Comunicado da valedora do Pobo: 25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

24 Novembro, 2021 actualidade, Novas, Novas

A violencia de xénero precisa dunha cidadanía implicada,

informada e activa, para avanzarmos na súa erradicación.

 

Desde decembro de 2004, no estado español existe unha Lei contra a violencia de xénero que, no seu artigo 1.1. a define “como manifestación da discriminación, a situación de desigualdade e as relacións de poder dos homes sobre as mulleres, que se exerce sobre estas por quen sexan ou foron os seus cónxuxes ou de quen estean ou estivesen ligados a elas por relacións semellantes á afectividade, mesmo sen convivencia” e “comprende todo acto de violencia física e psicolóxica, incluídas as agresións á liberdade sexual, ás ameazas, ás coaccións ou á privación arbitraria de liberdade.”

 

Dezasete anos despois, coñecemos a extensión deste tipo de lexislación en moitos máis países, así como a actuación de organismos multilaterais internacionais, e os avances resultantes de demandas dos movementos sociais, que foron configurando un escenario con maior desenvolvemento.

 

Facendo algo de historia, convén lembrar que xa  en 1980, a II Conferencia Mundial sobre a Condición Xurídica e Social da Muller, establecía que “a violencia contra as mulleres supón o crime máis silenciado do mundo”. Trece anos despois, a Conferencia Mundial de Dereitos Humanos de Viena supuxo “o recoñecemento dos dereitos das mulleres como Dereitos Humanos”.

 

O proceso de avance na comprensión deste grave comportamento vese claramente na recomendación xeral nº 19 da Convención sobre a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller, de 1993, onde se inclúe “a violencia baseada no sexo: é dicir, a dirixida contra a muller por selo, cunha afección desproporcionada que inclúe danos, sufrimentos físicos, mentais ou sexuais, ameazas de cometer estes actos, coacción e outros xeitos de privación de liberdade”.

 

En 1995, en Beijing, a IV conferencia mundial sobre a condición xurídica e social da muller  esixe aos gobernos e a sociedade civil “combater a violencia contra as mulleres por considerala coma un atranco principal para a súa liberdade, desenvolvemento e goce de dereitos”.

 

En España aínda non están totalmente incorporados os criterios fixados polo Consello de Europa, en seguimento do Convenio de Istambul de 2011 desde a súa ratificación en 2014, mais estamos nun tempo de reformas lexislativas necesarias nunha materia central e sensible, que crea un espazo de protección e apoio para as persoas que sofren esta violencia.

 

Con esta reflexións quixemos contribuír a un mellor coñecemento do que supón a celebración dun Día Internacional contra a violencia de xénero, facendo este relato histórico cronolóxico.

 

Desde a Valedoría do Pobo manifestamos sempre a nosa especial preocupación por esta cuestión, tanto polo que atinxe aos dereitos humanos, como por unha visión ampla da convivencia en paz para un desenvolvemento harmónico e continuado da cidadanía e do noso país.

 

A violencia de xénero precisa dunha cidadanía implicada, informada e activa. E precisa tamén do necesario compromiso dos poderes públicos coa axenda 2030. Xa que logo, hoxe, e sempre, ratificamos o noso compromiso para poñer os nosos recursos e esforzos a prol desta causa.

 

Só se aspiramos a un mundo sen violencia de xénero daremos avanzado na súa erradicación.

 

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal