Comunicado da Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, 28 DE XUÑO, DIA DO ORGULLO LGTBI

28 Xuño, 2021 actualidade, Novas, Novas

Santiago de Compostela. 28 de xuño

Arredor de cada 28 de xuño celébrase mundialmente o Día do Orgullo LGTBI para reafirmarmos a defensa dos dereitos humanos e o rexeitamento da persecución e o castigo de seres humanos pola súa orientación sexual ou identidade de xénero.
Para quen aínda se pregunte porqué segue a ser necesario sensibilizar, concienciar e sinalar a situación do colectivo de persoas LGTBI, cumpriría con lembrar que, a día de hoxe, en máis de 80 países se seguen a criminalizar as relacións entre persoas do mesmo sexo, chegando a castigala con pena de morte en cinco.
Aínda queda camiño por percorrer pero podemos constatar que se vai avanzando.
Hoxe procede lembrar as recomendacións que recollen os chamados Principios de Yogyakarta, presentados na sede da ONU en Xenebra, para orientar a interpretación e aplicación das normas do Dereito internacional dos dereitos humanos. Neles, establécense uns estándares básicos para evitar os abusos e para a protección das persoas lesbianas, gays, bisexuais e transexuais (LGBT), no canto á violación de dereitos humanos, marxinación, estigmatización e prexuízos, baseadas na orientación sexual e a identidade de xénero, establécese un marco de traballo legal e defínense os termos clave.
O principio número 3 recolle dereito ao recoñecemento da Personalidade xurídica. A orientación sexual ou identidade de xénero que cada persoa defina para si, é esencial para a súa personalidade e constitúe un dos aspectos fundamentais da autodeterminación, a dignidade e a liberdade. Ningunha persoa será obrigada a someterse a procedementos médicos, incluíndo esterilización, ciruxía de reasignación de sexo e terapia hormonal como requisito para o recoñecemento legal da súa identidade de xénero. Ningunha persoa será sometida a presións para ocultar, suprimir ou negar a súa orientación sexual ou identidade de xénero.
O principio 12 fala do dereito ao traballo. Toda persoa ten dereito ao traballo digno realizado en condicións equitativas e á protección contra o desemprego, sen discriminación por motivos de orientación sexual ou identidade de xénero.
O 18 aborda a protección contra abusos médicos. Ningunha persoa será obrigada a someterse a ningunha forma de tratamento, procedemento ou exames médicos ou psicolóxicos, nin a permanecer confinada nun centro médico, con motivo da súa orientación sexual ou identidade de xénero. Con independencia de calquera clasificación que afirme o contrario, a orientación sexual e a identidade de xénero dunha persoa non son, en si mesmas, condicións médicas e non deberán ser tratadas, curadas ou suprimidas.
Nos seus principios 27 e 28 recóllense a promoción e protección dos dereitos das persoas de diversas orientacións sexuais e identidades de xénero, así como o dereito a recursos e resarcimentos efectivos, brindando reparacións ás violacións dos mesmos pola orientación sexual ou identidade de xénero.
E, finalmente, no principio 29 fálase, expresamente, da responsabilidade penal para quen violen estes dereitos humanos, de xeito proporcional á gravidade dos mesmos, e faise referencia expresa aos relacionados coa orientación sexual ou a identidade de xénero.
Hoxe, e todos os días, estamos a carón dos sectores da nosa sociedade que segan a precisar un apoio específico na consagración e defensa dos seus dereitos. Podemos e debemos facer disto unha manifestación de orgullo colectivo, advertindo da preocupación por accións violentas de grupos radicais que precisan dun compromiso amplo da cidadanía.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal