O que non se nomea non existe para o coñecemento humano.
Desde o principio da nosa civilización houbo violencia de xénero, houbo acoso sexual e houbo discriminación das mulleres. Mais estes fenómenos non existían para o coñecemento humano, non se visibilizaban como negativos, non se nomeaban. O que daquela estaba nomeado era a submisión das mulleres aos pais e aos maridos.
Categorías como discriminación por razón de xénero, principio de transversalidade, discriminación indirecta, conciliación e corresponsabilidade, ou discriminación múltiple e interseccional, eran, ata hai pouco, descoñecidas, mais agora xa teñen nome e están nas nosas leis.
Pero para que se identifiquen cun nome propio as discriminacións e as causas da desigualdade, para que se constrúan medidas para combater a discriminación e a violencia de xénero, para que todo iso sexa posible, é necesario o estudo e a investigación.
A razón de ser dos Premios Valedora do Pobo para traballos de Fin de Grado e para traballos de Fin de Máster é fomentar o estudo e a investigación para abrir novos espazos ao coñecemento humano que permitan identificar e nomear as situacións de desigualdade e construír medidas para erradicalas como paso necesario para avanzar na loita pola igualdade.
Este ano, o primeiro en que se conceden estes premios, tivemos a satisfacción de comprobar -pola cantidade e calidade de todos os traballos presentados- que se están sentando as bases para novos avances, precisamente, onde está o berce do coñecemento humano por excelencia: nas universidades. Momento idóneo este para agradecer o compromiso para con estes premios das tres universidades galegas.
Boa proba da calidade de todos os traballos participantes son os magníficos traballos que quedaron finalistas: o Fin de Grado de Sabela Pérez Martín, titulado «Unha realidade silenciada. Violencia machista institucional», e o Fin de Máster de Noelia Álvarez Estévez, titulado «Análise da representación das mulleres nos libros de FOL (formación e orientación laboral) a través da revisión bibliográfica».
E, por suposto, parabéns as dúas gañadores do premio:
Amara García Adán, polo traballo Fin de Grado titulado «Inxustiza epistémica e argumentación xurídica. Especial atención nos casos de violación».
E Ángela Fernández Dasilva, polo traballo Fin de Máster titulado «As políticas de igualdade de xénero na universidade. O caso de Galicia».
Xa remato felicitando de novo as dúas gañadoras, as finalistas, e a todos quen se presentaron ao premio. Teño de seguro que con esta implicación das universidades, con estas liñas investigadoras, se chantan as bases para nomear o que non se coñece, expandir os límites do coñecemento humano e construírmos novos avances na loita pola igualdade.
Pazo de Fonseca. 30 de marzo de 2021.
The comments are closed.