DENUNCIAR, COMBATIR, ERRADICAR, A TRATA E TRÁFICO DE MULLERES, NENAS E NENOS PARA A SÚA EXPLOTACIÓN SEXUAL.

23 Setembro, 2021 actualidade, Novas, Novas

Valedora do Pobo. 23 de setembro.-

 

Considerada como unha forma de violencia de xénero e de discriminación contra a muller, desde 1999 o 23 de setembro conmemórase o Día Internacional contra a Explotación Sexual e o Tráfico de Mulleres, Nenas e Nenos, instaurado pola Conferencia Mundial da coalición Contra o Tráfico de Persoas en coordinación coa Conferencia de Mulleres celebrada en Dhaka, Bangladesh.

 

Neste senso, en consonancia co criterio de Amnistía Internacional, estamos perante unha grave violación dos dereitos humanos de numerosas mulleres e nenas en todo o mundo, con frecuente deriva cara a explotación sexual, e moi vencellada aos procesos migratorios onde afecta, especialmente, ás persoas máis vulnerables.

 

Galicia, coma o resto do estado español -porta de entrada de migración en Europa- é tamén un lugar de destino e tránsito para estas vítimas. Daquela, é preciso lembrar que o dereito internacional esixe unha resposta baseada nos dereitos humanos para previr e loitar contra a trata en todas as súas formas, e sobre todo para protexer os dereitos humanos das vítimas na lexislación -pero tamén na práctica-, con medidas acordes ás súas necesidades reais.

 

Nesa protección é preciso ter en conta a perspectiva de xénero; un tratamento axeitado segundo á idade; medios necesarios para a súa detección e/ou identificación; asistencia e protección; garantía de acceso á xustiza e o dereito á reparación integral.

 

Desde a institución da Valedora do Pobo manifestamos a necesidade de facer chegar á cidadanía esta problemática, axudar á toma de conciencia e a mellora da información ao respecto, para facer entre todas e todos, o posible por denunciar, combater e erradicar esta lacra que atenta gravemente contra os dereitos humanos de quen a padece. Supón, ademais, un sufrimento terrible e é posible pola connivencia de quen demanda prestacións incompatibles cunha sociedade xusta e solidaria.

 

  • – –

 

 

 

 

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal