Declaración de Bogotá do I Cume Iberoamericano sobre dereitos humanos, migrantes e trata de persoas, da Federación Iberoamericana de Ombdusman

15 Maio, 2015 Exclusión social, Institución, Menores, Muller, Novas
O valedor do pobo asistiu invitado pola Federación Iberoamericana de Ombudsman ao I Cume Iberoamericano sobre dereitos humanos, migrantes e trata de persoas celebrado en Colombia. Ao remate do mesmo os 28 defensores asistentes procedentes de América Latina, España e Portugal asinaron a Declaración de Bogotá, como unha folla de ruta contra estes delictos de caráter transnacional.
Reprodúcese a continuación o contido íntegro da declaración

DECLARACIÓN DE BOGOTÁ DO PRIMEIRO CUME IBEROAMERICANO SOBRE DEREITOS HUMANOS, MIGRANTES E TRATA DE PERSOAS, DA FEDERACIÓN IBEROAMERICANA DO OMBUDSMAN (FIO)

As institucións que constituímos a Federación Iberoamericana do Ombudsman (FIO), reunidas en Bogotá, República de Colombia, con motivo do Primeiro Cume Iberoamericano  sobre Dereitos Humanos, Migrantes e Trata de Persoas, a fin de enfrontar o risco de persoas en migración, trata e tráfico ilegal de persoas, declaran:

A trata de persoas constitúe un grave delicto de caráter nacional e transnacional, que no seu aumento desmedido afecta de xeito sistemático, profunda e irreversible os dereitos das e os habitantes dos Estados, e que para a súa erradicación é necesario definir e implementar estratexias globais eficaces;

Existe unha grande preocupación dos Estados polo fluxo interno e externo das persoas, que xerou o establecemento de diversas políticas de inmigración, que non resultan harmónicas en materia de fluxo migratorio;

A trata e tráfico ilegal de persoas afectan a integridade, dignidade e liberdade das persoas, especialmente daquelas que se atopan en situación de maior vulnerabilidade como mulleres, nenos e nenas, persoas migrantes, indíxenas, etc.

Somos conscientes da importancia que como Ombudsman temos para promover políticas públicas que privilexien ás e ós titulares de dereitos e vítimas da súa violación reivindicando os seus dereitos a través de asistencia inmediata e reparación integral.

Por tales razóns comprometémonos a:

Incrementar os nosos esforzos para conseguir que as políticas públicas de erradicación do tráfico ilegal de persoas e a trata de seres humanos, poñan sempre no centro á persoa, evitando aquelas actuacións que, na súa loita contra estes delictos, esquezan a protección e o dereito á reparación de cada vítima.

Instar a que os Estados cumpran os contidos do Protocolo de Palermo, por medio da implementación de políticas públicas con enfoque en Dereitos Humanos, tendo en conta a dimensión transnacional do delicto e cunha perspectiva de xénero.

Visibilizar que a migración non é unha dinámica que incumbe de xeito exclusivo á xurisdicción interna dos Estados senón que é unha problemática que require dunha abordaxe holística de dereitos humanos.

Adiantar as accións que sexan necesarias para que dentro do ordenamiento xurídico se incorporen os principios internacionais de dereitos humanos, que non criminalicen a migración e recoñezan a trata de persoas como crime de lesa humanidade nos términos do Estatuto de Roma.

Ter en conta, así mesmo, a especificidade do fenómeno migratorio de persoas dos pobos orixinarios como así tamén a nenez migrante sen acompañamento e da súa situación de vulnerabilidade.

Impulsar a consagración polos Estados dos instrumentos que permitan a efectiva persecución da trata de persoas baixo o principio de xurisdicción universal, cando este delito se estructure como de lesa humanidade nos términos do Estatuto de Roma.

Intensificar os esforzos para unificar estratexias de intervención, promoción, concienciación, sensibilización e defensa ante a sociedade e os poderes do Estado, artellando iniciativas das nosas institucións para incidir sobre a diminución da trata e tráfico ilegal de persoas.

A FIO ten a seguridade de que o cumprimento destes compromisos traerá consigo unha mellor protección dos dereitos das vítimas de trata de persoas e particularmente das e dos migrantes da nosa rexión, así como a participación das vítimas en tanto son suxeitos de dereito.

Dada en Bogotá, República de Colombia, aos 13 días do mes de maio de 2015.

 

 

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal