Corríxese a lagoa legal que permitía a profesionais da avogacía condenados por violencia de xénero exercer a asistencia xurídica gratuíta a vítimas por esta mesma causa

21 Xullo, 2022 actualidade, Novas, Novas

O Consello de Ministros ven de acordar un real decreto que modifica o Regulamento de Asistencia Xurídica Gratuíta para que as mulleres vítimas de violencia de xénero reciban o asesoramento axeitado polos profesionais que as atendan nas súas demanandas, algo fundamental para evitar que puidesen dar esta atención avogados condenados previamente por violencia de xénero.

 

Xa o pasado 5 de marzo a Valedora expresaba a súa satisfacción pola consecuencia positiva da queixa investigada por esta institución, logo da súa remisión o 19 de maio de 2021 ao Defensor del Pueblo, órgano competente neste caso por tratarse dunha situación de ambito estatal.

 

Na queixa que ven de dar pé á modificación do Regulamento de Asistencia Xurídica Gratuíta, a Valedora avaliaba a proposta da Federación de Mulleres Rurais (Fademur) pola contradición que supón a atención ás vítimas de delitos de violencia de xénero por profesionais condenados por delitos da mesma natureza.  No escrito da Valedora facíase fincapé no baleiro lexislativo que supuña que a maior parte destes delitos estean definidos no Código penal como menos graves porque no caso de afectar a un avogado, a condena non tiña repercusión no seu exercicio neste ámbito especializado.

 

O que se pretendía era “interesar das institucións correspondentes, o establecemento dunha normativa oportuna que dea resposta ao que pode considerarse como lagoa legal” para o que se argumentaba o feito de que esta pauta xa existía no exercicio profesional cos menores”.

 

Nese sentido, a queixa transmitida pola Valedora ao Defensor indicaba, expresamente, a necesidade de “establecer un sistema similar en relación coa violencia de xénero, regulando a necesidade de que os profesionais relacionados cunha intervención específica carezan destes antecedentes”.

 

A Valedora do Pobo manifesta a súa satisfacción por esta reforma lexislativa que supón un avance moi importante na garantía da correcta defensa dos dereitos e intereses das mulleres vítimas que dan o paso, non sempre doado, de acudir a xustiza.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal