As novas tecnoloxías, sinaladamente no campo das telecomunicacións, brindan infinitas posibilidades. No marco das relacións de traballo, propician, en particular, a prestación de servizos a calquera hora dende calquera lugar. Xurde así o chamado teletraballo ou e-work, ben con carácter preponderante respecto do traballo presencial –conformando, xa que logo, unha modalidade de traballo a distancia-, ben con carácter accesorio respecto dunha prestación de servizos desenvolvida fundamentalmente nas dependencias da empresa. Tales fórmulas de traballo flexible, froito do recurso ás tecnoloxías da información e comunicación –en adiante, TICs-, adoitan valorarse moi positivamente, por suposto en clave empresarial, pero tamén dende a óptica dos traballadores. Pois, a miúdo, para estes últimos, achegar o traballo ao fogar, adaptando así mesmo a xornada laboral a circunstancias familares e persoais, permite conxugar vida familiar e laboral.
Tal configuración do teletraballo como ferramenta de conciliación, por outra banda, é sumamente recurrente. Así sucede no eido europeo –xa no Acordo marco sobre teletraballo de 2002 e, máis recentemente, na Directiva 2019/1158, relativa á conciliación da vida familiar e a vida profesional dos proxenitores e dos coidadores (art. 9)-, e, así mesmo, a nivel interno –ao referir o art. 34.8 ET, logo da reforma operada por Real Decreto-Lei 6/2019, o dereito da persoas traballadoras a solicitar adaptacións na forma de prestación dos servizos “incluida a prestación do seu traballo a distancia”, “para facer efectivo o seu dereito á conciliación da vida familiar e laboral”-. Incluso a OIT apela a “aproveitar a tecnoloxía para ampliar as oportunidades e conciliar a vida profesional coa vida persoal” –Comisión Mundial sobre o futuro do traballo, “Traballar para un futuro prometedor” (xaneiro, 2019).
Certamente, o traballo a distancia sustentado no recurso ás novas tecnoloxías presenta destacadas vantaxes, tambén dende a óptica da conciliacón. A prestación de servizos no domicilio achega aos traballadores aos familiares precisados de coidado, aos que, ao prescindirse de desprazamentos –cando menos, diarios-, pode adicarse máis tempo. Ademáis, a autonomía organizativa característica deste modo de prestación de servizos permite ao traballador determinar cando e como executar as súas funcións, conxugando as mesmas coas obrigas inherentes a súa condición de proxenitor ou coidador. A priori, xa que logo, o denominado e-work é susceptible de erixirse nunha fórmula óptima para a conciliación e corresponsabilidade entre sexos. Con todo, a conclusión debe matizarse: para acadar os devanditos obxectivos deben articularse medidas para a prevención daqueles riscos inherentes ao desenvolvemento do traballo a distancia e, así mesmo, ao manexo de medios telemáticos. Incluso, deben ponderarse aqueles riscos específicamente vinculados ao e-work “conciliador”.
Debe lembrarse, en dito sentido, que o traballo non presencial implica a invisibilidade do traballador, resultando por tanto máis doada a súa ocultación fraudulenta, sinaladamente a través do recurso á figura do falso autónomo. Por outra banda, tamén no caso do teletraballo con vocación conciliadora, perviven os riscos derivados da desvinculación do traballador do entorno humano da empresa: aillamento que pode ter repercusións en termos de rendemento e cualificación profesional do traballador –co correlativo impacto na súa promoción profesional e mesmo a efectos de mantemento do vínculo laboral-, pero tamén, por suposto, na súa saúde, física e psíquica.
E tamén o manexo de medios informáticos e TICS xera riscos específicos: de novo, sendo tal recurso continuado ou especialmente intenso, en termos de seguridade e saúde, e, así mesmo, como consecuencia da inxerencia do poder empresarial de dirección nos tempos de descanso. Pois, toda vez que as novas tecnoloxías non só facilitan a deslocalización xeográfica do traballador, senón tamén que este preste os seus servizos a calquera hora, é cada vez máis frecuente que se vexa compelido a prestar os mesmos xa rematada a súa xornada laboral. Un risco ao que certamente están expostos xa prácticamente tódolos traballadores, pero sen dúbida máis acuciante no caso dos teletraballadores que necesariamente deben valerse de TICs para o desenvolvemento ordinario da súa prestación de servizos. Por elo, con toda probabilidade, o lexislador refire específicamente –art. 88.3 LO 3/2018- o dereito á desconexión dixital dos traballadores a distancia.
No caso do teletraballo “conciliador”, finalmente, debe alertarse sobre a probable superposición de actividades profesionais e de tarefas de coidado. A elevada autonomía ou un sistema de traballo a tarefa ou por obxectivos, moi frecuentes no e-work, poden avocar á realización simultánea de cometidos laborais e familiares. Incluso a flexibilidade horaria, así mesmo característica deste modo de prestación de servizos, pode conducir ao desprazamento dos tempos de traballo a tramos horarios particularmente incómodos, tradicionalmente adicados aos descanso –as últimas horas do día ou mesmo en periodo nocturno-. En ámbolos dous casos, de novo é evidente o impacto no rendemento e saúde da persoa traballadora, na maioría dos supostos, por outra banda, mulleres, por razóns culturais e sociais aínda máis propensas que os homes á adaptación do seu modo de traballo por razóns de conciliación.
Deben, por tanto, rexeitarse os razoamentos simplistas. Non todo teletraballo favorece a corresponsabilidade, nin contribúe a acadar a igualdade entre homes e mulleres. Para elo, son precisas medidas de contención dos riscos inherentes ao e-work en xeral e ao e-work conciliador en particular: accións que atendan aos riscos vinculados a invisibiidade dos traballadores a distancia, ao seu aillamento, a súa desprofesionalización, que contribúan ao deslinde de tempos de traballo e de non traballo e que fomenten un reparto equilibrado das obrigas de coidado –sinaladamente, impulsando o disfrute de modelos laborais flexibles tamén polos homes-. En caso contrario, o teletraballo pode avocar a un retorno da muller ao fogar, de novo, a un tempo, traballadora e coidadora.
The comments are closed.