Comunicado da Valedora do Pobo: Pandemia Coronavirus.

17 Marzo, 2020 actualidade, Novas, Novas

COMUNICADO PANDEMIA CORONAVIRUS –  VALEDORÍA  DO  POBO

 

A pandemia do coronavirus, as persoas individuais e a sociedade enteira, están a responder con altas doses de responsabilidade e solidariedade. Con todo, detectáronse algúns episodios excepcionais nos cales se  culpabiliza da expansión da enfermidade, ou de insolidariedade, a determinados grupos de persoas pola súa orixe racial ou étnica, a súa nacionalidade ou a súa idade. Malia basearse en feitos non contrastados, e mesmo desmentidos polas autoridades, eses  bulos circulan polas redes sociais, así como vídeos de autenticidade non acreditada, que supostamente proban, en particular, a insolidariedade do colectivo xitano.

 

Os  Relatores Especiais e os Expertos Independentes do Consello de Dereitos Humanos de Nacións Unidas alertaron sobre o risco de retroceso dos dereitos humanos no escenario derivado do coronavirus.

 

Temos de alertar á sociedade fronte a estas condutas discriminatorias que esquecen que o contaxio non distingue orixes raciais ou étnicas, nacionalidades ou veciñanza, ideoloxías, sexo ou idade, nin nivel económico. Condutas que non merecen outra resposta que o radical rexeitamento que se  compadece coas altas doses de responsabilidade e solidariedade que caracterizan a exemplar resposta xeral da cidadanía.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal