Comunicado da Valedora do Pobo sobre os dereitos das persoas con discapacidade na emerxencia sanitaria.

15 Abril, 2020 actualidade, Discapacidade, Novas, Novas

 

A relatora especial da ONU sobre dereitos das persoas con discapacidade recentemente puxo de relevo que as medidas de contención, distanciamento social ou illamento persoal deben ser compatibles co mantemento dos apoios necesarios que esas persoas precisan durante a emerxencia sanitaria.

O illamento pode resultar imposible para as persoas que precisan apoio para as súas actividades básicas. Por iso son esenciais axustes razoables que permitan reducir os contactos e os riscos, e manter informados aos familiares e as persoas de referencia.

Tamén resaltou que a información sobre a contención do COVID-19 debe ser accesible mediante tradución á lingua de signos ou por calquera outro medio ou formato necesario, e puxo de relevo que as organizacións de persoas con discapacidade deben ser consultadas e estar involucradas en todas as etapas da resposta ao COPVID-19.

Son necesarias medidas adicionais para a protección social das persoas con discapacidade; en especial deben ter a garantía de que a súa supervivencia é considerada prioritaria e que os protocolos garanten que “cando os recursos sexan limitados non se lles discrimine no acceso á saúde, incluíndo as medidas para salvar vidas”.

A comisionada da ONU concluíu que as autoridades “teñen unha maior responsabilidade con esta poboación debido á discriminación estrutural que enfrontan”.

A Institución da Valedora do Pobo subliña a súa plena coincidencia coas orientacións da relatora da ONU. Nese senso está a realizar o seu labor de promoción e garantía dos dereitos das persoas con discapacidade por medio de actuacións de oficio, queixas e co contacto coas entidades de defensa dos seus dereitos.

Coas entidades déronse anteriores contactos. Coincidindo co comunicado da relatora da ONU novamente puxémonos en comunicación co vicepresidente do CERMI, o presidente da federación de asociacións de persoas xordas de Galicia, para ofrecer a nosa colaboración en caso de que se coñezan situacións que merezan ser avaliadas para a preservación dos dereitos das persoas con discapacidade na actual situación de emerxencia.

O representante do CERMI transmitiu que neste intre considera que para a mellor defensa dos dereitos das persoas con discapacidade debe garantirse a plena accesibilidade das comunicacións na atención ás persoas con discapacidade, asunto que a Valedora do Pobo ven coñecendo a través dunha actuación de oficio.

A través desta comunicación fluída e permanente coas entidades de defensa dos dereitos das persoas con discapacidade a Valedoría do Pobo permanecerá atenta a calquera problema que poda afectar a esas persoas na actual situación de emerxencia.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2020.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal