Comunicado da Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, con ocasión do día europeo da Igualdade Salarial (22 de febreiro de 2020)

21 Febreiro, 2020 actualidade, Muller, Novas

O 22 de febreiro celébrase o Día Europeo da Igualdade Salarial, unha data instaurada en 2008 polo Parlamento Europeo que nos lembra que as mulleres europeas cobran de media un 15% menos que os seus compañeiros homes, polo que deben traballar 418 días para igualar o soldo que os homes reciben nos 365 días dun ano. O que supón que as mulleres terían que traballar ata o 22 de febreiro do ano seguinte.

 

Debemos lembrar neste día que os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable de Nacións Unidas (Axenda 2030) contemplan, no Obxectivo 8: Traballo decente e crecemento económico, a Meta 8.5: “De aquí a 2030, lograr o emprego pleno e produtivo e o traballo decente para todas as mulleres e homes, incluídos a xente nova e as persoas con discapacidade, así como a igualdade de remuneración por traballo de igual valor”.

 

A igualdade de remuneración por traballo de igual valor é o obxecto do Convenio 100 da OIT (1951), que, pola súa importancia, é un dos seus oito convenios fundamentais.

 

Para alcanzar esta finalidade débense analizar as causas da desigualdade e os prexuízos que as sustentan, reforzar a transparencia das retribucións no emprego público e no sector privado, fomentar a igualdade na negociación colectiva, e crear alianzas estratéxicas entre as institucións públicas e privadas e os axentes sociais.

 

Nestas e en todas as demais accións para adoptar, a Valedora do Pobo de Galicia manifesta o seu compromiso para a consecución das metas de desenvolvemento sustentable marcadas por Nacións Unidas, e da igualdade de xénero fixada pola Unión Europea.

 

 

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal