Discurso de Dolores Fernández Galiño no acto conmemorativo celebrado o 28 de maio de 2021 na sé do Parlamento de Galicia: A INSTITUCIÓN DA VALEDORA DO POBO NO 40º ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN DO PARLAMENTO GALEGO

31 Maio, 2021 actualidade, Novas, Novas

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 14, integrado dentro do capítulo dedicado ó Parlamento de Galicia, prevé a creación e organización pola Comunidade Autónoma, mediante lei do seu Parlamento, dunha institución similar á institución do Defensor do Pobo establecida no artigo 54 da Constitución Española. Deste xeito, a lei constituínte da nosa Comunidade Autónoma situouse na liña do constitucionalismo moderno de prever a existencia dun órgano, vencellado ó Parlamento, de defensa dos dereitos humanos da cidadanía e de supervisión da actividade administrativa.

 

A Lei 6/1984, de 5 de xuño, do Valedor do Pobo de Galicia, desenvolveu esta previsión estatutaria, sendo nomeado en xuño de 1990 Don José Cora Rodríguez o primeiro Valedor, a quen seguiu Don José Ramón Vázquez Sandes, Don Benigno López González, e Dona Milagros Otero Parga, ata chegar a miña persoa.

 

Neste tempo a Institución afrontou cambios en paralelo ós cambios acaecidos na sociedade galega. Nos primeiros anos oitenta viñamos de saír dun réxime autoritario, cunha economía en vías de desenrolo, e en transo de integración nas Comunidades Europeas.

 

Hoxe en día, a sociedade galega é unha sociedade máis plural e moito máis complexa, con un grado avanzado de progreso económico e social, compartindo as aspiracións e preocupacións dos países que integramos a Unión Europea.

 

A sociedade galega actual esixe unha democracia avanzada, onde se garanta a participación da toda a cidadanía na vida social e política, con necesidade da ofrecer futuro ós nosos xoves, garantir o envellecemento saudable da poboación maior, onde se loite contra as discriminacións, contra a pobreza, onde se potencie a transparencia das institucións e as esixencias de bo goberno, con preocupacións medioambientais, e inmersos na progresiva dixitalización da economía e das relacións laborais e sociais.

 

Tamén a evolución da Valedora do Pobo reflexa o desenvolvemento de Galicia e do seu autogoberno ao longo dos 40 años transcorridos dende a aprobación do Estatuto; mesmo cando empezou o labor da Valedora do Pobo aínda a Comunidade non asumira todas as competencias; pero xunto a iso tamén, e de forma moi destacada, produciuse o enraizamento dunha conciencia democrática dos dereitos fundamentais das persoas respecto dos poderes públicos e as entidades privadas prestadoras de servizos esenciais.

 

Vou dar algúns datos que reflexan a evolución do funcionamento interno da Institución da valedora do pobo e como foi parella coa evolución da sociedade galega.

 

En 1990, primeiro ano de funcionamento da Institución, recibimos 372 queixas, mentres que no pasado ano as queixas ou asuntos recibidos foron 2.912, e a Institución se dirixiron 5.387 persoas.

 

Como consecuencia desta nova realidade pasouse de contar cun número escaso de áreas de actuación, 11 en 1990, as 23 da actualidade.

 

E varias destas áreas son de crecente complexidade. O que obriga a especialización das persoas responsables das distintas áreas que, na actualidade, proveñen dos ámbitos da  medicina, da avogacía, da alta función pública e da universidade.

 

Necesidade de especialización, dedicación e actualización constante que se reflexa na evolución das áreas en particular. As limitación temporais do momento impiden unha análise de todas elas. Voume referir a dez moi brevemente: dereitos lingüísticos, igualdade de xénero, inclusión social, saúde, educación, orientación e identidade sexual, menores e persoas maiores, transparencia, e medio ambiente.

 

  1. Defensa do galego

 

O Estatuto de Autonomía de Galicia establece no seu artigo 5 que a lingua propia de Galicia é o galego. Recoñece así o dereito fundamental da sociedade galega a vivir e expresarse na nosa lingua propia. O desenvolvemento en materia de dereitos lingüísticos foi profundo ao longo destas 4 décadas no ámbito organizativo e de actividade da Institución e sobre todo na especial dedicación a promoción do dereito a normalización do galego como lingua propia de Galicia.

En 1990, os dereitos lingüísticos da sociedade galega integrábanse nunha área que abranguía educación, lingua, cultura e deportes. Había unha subárea chamada Bilingüismo, na que figuran só tres queixas. Nunha deles un numeroso colectivo de persoas saíron en defensa do dereito ao uso do galego e solidariedade cunha persoa que foi desprezada e agredida por manifestarse en galego nun local aberto ao público.

A situación agora é ben diferente. Hai unha área específica de dereitos lingüísticos na que, no ano 2020, se rexistraron 86 queixas en defensa do uso do galego.

  1. Igualdade de xénero

O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 4, establece un mandato aos poderes públicos para promover a igualdade dos individuos e dos grupos sociais en que se integran. Nesta área produciuse un gran desenvolvemento da tarefa institucional a prol da consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes, a erradicación de calquera forma de discriminación que teña a súa orixe no xénero, e a loita contra a lacra da violencia de xénero. Para afondar nesta inxente tarefa creamos, no ano 2020, coa aprobación do Parlamento, unha asesoría especificamente dedicada á área, tamén de nova creación, de igualdade de xénero, aínda que no entendemento de que é algo transversal que transcende dunha determinada área e debe concernir a todas. Carácter transversal que xa anticipaba o Estatuto ao referirse a igualdade no seu artigo 4. Tamén no ano 2019, creamos un espazo divulgativo e participativo que chamamos Falamos de feminismo e os premios Valedora do Pobo aos mellores TFG e TFM. O contacto coas entidades sociais e a actividade institucional neste ámbito é permanente.

  1. Inclusión social

 

Foi radical transformación de todo o que atinxe á inclusión social. As poucas queixas referidas a esta área, que en 1990 chamabamos “traballo e servizos sociais”, multiplicáronse polo enorme crecemento do campo de acción das administracións galegas neste terreo.

 

Creáronse e desenvolvéronse rendas de inclusión, non só pola CA, tamén por moitos concellos e recentemente polo Estado; creouse un sistema de promoción da autonomía persoal e a atención á dependencia baseado en verdadeiros dereitos subxectivos, non en programas continxentes; desenvolveuse un modelo de atención ás persoas con discapacidade, que agora contan cun catálogo de dereitos que afectan de forma transversal a todas as ordes da súa vida; evolucionou o obxectivo de accesibilidade; e outros moitos aspectos dificilmente enumerables no tempo que nos ocupa.

 

A relevancia desta área no traballo institucional queda constatada polo dato de que cinco dos informes especiais presentados no Parlamento relaciónanse coa inclusión; Discriminación, marxinación e exclusión social (1998), Situación da poboación xitana (2005), As persoas sen fogar (2010), Os dereitos das persoas con discapacidade intelectual (2014); e Accesibilidade universal (2017).

 

  1. Saúde

 

En Sanidade podemos apreciar o profundo cambio da actividade institucional; desde un comezo sen apenas queixas ata converterse no sector público que xera máis demanda de supervisión, algo entendible tratándose da saúde. Iso levou a que unha lei galega creara a figura da Valedoría do Paciente, integrada na Valedora do Pobo, que ten atribuída a defensa e a promoción dos dereitos e intereses das usuarias e usuarios do Sistema Público de Saúde de Galicia. A especialidade nesta rama e fundamental e de aí que teñamos incorporada á institución unha asesora na área de saúde que é médica especialista de urxencias con máis de 20 anos de exercicio e tamén avogada.

 

  1. Educación

 

Algo similar podemos apreciar se analizamos outro dos grandes sustentos do Estado de Benestar, a educación. Desde o comezo da actividade a supervisión neste ámbito multiplicouse por seis, e comprende aspectos que antes apenas se abordaban, como, por exemplo, a atención ás necesidades educativas especiais, a educación inclusiva, ou a loita contra o acoso escolar. Ao fronte desta área temos a unha persoa doutora, profesora universitaria e investigadora no eido de menores e cultura.

 

  1. Orientación e identidade sexual

 

Ao longo deste tempo incorporáronse tamén avances en materia de diversidade. O tratamento específico da loita contra a discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero vén establecida na lei galega de igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, que establece que a Valedora será autoridade independente para velar pola igualdade de trato e non discriminación por razón das causas previstas na lei, tanto no sector público coma no privado, mediante o exercicio das funcións que enumera. A encomenda legal de especial vixilancia dos dereitos LGTBI concretouse, entre outras cousas, no informe A situación das persoas LGTBI en Galicia (2015) e na creación dunha área específica.

 

  1. Menores

 

Entre as persoas vulnerables que precisan dun maior grado de supervisión para a garantía dos seus dereitos se atopan os menores, co obxectivo final de que prevaleza o seu interese superior. A lei galega de apoio á familia e á convivencia prevé unha dedicación especial da Institución nese terreo; pode propoñer medidas susceptibles de mellorar a protección das e dos menores ou de perfeccionar a aplicación das normas existentes, e promover diante da sociedade galega a información sobre os dereitos e sobre as medidas que é necesario tomar para a súa mellor atención e coidado. Para afondar na defensa dos menores fixéronse os informes sobre Menores vulnerables, desprotección e responsabilidade penal (2007), e Adolescentes e Internet (2011).

 

  1. Persoas maiores

 

O primeiro informe especial da Institución, Ser Vello en Galicia, tratou en profundidade, no que naquela época eran as necesidades de protección das persoas maiores.

 

A pandemia puxo de manifesto a enorme vulnerabilidade das persoas maiores. E preciso un recoñecemento expreso dos seus dereitos que esta Institución ven reclamando ao pedir unha lei de dereitos das persoas maiores, que na medida que incida nos seus dereitos fundamentais debe ser orgánica. Como dicía Concepción Arenal “o amor vive máis do que dá que do que recibe”. Eles, os maiores déronnolo todo, eles nos trouxeron a democracia e a liberdade, a eles lle debemos o estatuto de autonomía e a preservación da galeguidade durante a longa e tiránica travesía do franquismo. É, pois de xustiza o recoñecemento da súa dignidade, do seu dereito a un envellecemento saudable, a participar nas decisións que lles afecten, a recibir asistencia sanitaria integral e atención institucional adecuada as súas necesidades, a decidir onde queren vivir e a recibir as axudas precisas para facelo, e en definitiva recoñecerlle o seu dereito a desenvolver o seu proxecto vital e prestarlle os medios materiais e humanos para que así sexa.

 

  1. Transparencia

 

O cambio de milenio alumeou novos dereitos non nomeados e polo tanto descoñecidos no século pasado. Un deles é o dereito a transparencia e a institucións sólidas. A Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, adscribe a Comisión de Transparencia á Institución da Valedora do Pobo, e propia Valedora é a Comisionada da Transparencia. Co cal a Institución tamén asume competencias neste eido.

 

  1. Medio ambiente

 

O progreso da conciencia a favor da sustentabilidade viuse tamén reflexado na actuación da Institución. As queixas da área de medio ambiente creceron en número e en relevancia. Nela coñecéronse e coñécense asuntos ambientais de fonda controversia social. No pasado as administracións apenas prestaban atención ao medio ambiente urbano e á contaminación acústica; pero agora é un foco de crecente preocupación pola súa directa relación co dereito fundamental á inviolabilidade do domicilio e á intimidade persoal e familiar.

 

 

 

 

Relacións coas Administracións Públicas

 

Os cambios nestas catro décadas no só son apreciables no funcionamento interno da Institución. Tamén se aprecia nas relacións da Institución cas Administracións Públicas. A evolución da sociedade galega, e dos poderes públicos en Galicia, afianzou a cultura democrática. As Administracións Públicas non ven a Institución como un incómodo órgano de fiscalización externa. Neste terreo o progreso institucional tamén é evidente, e aínda que se dan casos de esperas ata recibir a información, con carácter xeral a colaboración das administracións é excelente. Neste punto debemos felicitarnos como sociedade pola xeneralización da cultura democrática nos responsables públicos.

 

Hoxe, o nivel de receptividade que as administracións mostran cos criterios que a Valedora do Pobo lles traslada é crecente; apréciase non só coa aceptación dun tanto por cento moi elevado dos recordatorios de deberes legais, recomendacións e suxestións, senón en xeral polas moitísimas conclusións positivas consecuencia da tramitación das queixas. En moitos casos a simple presentación e admisión a trámite dunha queixa é suficiente para solucionar un problema ou remover unha inxustiza.

 

Deste xeito, a Institución da Valedora do Pobo, a través do exercicio das súas competencias estatutarias, coadxuva a que as administracións públicas galegas teñan un funcionamento eficaz, transparente, inclusivo e proactivo cos dereitos humanos.

 

Para o cumprimento do seu mandato estatutario é primordial transversalizar o enfoque de dereitos humanos. As Defensorías do Pobo son, sobre todo, institucións de garantía dos dereitos humanos. Os Principios sobre a protección e a promoción da Institución de Defensor do Pobo (Principios de Venecia, 2019) o establecen con claridade:

 

“As Institucións do Defensor do Pobo teñen un papel importante que desempeñar no fortalecemento da democracia, o Estado de Dereito, a boa administración e a protección e promoción dos dereitos humanos, e as liberdades fundamentais”.

 

 

 

 

A pandemia COVID-19 e a reconstrucción

 

Que a Valedora do Pobo é unha institución garante dos dereitos humanos púxose de manifesto durante a pandemia do COVID 19. Dende o 2020, a pandemia pon á proba a nosa sociedade, as nosas institucións, e tamén a Valedora do Pobo. As persoas e a sociedade enteira responderon con sacrificio, responsabilidade e solidariedade. As institucións deben estar á altura dese esforzo individual e colectivo, en especial as encargadas da defensa dos dereitos da cidadanía, pois na situacións de crise hai un serio risco de retroceso en dereitos humanos. Consonte a ese plantexamento, esta institución, a pesares das limitacións derivadas do confinamento e das restricións sanitarias, seguiu aplicando todos os seus esforzos e poñendo todos os seus medios humanos e materiais ao servizo da cidadanía, e máis nunha situación de ameaza da saúde pública e de confinamento domiciliario, pois baixo estes condicionantes os dereitos cidadáns atópanse limitados no seu exercicio. Desde o primeiro día hábil seguinte á declaración do estado de alarma, a Institución substituíu a actividade presencial do seu persoal polo tele traballo. Sen interrupcións, mantívose a actividade institucional, recibindo e tramitando as queixas ordinarias, iniciando investigacións de oficio e mantendo contacto fluído coas organizacións e coas entidades sociais.

 

Agora hai que mirar ó futuro, e para facelo nada mellor que volver a vista ó compromiso de progreso social, medioambiental e económico que toda a Humanidade se fixo na Resolución da Asemblea Xeral das Nacións Unidas “Transformar o noso mundo: Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible” (2015), que ela mesma se define como un plan de acción a prol das persoas, o planeta e a prosperidade, enunciando os tres vértices dun triángulo onde as persoas e os seus dereitos humanos se sitúan no primeiro lugar, e onde o desenvolvemento non se concibe como algo meramente económico, senón ao servizo das persoas e para conservar o planeta.

 

A pandemia ocasionada polo coronavirus COVID-19, como desastre de alcance mundial, débese afrontar sen que supoña retrocesos no nivel alcanzado de dereitos humanos. Pero con iso non basta: o enfoque de dereitos humanos débese integrar dentro do corazón das políticas públicas de reconstrución. Un enfoque que inclúe, como un dos seus alicerces, a igualdade dos sexos, pois as mulleres, que nos traballos de coidado estiveron na primeira liña de loita contra a enfermidade, deben estar tamén na primeira liña no deseño da reconstrución, e participar na súa execución.

 

A Institución da Valedora do Pobo de Galicia debe responder a ese reto, e continuar sendo unha institución eficaz, responsable e inclusiva, e debe, a través das súas competencias, supervisar, colaborar e cooperar cas Administracións Públicas de Galicia para que sexan e sigan sendo institucións sólidas.

 

Deste xeito, actualizamos e seguimos cumprindo o mandato que o Estatuto de Autonomía de Galicia hai 40 anos lle deu á Institución da Valedora do Pobo: defender os dereitos humanos da cidadanía de Galicia e colaborar e cooperar para o bo goberno das Administracións Públicas de Galicia.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal