COVID-19: COIDAR A QUEN NOS COIDAN. IGUALDADE DE XÉNERO, CONCILIACIÓN E CORRESPONSABILIDADE por María Dores Fernández Galiño, Valedora do Pobo.

01 Febreiro, 2021 actualidade, falamos de feminismo, Novas, Novas

Os desastres, xa sexan naturais ou causados polos seres humanos, acompañaron sempre á Humanidade. De aí a existencia de estudos interdisciplinares sobre os seus efectos económicos, sociais, demográficos, sanitarios, políticos… e, por suposto, tamén xurídicos, ata o extremo de falarse dun dereito dos desastres (disaster’s law). Se algo se aprendeu da Historia e no que coinciden todos os estudos sobre os desastres, é que neles están comprometidos os dereitos humanos. Precisamente, a salvagarda dos dereitos humanos é o tema estrela desta variante do dereito, e, en particular, o referido á igualdade de mulleres e homes pois que os desastres agudizan a situación previa de discriminación, propician os retrocesos no nivel de igualdade e son caldo de cultivo para a violencia de xénero.

A pandemia causada polo coronavirus, a COVID-19, como desastre que é, tamén responde a estas consideracións, e ao ter alcance mundial, estas consideracións pódense proxectar sobre a situación de calquera nación. De aí, a necesidade de analizar nos ámbitos nacional e universal o impacto de xénero da pandemia que xa foi destacado polos organismos internacionais, europeos, nacionais e autonómicos implicados na igualdade de xénero, como:

— UN Women/ONU Mulleres, que deseñou unha resposta rápida e específica para mitigar o impacto da crise do COVID-19 nas mulleres e as nenas e garantir que a recuperación a longo prazo as beneficie.

— O Instituto Europeo de Igualdade de Xénero (EIGE), que realizou varias análises sobre como o COVID-19 está a impactar sobre a igualdade de xénero en diferentes áreas: traballadores en primeira liña; impactos de xénero e saúde; traballo non remunerado e tarefas domésticas, dificultades económicas e xénero; violencia de xénero; e persoas en vulnerabilidade.

— No plano estatal, o Instituto de la Mujer que elaborou unha guía sobre “A perspectiva de xénero, esencial na resposta á COVID-19”.

— No plano autonómico, concretamente en Galicia, a Secretaría Xeral de Políticas de Igualdade realizou diversas actuacións dada a situación derivada do COVID-19.

Pese ao estado de alarma, a institución da Valedora do Pobo non interrompeu en ningún momento a súa actividade que pasou de presencial a telemática, apreciándose un incremento significativo da mesma pois, ademais das causas ordinarias, se abordaron diversas cuestións asociadas á situación xerada pola pandemia. No que agora nos corresponde destacar, a Institución realizou diversas actuacións desde unha perspectiva de xénero e deu publicidade as recomendacións das autoridades sanitarias, ademais de analizar, desde os primeiros momentos, as consecuencias da pandemia, analizadas con perspectiva de xénero así como das medidas para combatela.

Tomando en consideración as achegas de organismos de igualdade a todos os niveis e a propia actividade da Valedora do Pobo, esbozarei algúns aspectos derivados da aplicación da perspectiva de xénero a través dun cuádruplo achegamento:

  1. Consecuencias da enfermidade sobre a saúde das persoas, en particular as dedicadas aos coidados.
  2. Consecuencias do confinamento e medidas acordadas para combater a enfermidade sobre os dereitos con maior dimensión de xénero, como a conciliación e a corresponsabilidade, ou a violencia de xénero.
  3. Consecuencias sociais, laborais e económicas derivadas da enfermidade e/ou das medidas para combatela.
  4. E todo o anterior en situacións de multi-discriminación.

 

1.Consecuencias da enfermidade sobre a saúde das persoas, en particular as dedicadas aos coidados.

Un primeiro achegamento á pandemia, atendendo ás consecuencias da enfermidade analizadas con perspectiva de xénero, obriga a considerar o sexo das vítimas. Aínda que os datos estatísticos oficiais non sexan nin definitivos, nin completamente fiables dado que non se realizou o test a toda a poboación (nin en España nin o resto do mundo), apúntanse dúas tendencias: hai máis persoas falecidas do sexo masculino, o que se adoita xustificar en que os homes padecen máis enfermidades pulmonares e cardíacas intercurrentes debido ao maior hábito tabáquico, mentres que hai máis persoas contaxiadas do sexo feminino, o que se adoita xustificar en que as mulleres se atopan en primeira liña de loita.

Débense analizar estas diferenzas por sexo para non volver caer no erro de procurar un medicamento só en función dun sexo que, historicamente, foi o masculino. Os ensaios clínicos ata non hai moito víñanse realizando con grupos de poboación integrados só por homes, como aconteceu coa maioría dos antinflamatorios, co argumento de non incluír ás mulleres para protexer a súa fertilidade ou porque os seus cambios hormonais alterarían os resultados. Tamén, ata hai pouco, se elaboraron os protocolos médicos considerando só aos homes; é coñecido o caso do infarto cuxos protocolos só consideraban os síntomas do infarto en homes, aínda que son diferentes no caso das mulleres.

Detectar os diferentes efectos da enfermidade sobre a saúde dos homes e das mulleres é o paso fundamental para abordar a emerxencia sanitaria nos diferentes individuos e comunidades. E tamén é a base dunha política de saúde en igualdade. A investigación médica e os servizos de saúde deben avaliar o impacto nos dous sexos (factores biolóxicos) e nos roles de xénero (factores sociais) no canto ás diferenzas de saúde existentes entre mulleres e homes para servir mellor ás necesidades de saúde das persoas individuais. Tamén se chamou a atención sobre a necesidade de incrementar a presenza das mulleres na gobernanza da saúde, nos órganos de decisión e nos equipos de investigación.

O día 28 de maio, Día internacional da acción pola saúde das mulleres, a institución da Valedora do Pobo emitiu un comunicado destacando que por mor desas diferenzas biolóxicas e sociais, a pandemia que sufrimos sacou á luz necesidades específicas da saúde das mulleres como a situación de embarazadas, parturientas ou lactantes contaxiadas ou en risco de contaxio, e a súa incidencia na saúde do feto ou recentemente nado; as dificultades de denuncia da violencia contra as mulleres; os delitos sexuais en rede contra as mulleres; a conciliación nunha contorna de confinamento e a tensión adicional que trae consigo; a diminución de recursos económicos en sectores feminizados, xa de seu economicamente débiles, como as empregadas de fogar ou camareiras de hotel; ou a prevención da saúde en profesións feminizadas en primeira liña de loita contra a pandemia como médicas, sanitarias, coidadoras ou limpadoras.

En relación coas embarazadas, parturientas ou en estado de lactación hai dous aspectos importantes a considerar. Dunha banda, o risco, que afecta a todas estas mulleres, e ao mesmo tempo ao feto ou ao recentemente nado, cando acoden a servizos hospitalarios para exames prenatais, para o parto ou para a estancia post-parto, en especial se os hospitais están saturados a consecuencia de pacientes con COVID-19. Doutra, as especialidades requiridas para o tratamento das embarazadas, parturientas ou en estado de lactación que xa estiveran contaxiadas de COVID-19, e máis o risco de poder contaxiar ao recentemente nado.

Máis ca nunca nesta situación de pandemia débense atender as recomendacións das autoridades sanitarias.

A súa difusión é necesaria para o coñecemento das mulleres concernidas, as súas parellas e familias, actuando como un elemento de tranquilidade. A Valedora do Pobo de Galicia, consciente da incerteza que aínda hai sobre a transmisión do coronavirus, e coetaneamente coa declaración de pandemia pola OMS, deu publicidade á guía coas pautas a seguir elaborada polo Ministerio de Sanidade de acordo coas recomendacións da propia OMS: “Manexo da muller embarazada e o recentemente nacido con COVID-19”.

Recibimos tamén queixas en relación cos diferentes criterios para permitir ou non o acompañamento durante o parto. Pedimos informe á Consellería de Sanidade que contestou no sentido de que logo de recibir a nosa solicitude procederon a comezar os trámites para a redacción dun protocolo consultando coa asociación de matronas (unha das entidades asinante dunha das  queixas).

A elevada porcentaxe de contaxio feminino atopa unha das súas causas -quizais non sexa a única, pero sen dúbida é moi relevante- en que son mulleres as que están, maioritariamente, na primeira liña de loita contra a enfermidade. Aí atopamos colectivos profesionais altamente feminizados onde o contaxio se produce polo contacto persoal, propio do traballo de coidados que é realizado, maiormente, por mulleres pois o sector da sanidade está feminizado a todos os niveis (médicas, enfermeiras ou auxiliares), como tamén o están o sector da dependencia (tanto a atención domiciliaria como en residencias de maiores), o coidado de nenos, o emprego no fogar e o sector de limpeza.

Todos estes traballadores, como se dixo, na súa maioría, mulleres, van estar en contacto con persoas contaxiadas en maior medida que outros sectores profesionais. Aquí nos atopamos cunha consecuencia da segregación profesional entre os sexos (as chamadas paredes de cristal). Segregación profesional determinante dunhas condicións de emprego e traballo inferiores ás doutros sectores profesionais masculinizados onde os empregos son máis seguros, as retribucións mais altas e, en xeral, son mellores as condicións de traballo. Paradoxalmente, as profesións de coidado se erixen como as máis necesarias nestes momentos para o tratamento de persoas enfermas e a contención da pandemia.

Á vista destas consideracións, hai un crecente consenso social e institucional na necesidade de atribuír maior valor ao traballo de coidados en todas as súas variantes. Un consenso que roza a unanimidade cando a opinión emana de organismos de igualdade, pois se trata dun chamamento que atopamos en ONU Mulleres, o EIGE ou no Instituto de la Mujer. Os desafíos crecentes aos que se enfrontan as persoas dedicadas ao traballo de coidados deben conducir a unha mellora do seu recoñecemento social que debera traer aparellado unha mellora das súas condicións de traballo, con empregos máis estables e mellor remunerados en termos comparativos con outros de igual valor.

A preocupación por este colectivo foi o motor de diversas actuacións da Valedora do Pobo baixo a idea de “coidar a quen nos coidan”.

Neste sentido, as inquietudes relativas á ausencia de equipos de protección e de probas PCR foron comunicadas á Valedora desde o momento inicial da declaración do estado de alarma. Tramitamos as queixas e iniciamos investigacións de oficio para abordar a cuestión exposta en relación co persoal sanitario, socio-sanitario e de axuda no fogar. En caso de denuncia de ausencia de EPIS en empresas privadas, informamos ás persoas denunciantes sobre a posibilidade de poñer os feitos en coñecemento da inspección de traballo. Contactamos tamén co Defensor del Pueblo, á vista de que a normativa emanada do Estado establecía condicións relativas ao manexo do material sanitario.

 

2.Consecuencias do confinamento e medidas acordadas para combater a enfermidade sobre os dereitos con maior dimensión de xénero.

Fronte á situación de pandemia, os poderes públicos reaccionaron con medidas diversas, o que nos conduce a analizar como esas medidas -en particular de confinamento-,  afectaron ás mulleres de xeito diferente cos homes. Baixo esta perspectiva de achegamento, hai dous temas estrela: dun lado, o incremento das necesidades de conciliación atendendo ao peche das gardarías, colexios e, en xeral, centros educativos, así como pola reagrupación en moitos casos dos pais maiores nos domicilios dos seus fillos; doutro lado, o illamento ao cal se atopan sometidas as vítimas de violencia de xénero, dificultando as medidas para combatela.

A cuestión da conciliación e a corresponsabilidade mereceu atención lexislativa a nivel estatal. A estes efectos, o RDL 8/2020 adoptou dúas medidas sobre as cales convén realizar algúns apuntamentos.

A primeira medida é a preferencia do traballo a distancia, obrigando á empresa a “adoptar as medidas oportunas si iso é técnica e razoablemente posible e si o esforzo de adaptación necesario resulta proporcionado”, e á persoa traballadora a aceptalo. Pero o tele-traballo non ten máis regulación específica que a dun Acordo marco europeo de 2002 que nin sequera é de obrigatoria transposición, e o traballo a distancia está escasamente regulado no Estatuto dos Traballadores, artigo 13. Tan escasa regulación non axuda á súa implantación e, en todo caso, unha futura regulación esixe ser abordada con perspectiva de xénero, con propostas de mellora para favorecer a corresponsabilidade e corrección das desvantaxes que se asocian ao tele-traballo como a dificultade de desconectar, ou a existencia de controis abusivos sobre a actividade laboral.

Se non aplicamos a perspectiva de xénero, a futura regulación do tele-traballo pódeo converter nunha forma de potenciar as desigualdades.

A outra medida recollida no RDL 8/2020, que se titula como Plan Mecuida (art. 6), é o recoñecemento dun dereito da persoa traballadora á reordenación/redución da xornada de traballo cando o seu cónxuxe, parella ou familiar da persoa traballadora padeza o COVID-19, estivese en centros educativos ou de coidado que teñan que pechar por causa do COVID-19, ou cando a persoa que coidaba ao cónxuxe, parella ou familiar non puidese seguir facéndoo por causa do COVID-19. Pero a redución de xornada trae consigo a redución do salario, e sen que haxa unha prestación social que cubra a diferenza. Si resulta moi positiva a potenciación do dereito á presenza ao permitir a reordenación, non só da xornada senón tamén o cambio de centro de traballo, de funcións, de forma de prestación do traballo, incluíndo a prestación de traballo a distancia, ou calquera outro cambio de condicións que estivese dispoñible na empresa ou puidese implantarse de modo razoable e proporcionado.

Seguramente consciente de que estes dereitos de conciliación adoitan dexenerar nun exercicio feminino, a norma, con boa intención, invoca a corresponsabilidade, o cal permite explicar a exclusión dos parentes por agnación (aínda que a exclusión pode ter o efecto perverso de que a muller traballadora abandone o traballo para coidalos), pero máis aló non é doado concluír como se pode implementar a corresponsabilidade si non é a conta de violentar a privacidade do matrimonio, parella ou familia.

Non parece que estas normas, se non van acompañadas de reformas profundas na regulación do tele-traballo ou dunha mellora da cobertura económica dos dereitos de conciliación das persoas traballadoras, ou en xeral da rede de coidados, sexan suficientes para evitar o risco sobre o cal están a alertar todos os organismos de igualdade: que os estereotipos de xénero, no canto de desmantelarse, se reforcen nesta situación de pandemia por unha maior dedicación das mulleres aos labores de coidado dentro dos matrimonios, as parellas e as familias.

Tramitáronse varias queixas por excluír da prórroga, ata o 30 de decembro de 2020, dos contratos de investigación, que concluían o 30 de xuño, a catro persoas, tres mulleres e un home, que tiveron permisos de maternidade/paternidade. Denuncian na queixa que tiñan a garantía de participar na convocatoria de contratos da modalidade B nas mesmas condicións que o resto dos candidatos e que iso xa non vai ser así.

Un aspecto vinculado á vida das familias que se viu alterado pola situación de confinamento foi en relación co cumprimento do réxime de custodia e visitas de menores en matrimonios separados ou divorciados, ou parellas rotas. A inquietude foi canalizada por varios Centros de Información da Muller e proviña de nais preocupadas polo risco de contaxio derivado da entrega dos menores, e á súa vez o temor, si non os entregan, de ser denunciadas por incumprimento. Sendo necesario incidir sobre competencias estatais para resolver a cuestión, a Valedora dirixiuse ao Defensor del Pueblo solicitando que se valorase a conveniencia de iniciar unha actuación de oficio.

O 7 de abril nunha rolda de prensa, Evelyn Regner, presidenta da Comisión de Dereitos da Muller do Parlamento Europeo afirmou que “todos nos enfrontamos a importantes riscos psicolóxicos debido ao illamento ou a corentena, pero as mulleres e ás veces tamén os nenos en domicilios non seguros viven unha situación particularmente delicada”, e engadiu que “debemos prestar atención a esta cuestión e ampliar as medidas para atallar a violencia contra as mulleres”.

A situación das mulleres que sofren violencia de xénero é alarmante pois estiveron atrapadas cos seus agresores, e previsiblemente o seguirán estando. Hai mulleres que, pola súa situación económica vulnerable, se ven empuxadas a continuar cos seus agresores. Atopámonos cunha cuestión sobre a que os organismos de igualdade a todos os niveis manifestaron preocupación e que se viu corroborada no noso país polo incremento das denuncias. Os poderes públicos tentaron superar estas dificultades con medidas que facilitaban as denuncias de mulleres maltratadas, como a máscara-19.

Sobre esta cuestión na Valedora do Pobo realizamos varias actuacións: unha moi temperá, no luns seguinte á declaración do estado de alarma, dirixiuse a comprobar a accesibilidade e atención dos Centros de Información á Muller durante o mesmo; investigouse, e removéronse, certas dificultades xurdidas para solicitar axudas por violencia de xénero dada a carencia de certificados dixitais e a imposibilidade de acudir aos servizos de maneira presencial; deuse publicidade ás medidas adoptadas polo Goberno de España para a protección das vítimas de violencia de xénero na situación actual de pandemia; e tamén se deu publicidade ás medidas adoptadas na mesma materia pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

Outras manifestacións de violencia de xénero seguramente se potenciarán tamén por mor da pandemia. Europol xa advertiu de que a delincuencia organizada está a adaptarse ás debilidades sistémicas das sociedades e dos poderes públicos coa finalidade de reorganizar as rutas de tráfico de persoas e de atopar outras novas formas de atraer ás posibles vítimas, principalmente mulleres, para ser explotadas sexualmente, e nenas (tamén nenos) para pornografía infantil. Tamén se alerta sobre un previsible incremento dos ciberdelitos sexuais: o grooming, o stalking, a sextorsión, ou o revenge porn.

 

3.Consecuencias sociais, laborais e económicas derivadasda enfermidade e/ou das medidas para combatela

Hai un terceiro achegamento ás consecuencias da enfermidade e/ou das medidas para combatela, e pódese resumir en dúas palabras: crise económica, que xa está aquí, pero os seus resultados aínda non se aprecian en todo o seu alcance. Nesta crise tamén aplicamos unha óptica de xénero.

Non é difícil identificar determinadas profesións feminizadas as ques afecta sobre maneira a crise económica. Pensemos na alta feminización do comercio, o turismo e a hostalaría. Nas súas últimas proxeccións a OCDE prevé que o turismo terá unha redución de actividade do 70%, e iso impactará sobre maneira sobre as mulleres.

As empregadas de fogar son outro sector moi afectado ao que non sempre alcanzarán as axudas públicas. E é que a extensión do desemprego ás empregadas de fogar encheu un baleiro longamente reclamado, pero as axudas non chegarán ao emprego do fogar non declarado.

A Valedora do Pobo actuou, en concreto, en relación con outro sector feminizado: o sector marisqueiro galego. Unha actuación de oficio permitiu comprobar que a Consellería competente actuara en varios ámbitos: repartición de máscaras e outras medidas para preservar a saúde das persoas traballadoras; apertura de liñas de axuda económica; e control sobre os produtos para garantir o seu consumo.

En xeral, as mulleres ocupan traballos máis precarios e peor remunerados: son unha maioría moi elevada no traballo a tempo parcial (en España, ao redor do 75%), e en moitos traballos de tempada fixos descontinuos (en Galicia, son maioría nas empresas conserveiras), e a porcentaxe de mulleres en empregos temporais é superior ao de homes. Previsiblemente, os empregos máis precarios sufrirán máis as consecuencias da crise económica, e de novo sobre iso atopamos alertas de todos os organismos de igualdade. Hai que estar atentos á evolución futura.

 

4.Situacións de multi discriminación

Todas as anteriores achegas ás consecuencias do COVID-19, ou das medidas para combatelo, pódense ver complicados cando a muller afectada se atopa nunha situación de vulnerabilidade pola concorrencia doutras causas de discriminación engadidas ao sexo/xénero. Neste sentido, chamouse a atención sobre a situación de especial vulnerabilidade como consecuencia do COVID-19 na que se poden atopar determinados colectivos: mulleres e nenas refuxiadas, que poden ser máis facilmente captadas por redes de explotación sexual; mulleres en situación de prostitución, que, para cubrir as súas necesidades vitais, se vexan compelidas a relacións sexuais aínda con risco de contaxio.

As persoas maiores, un colectivo moi feminizado dada a maior lonxevidade das mulleres, ocupou a atención da Valedora do Pobo. Recibimos queixas sobre a situación dalgunhas residencias de persoas maiores. Tramitámolas e iniciamos ademais unha investigación de oficio para coñecer con detalle a situación. En todos aqueles servizos que quedaron sometidos ás autoridades competentes sinaladas no decreto do estado de alarma, trasladamos o asunto ao Defensor del Pueblo.

As persoas con discapacidade tamén ocuparon a atención da Valedora do Pobo. Recibimos queixas de asociacións de persoas xordas, que se resolveron satisfactoriamente, pola falla dun servizo diario e as 24 horas de intérprete de lingua de signos para a atención sanitaria das persoas xordas, así como as carencias de accesibilidade para esas persoas na información necesaria para previr o contaxio do coronavirus. Difundimos unha comunicación sobre os dereitos das persoas con discapacidade na emerxencia sanitaria, na que resaltamos a importancia de manter un contacto permanente coas entidades de defensa deses dereitos, o que estamos a facer de forma frecuente.

As persoas en situación ou en risco de exclusión social son tamén un colectivo vulnerable, que se pode agravar no caso das mulleres ata o punto de poder falar dunha auténtica feminización da pobreza. Iniciamos unha investigación de oficio para que non se paralizasen os expedientes de tramitación das rendas de inclusión social e para que se simplificasen os trámites para a admisión a trámite de novas solicitudes.

Igualmente, a institución realizou un chamamento, xa nos primeiros momentos do estado de alarma, alertando sobre a discriminación contra o pobo xitano no contexto da situación creada polo COVID-19. Ademais, o 8 de abril, Día do Pobo Xitano, emitimos un comunicado sobre a necesidade de remover os prexuízos e de promover a inclusión plena contando coas mulleres, os homes, as nenas e os nenos xitanos.

Finalmente, a Valedora do Pobo realizou diversas actuacións en relación con colectivos discriminados pola súa orientación sexual ou pola súa identidade de xénero. Así, emitiuse un comunicado alertando sobre o risco de incremento de condutas LGTBI-fóbicas, e, en particular, sobre a situación de illamento na que se atopan aquelas persoas a quen a súa familia non recoñece a súa identidade de xénero e que, polas circunstancias do COVID-19, están confinados con ela. Tamén, despois dunha reunión virtual coa asociación de defensa dos dereitos dos menores trans, deuse canle á inquietude de diversas asociacións de que, por causa da paralización dos prazos administrativos e xudiciais, os expedientes de cambio de sexo ante os Rexistros Civís, xa de seu lentos, demorasen aínda máis en prexuízo dos dereitos das persoas. Ao tratarse dunha cuestión de competencias estatais, a Valedora dirixiuse ao Defensor del Pueblo para que actuase ao efecto.

 

Un recordatorio para rematar.

Todo o anterior non pretende ser un elenco exhaustivo, senón simplemente, a título de exemplo da transcendencia da perspectiva de xénero para analizar a pandemia do COVID-19, e as consecuencias que trouxo consigo. Unicamente preténdese alertar sobre a necesidade de superar a situación ocasionada pola pandemia, avanzando nunha maior igualdade de xénero e sen que haxa retrocesos. Resulta oportuno lembrar, no remate, a Simone de Beauvoir, cando dixo: “Non esquezades xamais que bastará unha crise política, económica ou relixiosa para que os dereitos das mulleres volvan ser cuestionados. Estes dereitos nunca se dan por adquiridos, debedes permanecer vixiantes toda a vosa vida”.

 

Moitas grazas pola atención.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal