O 22 de febreiro celébrase o Día Europeo da Igualdade Salarial, unha data instaurada en 2008 polo Parlamento Europeo que lembraba que as mulleres europeas cobraban de media un 15% menos que os seus compañeiros homes, polo que debían traballar 418 días para igualar o soldo que os homes recibían nos 365 días dun ano. O que supoñía que as mulleres terían que traballar ata o 22 de febreiro do ano seguinte.
A crise económica asociada á pandemia do COVID-19, e as medidas adoptadas para loitar contra ela, indican un risco grave de retroceso na loita pola igualdade salarial que, de facerse realidade, supoñería que as mulleres deberían traballar máis aló do 22 de febreiro para igualar o soldo que os homes recibirían nos 365 dun ano.
Máis que nunca, no momento actual debemos redobrar os esforzos na consecución da Meta 8.5 recollida nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas (Axenda 2030): “De aquí a 2030, lograr o emprego pleno e produtivo e o traballo decente para todas as mulleres e homes, incluídos os mozos e as persoas con discapacidade, así como a igualdade de remuneración por traballo de igual valor”.
En todas as accións a adoptar, a Valedora do Pobo manifesta o seu compromiso para a consecución desa meta e da igualdade de xénero fixada pola Unión Europea.
The comments are closed.