Declaración institucional no día internacional de loita contra o acoso escolar

02 Maio, 2017 Dereitos, Institución, Menores, Novas, Novas

O acoso escolar segue a ser unha cuestión que merece a atención de toda a sociedade.

A posta en marcha de medidas de detección, prevención e tratamento do acoso escolar nos centros educativos; así como das campañas de sensibilización e a crueza coa que as vítimas relatan as súas experiencias non conseguiron pór freo a esta realidade.

Neste 2 de maio, día internacional contra o acoso escolar, lembramos que moitas situacións que chega a coñecer o Valedor do Pobo non poden nin deben ser toleradas no sistema educativo. Percibimos que os esforzos se centran excesivamente en tipificar a conduta, sen prestar a suficiente atención ao sufrimento da vítima.

O Valedor do Pobo da trámite a multitude de queixas cada ano en relación a esta problemática. Diferentes membros da comunidade escolar nos trasladan a incidencia destes problemas especialmente en Secundaria e,  de xeito máis alarmante, na etapa de Primaria.

O 27.5% dos 8.000 participantes nunha enquisa realizada polo Defensor del Pueblo ao inicio deste curso afirmaban coñecer incidentes de violencia ou acoso nos seus respectivos centros. O dato resulta preocupante e require de atención inmediata por parte dos ombudsman e das institucións educativas.

Facémonos eco das reivindicacións que nos achegan as familias por medio das súas queixas. Cómpre reforzar a vixilancia nas entradas e saídas dos centros e nos espazos comúns fóra das aulas. Tamén haberá que incidir no fomento da sensibilización do alumnado e na formación do profesorado. O persoal docente desenvolve un imprescindible papel na detección de actitudes de violencia por acoso, moitas veces encubertas e silenciadas na propia contorna. A resposta inmediata é unha esixencia á que poden contribuír desde a súa posición.

Dende esta institución afirmamos que todos os abusos, á marxe de que sexan ou non un caso de acoso escolar, deben ser corrixidos con contundencia.

Un ensino de calidade e igualdade de oportunidades esixe que unha contorna libre de violencia, onde o alumnado poida desenvolver plenamente a súa personalidade e as súas capacidades.

O acoso segue a ser unha realidade oculta, que adquire diferentes formas segundo o caso.  Preocupa a esta valedora especialmente a violencia de xénero exercida polos máis novos e mesmo as actitudes homofóbicas ou transfóbicas, que tantas veces denunciamos.

Faise precisa unha abordaxe multidisciplinar na loita contra este fenómeno, reforzar os protocolos vixentes e implicar aos profesionais da educación, ás familias e ao alumnado en materia de acoso a través da prevención, da detección e da recuperación das vítimas.

Consideramos que o interese superior do menor sempre debe inspirar as intervencións, tanto coas vítimas, como cos agresores.

Neste día internacional contra o acoso escolar damos de novo voz aos que non a teñen, ou a teñen moi baixiña e decímoslles ás vítimas do acoso escolar: non estades soas.

 

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2017

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal