Diferentes institucións piden un trato igualitario no Día Internacional do Pobo Xitano.

08 Abril, 2021 actualidade, Novas, Novas

Recoñecer legalmente o matrimonio xitano, combater estereotipos, tender pontes, visibilizar desigualdades e lembrar o papel dos maiores son algunhas das ideas que se manifestaron na xornada “Pobo xitano: por unha sociedade máis igualitaria II” que hoxe, 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano, celebraron o Consello da Cultura Galega (CCG), a Valedora do Pobo e a Fundación Secretariado Gitano. Os relatorios, que foron gravados previamente, xa se poden consultar desde o web e as redes sociais do CCG.

“En Galicia residen uns 13.000 xitanos, unha cifra que amosa que non son unha minoría e non poden pasar desapercibidos” asegurou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, quen incidiu na relevancia desta xornada a prol da tolerancia, a inclusión e a igualdade dun pobo que, pola súa condición de emigrante, sabe o que é en carne propia a importancia da integración. A presidenta incidiu en que “ese tipo de xornadas serven tamén para tender pontes que abren camiños en dúas direccións, xa que tamén queremos que este pobo coñeza a cultura galega”. A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, fixo na súa intervención un chamamento aos poderes lexislativos a saldar unha “débeda histórica e recoñecer o matrimonio xitano, un dos sinais de identidade dun pobo que ten máis de cincocentos anos e que está perfectamente integrado na cultura española”. Pola súa parte, Eva Vera, delegada territorial da Fundación Secretariado Gitano, enmarcou a celebración desta cita no 50 aniversario do I Congreso Mundial roma/xitano realizado en Londres en 1971, no que se instituíron catro símbolos de especial transcendencia: o idioma, a bandeira, o himno xitanos e a data do 8 de abril como o seu Día Internacional.

Na mesa de inauguración da xornada, a delegada territorial da Fundación Secretariado Gitano, Eva Vera, xunto coa técnica da oficina de Santiago, Lorena Moreno, fixeron entrega da bandeira da cultura xitana, que simboliza a historia deste pobo. Lorena Moreno explicou que a “a cor azul simboliza o ceo; a verde, o campo; a roda, o carácter nómade, e a vermella, o sufrimento do noso pobo”.

Os maiores: o programa

As dificultades no acceso á vivenda, os prexuízos da cidadanía con algúns exemplos en carne propia evidenciáronse na mesa moderada por Fernando Montoya Silva, da Fundación Secretariado Gitano. Nela participaron a xornalista Ana Mª Segovia Montoya, actualmente directora do Departamento de Comunicación da Fundación Secretariado Gitano en Madrid; David Gabarri Jiménez, estudante do grao de Educación Social na Universidade da Coruña e traballador da Fundación Secretariado Gitano na Coruña, e Sonia Suárez, graduada en Traballo Social pola Universidade de Vigo e monitora de apoio e integración a persoas con discapacidade. A parte máis emotiva foi a de Manuela Díaz, que narrou o seu día a día como traballadora nos mercados ambulantes.

Antecedentes: a primeira xornada

Esta cita estivo moi marcada pola COVID-19. Íase celebrar na primavera de 2020 e tivo que se adiar no calendario por mor da situación sanitaria. Mudou de formato e desdobrouse en dúas xornadas. A primeira delas foi en novembro de 2020, no Día internacional da Tolerancia, e nela apuntouse a diversidade interna do pobo xitano, a riqueza das súas expresións culturais e a necesidade de combater os estereotipos.

Aquela cita programou unha conferencia de Carlos Giménez, catedrático de Antropoloxía Social da Universidad Autónoma de Madrid, quen trazou unha panorámica da cultura xitana. Na intervención, que se pode consultar desde o web do CCG, fixo un achegamento a esta cultura desde un punto de vista antropolóxico. Nela destacou que hai moitas formas de ser xitano e trazou características comúns. “O pobo xitano ten trazos físicos e biolóxicos que teñen que ver co xenotipo (a forma da cabeza, dos ollos, do esqueleto, do cranio…) pero non son o máis importante, porque sabemos que a raza física non indica nada” explicou. Na súa opinión, o verdadeiramente significativo está nas manifestacións culturais, nos seus valores e en toda a dimensión simbólica. “Teñen un concepto moi arraigado e singular da familia, pero tamén teñen outros valores como o respecto aos seus maiores ou as formas de solución de conflito, nas que as figuras de respecto teñen un rol importante”. Engadiu que é un pobo tremendamente relixioso, tanto na súa versión católica como na protestante-evanxélica, para o que “a conexión entre o cultural e relixioso é moi profunda”.

Tamén destacou a riqueza e a importancia da produción cultural do pobo xitano. “No centro da produción literaria e poética está o flamenco, que foi declarado pola Unesco patrimonio inmaterial da Humanidade en 2010. É unha expresión de canto, baile e música e hai unha riqueza enorme nesta primeira visión”. Pero advertiu que “o flamenco non é só unha expresión artística, senón que ten tamén unha dimensión social, de resistencia… que cómpre ter moi presente”. Puxo o acento en explicar que outro dos aspectos importantes é a diversidade interna do pobo xitano.

Ligazóns relacionadas

http://consellodacultura.gal/evento.php?id=201132

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal