COMUNICADO INSTITUCIONAL DA VALEDORÍA DO POBO CON OCASIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER  (25 NOVEMBRO 2019)

18 Novembro, 2019 actualidade, Novas, Novas

 

 

O dereito das mulleres a disfrutar dunha vida sen violencia de xénero dentro do marco do noso sistema constitucional democrático precisa do compromiso da totalidade dos poderes públicos e de todas e cada unha das persoas integrantes da nosa sociedade. É un compromiso que debemos poñer en práctica todos os días do ano. O 25 de novembro é un día máis na efectividade dese compromiso e ao mesmo tempo un fito que nos invita a reflexionar no que podemos e debemos facer nos 365 días que nos separan ata o próximo 25 de noviembro, e no que fixemos para chegar ata aquí.

A nosa sociedade, e tamén as nosas leis, ata non hai moito tempo concedían amplos espazos de impunidade á violencia de xénero.

 

Ata 1963 estivo vixente no Código penal o uxoricidio honoris causa, que castigaba cunha mínima pena ao marido que, sorprendendo en adulterio á súa muller, matar ou lesionar no acto a un ou ambos os amantes.

 

Ata 1983 os delitos sexuais eran delitos contra a honestidade, de maneira que non había delito de violación dentro do matrimonio porque iso non atentaba contra a honestidade da muller, e, en canto á violación de mulleres prostituídas, tampouco era violación porque non se pode atentar contra a honestidade dunha muller que non a ten por exercer a prostitución.

 

Tamén en 1983 castigouse o mal trato leve do esposo á esposa, que ata entón non se castigaba pola existencia dun dereito do esposo para corrixir moderadamente á esposa (modice castigandi uxorem).

 

En 1989 recoñeceuse o dereito das persoas traballadoras ou empregadas públicas a non sufrir acoso sexual (un recoñecemento lexislativo pioneiro en Europa), e as situacións máis graves de acoso sexual tipificáronse como delito coa aprobación do vixente Código penal de 1995.

 

Tamén en 1989 se tipificou o delito de malos tratos exercidos sobre o cónxuxe cando, a pesar de non integrar individualmente considerados máis que unha sucesión de faltas, se producen dun modo habitual. Pero a tipificación foi moi imperfecta. O asasinato de Ana Orantes precipitou unha mellora da regulación substantiva e procesual dos malos tratos familiares dirixida a mellorar a súa efectividade práctica (melloras punitivas e ordes de protección). E esa evolución culminou coa Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

 

Aínda con todos estes avances lexislativos, quedan moitas cousas por facer, e así o percibiu tamén o Congreso dos Deputados á vista do Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero. Sendo unha das máis rechamantes carencias a necesidade de ampliar o concepto de violencia de xénero a todas as violencias contempladas no Convenio de Istambul.

 

Un avance lexislativo que, con todo, non erradicou totalmente a violencia de xénero. Resulta necesario un cambio social máis alá do cambio legal.

 

As leis son necesarias, pero non son suficientes. Agora é necesario que toda a sociedade se comprometa na igualdade e na erradicación da violencia de xénero. Non se conseguirán eses obxectivos  se neles non participan todas as mulleres, e tamén todos os homes. Deixar os homes fóra é un erro estratéxico porque sen eles os avances serán máis lentos e inseguros; pero non só é un erro estratéxico, é sobre todo un erro de formulación porque sen eles a igualdade nunca se alcanzará.

 

Non se acaba con séculos de sociedade patriarcal con apenas uns poucos anos de acción lexislativa. O cambio social esixe máis tempo e, para conseguilo, é necesaria a implicación de todas e tamén a de todos.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal