Neste ano 2020 todo é igual e á vez todo é diferente por mor da pandemia e as súas consecuencias socio-sanitarias e económicas. A violencia de xénero segue presente na nosa realidade, mais, ao mesmo tempo, está de xeito e con perfís diferentes.
O confinamento domiciliario e as limitacións da mobilidade incrementan a situación de vulnerabilidade na que se atopan as mulleres, e a veces tamén as nenas e os nenos, en domicilios non seguros.
Debemos prestar atención a esta cuestión e ampliar as medidas para atallar a violencia contra as mulleres.
A situación das mulleres que sofren esta violencia é alarmante pois estiveron atrapadas cos seus agresores e, previsiblemente, seguirán a estar.
Vivir unha situación económica vulnerable pode ser causa de permanencia cos seus agresores.
A crise económica conseguinte tamén afectará de xeito especial a moitos colectivos feminizados: o comercio, o turismo ou a hostalaría. As empregadas do fogar son outro sector moi afectado ao que non sempre chegarán as axudas públicas.
En xeral, as mulleres ocupan traballos máis precarios e peor remunerados. Hai un risco sobre o que alertan os organismos de igualdade de que isto xere situacións de vulnerabilidade non só económica, senón tamén de violencia de xénero.
Seguramente se potenciarán outras manifestacións desta violencia por causa da pandemia. Europol xa advertiu de que a delincuencia organizada se está a adaptar ás debilidades sistémicas das sociedades e dos poderes públicos coa finalidade de reorganizar as rutas de tráfico de persoas e de atopar outras novas formas de atraer ás posibles vítimas, principalmente mulleres, para ser explotadas sexualmente, e nenas (tamén nenos) para a pornografía infantil.
Tamén alertan sobre un previsible incremento dos ciber delitos sexuais: o grooming, o stalking, a sextorsión, ou o revenge porn.
Todos os anos, o 25 de novembro é un fito que nos convida a reflexionar no que podemos e debemos facer nos 365 días que nos separan ata a conmemoración do ano próximo.
Neste 2020, a reflexión debe ser máis intensa dada a necesidade de adoptar medidas máis específicas coa finalidade de evitar que a pandemia remate por supoñer un retroceso nos niveis de igualdade e no combate contra a violencia de xénero.
Precisamos dun esforzo colectivo xeral para que a loita contra da violencia que sofren as mulleres pase a ser unha prioridade nas medidas de recuperación e resposta á COVID-19.
Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2020
The comments are closed.