Declaración institucional da Comisión da Transparencia de Galicia, presidida pola valedora, no día internacional do “dereito a saber”

28 Setembro, 2016 Institución, Novas, Transparencia

Con motivo da conmemoración hoxe, 28 de setembro, do Día Internacional do dereito ao acceso universal á información, os integrantes da Comisión da Transparencia de Galicia, presidida pola valedora do pobo, Milagros Otero, emitiron unha declaración institucional, que se reproduce a continuación:

 

Os integrantes da Comisión da Transparencia, que traballamos polo efectivo cumprimento na nosa comunidade do dereito de acceso á información pública, queremos subscribir, no día de hoxe, o espírito que levou no ano 2002 a defensores da liberdade de expresión, procedentes de 15 países, a reunirse en Sofía (Bulgaria) para promover a transparencia e a responsabilización dos gobernos polas súas actuacións ante a cidadanía. Desde entón, institucións públicas e organizacións da sociedade civil celebran cada 28 de setembro o  Día internacional do dereito a saber que, neste ano 2016, conta xa co recoñecemento da Unesco, que proclamou esa data como Día internacional do dereito de acceso universal á información.

O dereito ao acceso á información debe entenderse na súa dobre vertente: a proactiva (como a  obriga que asumen os organismos públicos de publicar e dar a coñecer a información sobre as súas actividades, orzamentos e políticas) e a reactiva (como dereito da cidadanía a solicitar aos empregados públicos calquera tipo de información e de resposta documentada).

O tamén denominado dereito a saber está consagrado formalmente nos distintos instrumentos internacionais de protección de dereitos humanos, así como no ordenamento xurídico estatal e autonómico.  En Galicia, a aprobación o 18 de xaneiro de 2016 da Lei 1/2016, de transparencia e bo goberno, fortaleceu o mandato constitucional, que obrigaba  á súa protección, e veu completar as previsións que as Cortes Xerais aprobaron na Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno. Este contexto normativo, sen dúbida,  artella obrigas de publicidade dos actos da administración e de toda a información pública que,  ata o de agora, se presentaban difusas; pero, o que é máis importante se cabe, avanza na protección real do dereito da cidadanía a acceder a información pública e a exercelo con todas as garantías.

Entendemos que nunha democracia como a nosa resulta fundamental que os cidadáns accedan aos datos públicos das súas administracións e poidan, deste xeito, participar, dunha maneira efectiva, na configuración das políticas que lles afectan. Pola súa banda, os poderes públicos deben asumir con responsabilidade as súas obrigas de difusión activa da información pública, dando resposta ás  solicitudes que sobre a mesma lles achega a cidadanía. O recoñecemento deste dereito supón, sen dúbida, un cambio de actitude nas relacións administración-cidadanía, un cambio de actitude que incrementa notablemente a calidade democrática.

A Comisión da Transparencia á que representamos, e que leva traballando formalmente apenas cinco meses, é depositaria de parte desta responsabilidade. A nosa contribución á creación dunha auténtica cultura da transparencia en Galicia, ademais de se converter nunha oportunidade, supón un reto, sobre todo nesta etapa inicial de traballo. Cómpre superar obstáculos e dificultades cara a sensibilización dos axentes públicos na nova realidade. Somos conscientes de que os organismos públicos manexan moita información que pertence á cidadanía, e da dificultade que o novo marco imprime a todos os seus procedementos. Coñecemos esa realidade e estamos ao seu servizo para acompañalos neste proceso.

Pero tamén estamos firmemente comprometidos coa cidadanía e coa protección dos seus dereitos. Aproveitamos esta data sinalada para reiterar a nosa disposición, o noso traballo e o noso compromiso. Os cidadáns galegos poden ter a seguridade de que dedicaremos todos os esforzos posibles á defensa do dereito á transparencia e á atención rigorosa das súas reclamacións. Sabemos que o usarán con sentido da responsabilidade, na convicción de que é a única garantía dun cabal e xusto funcionamento.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2016.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal