Declaracións da Valedora do Pobo con motivo do día das persoas de idade, o 1 de outubro.

01 Outubro, 2020 actualidade, Novas, Novas

Con ocasión da celebración do día internacional das persoas de idade, instituído pola ONU o 1 de outubro,

 

A Valedora do Pobo desexa lembrar que:

 

Todos os seres humanos, sen importar a idade, somos iguais en dignidade, sen que, por razón da idade, unha persoa poida ser discriminada.

 

As persoas maiores atesouran un caudal de experiencia que, a través da súa dedicación, enriquece ás familias, ás comunidades e a toda a sociedade. Ningunha persoa maior é prescindible. Detrás de cada persoa maior hai unha historia e un proxecto aínda por vivir.

 

A dignidade e a valoración das persoas maiores esixe un compromiso reforzado dos Poderes Públicos para garantir os seus dereitos humanos, e en particular o seu dereito á vida e á saúde nesta situación de pandemia.

 

Os dereitos humanos das persoas maiores aparecen recoñecidos nos Principios das Nacións Unidas en favor das persoas de idade (1991) e nos instrumentos universais e europeos sobre dereitos humanos.

 

E unha prioridade que na elaboración das políticas públicas se dea un enfoque de dereitos humanos proxectado sobre as persoas maiores. Dito enfoque debe levar a que se fagan efectivos os seguintes principios:

 

-Deben ter a posibilidade de vivir en contornas seguras e adaptables ás súas preferencias persoais e ás súas capacidades en continuo cambio.

-Deben poder residir no seu propio domicilio por tanto tempo como sexa posible.

-Deben permanecer integradas na sociedade, participar activamente na formulación e a aplicación das políticas que afecten directamente ao seu benestar, e poder compartir os seus coñecementos e habilidades coas xeracións máis novas.

-Deben ter acceso a medios apropiados de atención institucional que lles proporcionen protección, rehabilitación e estímulo social e mental nunha contorna humana e segura.

-Deben poder gozar dos seus dereitos humanos e liberdades fundamentais cando residan en fogares ou institucións onde se lles brinden coidados ou tratamento, con pleno respecto da súa dignidade, crenzas, necesidades e intimidade, así como do seu dereito para adoptar decisións sobre o seu coidado e sobre a calidade da súa vida, e, no seu caso, a participar activamente nas decisións colectivas.

-Deben recibir un trato digno, independentemente da idade, sexo, raza ou procedencia étnica, discapacidade ou outras condicións, e han de ser valoradas independentemente da súa contribución económica.

A Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible recoñecen que o desenvolvemento só pode lograrse se inclúe a todas as idades, e empoderar as persoas maiores en todos os ámbitos do desenvolvemento, incluída a súa participación na vida social, económica e política, axuda a garantir a súa inclusión e a reducir as numerosas desigualdades as que se enfrontan estas persoas.

Para lograr eses obxectivos e co fin de ser instrumento de garantía dos dereitos das persoas de idade, a Valedoría do Pobo desenvolve un bo número de iniciativas propias ou como consecuencia das queixas. Destacan todas as que teñen por fin a preservación dos seus dereitos fundamentais. En numerosas ocasións ven como se poñen en cuestión as súas capacidades máis básicas, en especial o dereito a obrar de acordo co seu libre criterio. Iso se fai a través da imposición de medidas sen as debidas garantías, o que apreciamos especialmente no caso das persoas institucionalizadas.

O ano foi especialmente complicado na defensa dos dereitos das persoas de idade como consecuencia da pandemia. A crise sanitaria afectoulles de forma moi especial, poñendo de relevo a súa vulnerabilidade en diferentes aspectos, sobre todo o sanitario e o social.

O confinamento fixo dos centros residenciais das persoas de idade e dependentes un dos eixos fundamentais da crise. Era e segue sendo preciso maximizar as medidas de protección das persoas maiores nas residencias. Son as máis expostas polas súas circunstancias de saúde, pola necesidade de contacto cos profesionais debido a súa dependencia, e pola súa limitada capacidade de reacción.

As persoas usuarias deses centros son cada vez de maior idade, máis dependentes e cunha saúde máis precaria, o que pon de relevo a conveniencia de adaptar progresivamente as prazas a esa crecente realidade. Iso afecta a todo o sistema de benestar (saúde, dependencia…) e a todas as administracións.

O primeiro informe monográfico realizado na Institución dedicouse aos problemas das persoas de idade; titulouse Ser vello en Galicia. Quería poñer de relevo os retos que como sociedade tíñamos para atender, respectar, garantir o benestar e ser dignos dos nosos maiores. Para que eles, que tanto fixeron para que gocemos dun sociedade mellor, vexan que a nosa prioridade é asegurarlles o trato digno e agradecido que merecen.

Hoxe os problemas que afectan as persoas maiores son moitos, distintos e quizais máis complexos, polo que o labor cotiá da Valedora do Pobo seguirá procurándolles unha atención prioritaria.

Santiago de Compostela, a 1 de outubro de 2020.

María Dolores Fernández Galiño, valedora do pobo.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal