Comunicado da valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño polo día 22 de febreiro: Día internacional pola igualdade salarial

21 Febreiro, 2022 actualidade, Novas, Novas

Europa conmemora cada 22 de febreiro unha xornada dedicada á igualdade salarial para facer visible a fenda existente entre as retribucións que perciben as mulleres a respecto dos homes.

 

Informes sindicais apuntan a que serán precisos trescentos anos para acadar a equiparación salarial entre ambos sexos na nosa comunidade. Agás no sector público onde é máis doada a transparencia e as categorías profesionais teñen baremacións obxectivas, na empresa privada a diferencia supera o 21%, equivalente a 27.121 millóns de euros anuais.

 

A isto hai que engadir que o 42% das asalariadas cobran o salario mínimo interprofesional ou cantidades menores. Mesmo con licenciaturas, son minoría as que superan os 19.000 euros. As galegas –segundo ditas fontes— “perciben ao ano 5.283 euros menos ca os homes, sendo hoxe o seu salario similar ao dos homes en 2007, o que supón once anos de atraso. Se se analiza a retribución por hora traballada a diferencia é dun 12,8 %, ocupando as mulleres da nosa comunidade o sexto posto no conxunto do Estado”.

 

Salta a alarma perante os datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística cando informa de que despois dunha certa recuperación desde 2014, volve haber un retroceso. As cifras confirman a necesidade de superar esta discriminación por razón de sexo que carece de calquera fundamento en canto a idoneidade ou equiparación de capacidades.

 

Desde a Valedoría do Pobo queremos manifestar a nosa preocupación e demanda para que as partes implicadas: empresas contratantes, empregadas e sindicatos, cheguen a acordos xustos e dignos. Porque para as mulleres non haberá igualdade real sen igualdade de trato salarial e sen posibilidades de desenvolvemento económico.

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal