Comunicado da Valedora do Pobo con motivo do Día Internacional da Eliminación da Discriminación Racial 2021

29 Marzo, 2021 actualidade, Novas, Novas

A iniciativa das Nacións Unidas para celebrar un día dedicado á eliminación da discriminación racial este ano leva por lema “A mocidade álzase contra o racismo”. Trátase dun chamamento a estender a todos nós o compromiso das persoas novas coa cultura da igualdade, a tolerancia e a loita contra a discriminación racial.

 

Acontecementos inauditos como os que recentemente tivemos a desgracia de contemplar poñen de relevo que segue sendo preciso que os poderes públicos e a sociedade desenvolvan mecanismos que aseguren a igualade real de todas as persoas e a ausencia de calquera forma de violencia ou discriminación por razón da raza.

 

Neste contexto, a Valedora do Pobo quere deixar patente o seu firme apoio a todas as manifestacións sociais, galegas e universais, de rexeitamento de calquera forma de racismo ou discriminación.

 

A Institución realiza unha intensa labor de supervisión a prol da erradicación das moitas formas de discriminación e do establecemento de medidas de apoio. Nela apreciamos que moitas discriminación teñen a súa orixe na raza e que afectan gravemente a dereitos básicos; retrasos das medidas de protección internacional, trabas no acceso á vivenda, especialmente ao aluguer, ou dificultades coas prestacións ante situacións de vulnerabilidade.

 

Tamén identificamos focos de posibles discriminacións sostidas no tempo por malas prácticas. Recentemente promovemos cos concellos de Galicia o establecemento de medios eficaces para que as dilixencias de identificación non teñan un sesgo discriminatorio.

 

A Valedora promove contactos directos con entidades de defensa dos dereitos das persoas que sofren discriminación. E o fai de forma frecuente, por exemplo, con organizacións dedicadas ás persoas etnia xitana, coas que organiza reunións informativas e xornadas. Froito da evidente necesidade de abordar a súa situación, en 2005 dirixiu ao Parlamento de Galicia o informe monográfico titulado “Situación da poboación xitana en Galicia”.

 

Pero moito tempo despois daquel informe o antixitanismo permanece como unha das formas de racismo máis estendidas, tal e como subliña a Fundación Secretariado Gitano.

 

Os arraigados prexuízos vense afondados polas recorrentes crises económicas ou pola dobre discriminación por xénero. A pobreza, o desemprego e as dificultades de acceso á vivenda afectan de forma singular ás mulleres.

 

A Valedora do Pobo fai un chamamento á solidariedade coas moitas persoas que mesmo hoxe, en pleno Século XXI, sofren a vulneración dos seus dereitos humanos por razón da raza, para que podan reclamar de forma segura eses dereitos e para que as institucións lles dean unha resposta útil e acorde coa súa dignidade.

 

Santiago de Compostela, a 21 de marzo de 2021.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal