Comunicado da Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño no día internacional das persoas con discapacidade.

03 Decembro, 2019 actualidade, Dereitos, Discapacidade, Novas

A Convención Internacional das Nacións Unidas sobre dereitos das persoas con discapacidade de 2006 supuxo un acertado cambio. Fai preciso garantir que as persoas con discapacidade exerzan plenamente os dereitos humanos e as liberdades fundamentais, sen discriminación, e define a discapacidade como o resultado da interacción entre as persoas e as barreiras derivadas da contorna, que evita a súa participación plena e efectiva na sociedade en igualdade de condicións.

O avance que supuxo a convención e a lexislación que a seguiu ponse de relevo se temos en conta que hai ben pouco tempo aludíase á discapacidade como supostos “defectos”, “deficiencias”, “enfermidades” ou “padecementos”, ou ás persoas con discapacidade como “minusvalidos”. Mesmos seguimos atopando sinais, carteis e rótulos que utilizan esa linguaxe contraria á dignidade inherente a calquera persoa, fel reflexo de ideas que conducían directamente á vulneración de dereitos básicos.

O vello modelo médico no que se baseaba a terminoloxía da discriminación consideraba que moitas persoas “padecían” dificultades e por iso debían ser “substituídos” por completo, “incapacitados”, e por tanto privados da súa personalidade e capacidade, coa imposibilidade de exercer os seus dereitos como consecuencia lóxica.

Fronte a iso hoxe afirmamos con rotundidade que a orixe das barreiras se atopa na actitude da sociedade respecto das circunstancias das persoas con discapacidade, e que somos as persoas que conformamos maioritariamente a sociedade as que creamos as barreiras e a discriminación.

Pero os vellos tempos dos plantexamentos discriminatorios non son tan vellos; ata hai ben pouco moitas persoas con discapacidade estaban privadas dun dereito democrático tan básico como o voto, e só hai pouco eliminouse esa grave e inexplicable anomalía social.

Aínda que os avances son evidentes, hoxe é o momento de recordar que o camiño por percorrer é amplo e permanecen moitas carencias en materia de inclusión laboral, educativa, cultural, no desfrute do ocio, na mobilidade e na accesibilidade universal. A todas esas carencias dedicamos especial atención na Valedoría do Pobo, non só porque iso forma parte da nosa esencia, senón tamén porque a atención preferente das persoas con discapacidade é unha obriga constitucional e por tanto os poderes públicos deben prestar a atención especializada que requiran, e amparalos especialmente para que gocen dos dereitos que recoñecen a Constitución e o noso Estatuto de Autonomía.

A actividade da Valedoría ten un dos seus principais eixos na promoción e defensa dos dereitos das persoas con discapacidade, como o mostran os seus informes anuais, os informes especiais sobre persoas con discapacidade intelectual e sobre accesibilidade universal, un elevado número de queixas, moitas de oficio, e a procura dun contacto permanente coas entidades de protección deses dereitos. A través desa intensa actividade día a día comprobamos que os retos de futuro son moitos e de moita entidade, e que é preciso recordar aos poderes públicos e á sociedade que unha política pública orientada á protección dos dereitos e á inclusión é unha exixencia propia do Estado Social e Democrático de Dereito.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal