Declaración sobre Ucraína

05 Maio, 2022 actualidade, Novas, Novas

Reunidos os días 27 e 28 de abril de 2022 en Estrasburgo con motivo dunha conferencia da Rede Europea de Defensores do Pobo sobre O papel dos defensores do pobo en tempos de crises, organizada no marco da Presidencia francesa da Unión Europea;

Preocupados pola descrición da situación en Ucraína trasladada nesta conferencia pola Defensora do Pobo ucraína  Liudmyla  Denisova

Nós, Defensores do Pobo e Presidentes dos Comités de Peticións,

Reafirmamos a nosa plena solidariedade cos ucraínos que son vítimas dunha guerra de agresión, que está a dar lugar a actos que poden cualificarse como crimes de guerra ou mesmo crimes de lesa humanidade;

Reiteramos o noso apoio á nosa homóloga,  Liudmyla  Denisova, Defensora do Pobo de Ucraína;

Saudamos a decisión do Consello da Unión Europea de activar o mecanismo de protección temporal, que outorga protección inmediata aos refuxiados ucraínos. Esta é a primeira vez que se activa a directiva desde que se adoptou en 2001;

Permanecemos atentos á continua posta en práctica deste mecanismo e ás condicións de acollida dos refuxiados nos nosos diversos países;

Compartimos a profunda preocupación de  Liudmyla  Denisova polo destino dos adultos, nenos e orfos que foron trasladados pola forza a Rusia;

Compartimos os seus temores con respecto ao respecto dos dereitos das persoas desprazadas e o risco de trata e explotación de nenos e adultos, e solicitamos unha investigación internacional independente para obter máis información sobre a súa situación;

Chamamos á nosa homóloga rusa a desempeñar o seu papel, fronte ás autoridades nacionais, na protección dos dereitos fundamentais de todas as persoas, independentemente da súa orixe e sen discriminación de ningún tipo, e con especial atención ás persoas desprazadas ou refuxiadas en Rusia.

Nós, Defensores do Pobo e Presidentes dos Comités de Peticións,

Permanecemos alerta, no contexto desta guerra e da chegada de refuxiados, ao respecto, por parte dos países europeos, dos seus compromisos internacionais, en particular a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, a Convención de Xenebra, a Convención Internacional sobre os Dereitos do Neno, e o Convenio Europeo de Dereitos Humanos.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal