicións físicas e ambientais moi duras foi sen dúbida una das prioridades. Realizáronse esforzos moi significativos para informar e formar na prevención dos riscos ergonómicos e evitar así trastornos músculo esqueléticos que menoscaban a calidade de vida das nosas mariscadoras e redeiras. Pero algo tan sinxelo como dispoñer de equipos de protección individual adaptados ao corpo e á talla das mulleres segue constituíndo un desafío, aínda que se deron pasos importantes para conseguilo. A colaboración de confrarías e autoridades portuarias tamén foi necesaria para que as redeiras poidan realizar o seu traballo a cuberto, en locais que, de todos os xeitos, habería que mellorar para garantir o cumprimento de todas as condicións de salubridade necesarias.

O recoñecemento do carácter profesional de patoloxías e trastornos músculo esqueléticos derivados das posturas de traballo forzadas e movementos repetitivos en ambientes húmidos ou mergullados é outra tarefa pendente, e aínda que a dirección xeral da Seguridade Social actuou recentemente para favorecer tal recoñecemento, o certo é que o catálogo normativo de enfermidades profesionais segue excluíndo ás traballadoras da pesca e, en xeral, aos oficios feminizados. Tamén é urxente, e neste aspecto non hai avances, recoñecer coeficientes redutores da idade de xubilación ás redeiras que, debido a unha longa vida profesional expostas a riscos non controlados, dificilmente logran permanecer activas e terminan apartándose do emprego prematuramente accedendo a pensións de incapacidade permanente por continxencias comúns.

En fin, é moito o camiño avanzado, pero igualmente é amplo o que queda por percorrer, coa obxectivo de lograr condicións de traballo dignas para estes oficios artesáns, que contribúen á sustentabilidade biolóxica das nosas costas e á supervivencia dunha economía local estreitamente entrelazada coa tradición cultural dos pobos costeiros.

Pero o desafío é aínda máis amplo, pois é preciso que, do mesmo xeito que as rías e as praias, o mar se abra ao traballo da muller. A corresponsabilidade no coidado das persoas dependentes da familia, tanto na súa vertente privada como pública, debe liberar ás mulleres das súas excesivas ataduras e permitirlles facerse á mar a bordo de buques de pesca formados por tripulacións mixtas, pois mixta e diversa é a sociedade da que todos somos membros en pé de igualdade.

O futuro necesita mulleres sucando os mares e xa hai loitadoras dispostas a romper tabús e vellas lendas. Porque o mar non ten sexo, nin xénero, como fixo notar o poeta naqueles versos…“El mar. La mar. El mar. Solo  la mar”.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal