COMUNICADO DA INSTITUCIÓN: ACTUACIÓNS REALIZADAS NOS DOUS PRIMEIROS MESES DO ESTADO DE ALARMA

20 Maio, 2020 actualidade, Novas, Novas

O 14 de marzo de 2020, por medio do Real decreto 463/2020, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo  COVID-19. Entramos, por tanto, nunha das situacións excepcionais previstas na Constitución na que cómpre reforzar a protección dos dereitos e liberdades dos cidadáns ante determinadas actuacións administrativas, nomeadamente a través da actuación dos comisionados parlamentarios encargados de velar polo funcionamento transparente e eficaz das Administracións Públicas, neste caso, da institución do Valedor do Pobo de Galicia.

Cando se declarou o estado de alarma abríranse na institución do  Valedor  do  Pobo 1.744 expedientes. Respecto dos que aínda estaban en trámite nese intre, e dentro das restricións impostas pola suspensión de prazos administrativos que acorda o real decreto, seguiuse traballando en cada unha das investigacións coa valoración dos informes a efectos de acadar unha conclusión positiva, o arquivo das actuacións ou a adopción de recomendacións, suxestións ou recordatorios de deberes legais ás administracións afectadas.

Desde a declaración do estado de alarma ata o 14 de maio, abríronse 1.196 expedientes de queixa, fronte aos 437 expedientes tramitados neste período durante 2019. Deles, 705 tiñan un asunto idéntico xa que afectaban á celebración das probas previstas no Decreto 164/2019, do 12 de decembro, polo que se aprobou a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten os ensinos regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, da Comunidade Autónoma de Galicia. As queixas foron presentadas individualmente por cada un deses 705 aspirantes e tiveron tamén un tratamento individualizado nos actos de trámite derivados dos expedientes.

Das 311 actuacións abertas con asuntos diferenciados, 153 queixas están directamente relacionadas con situacións derivadas do impacto do  COVID-19 e as outras queixas corresponden a asuntos non relacionados coa pandemia.

Fronte ás 3 actuacións de oficio que se abriron en 2019 neste período, desde a declaración do estado de alarma a institución abriu 30 actuacións de oficio, guiada sempre pola prudencia para preservar o adecuado equilibrio entre a garantía dos dereitos e a defensa das persoas, por unha banda, e a necesidade de non  sobrecargar con trámites e informes ás administracións públicas, tanto autonómicas como locais, apremadas por urxencias de todo tipo e concentradas ao comezo da pandemia na atención sanitaria da poboación e na prevención da transmisión do coronavirus. Estas 30 actuacións de oficio tiveron por obxecto coñecer e avaliar o impacto das excepcionais consecuencias da pandemia na situación de amplos colectivos especialmente vulnerables e outras actividades de interese xeral, desde as vítimas de violencia de xénero ás persoas usuarias de residencias de maiores; persoas con diversidade funcional; protección do persoal sanitario e de servizos sociais, incluídos os servizos de axuda no fogar de persoas dependentes; perceptores de rendas de inserción social; medidas en materia de vivenda especialmente dirixidas ás persoas e colectivos máis vulnerables no contexto excepcional da crise sanitaria; acompañamento a vítimas da enfermidade; accesibilidade de contidos informativos sobre o  COVID-19 a persoas xordas; apoio a sectores económicos especialmente prexudicados como o sector marisqueiro, actividades agrícolas de autoconsumo ou feiras e mercados de proximidade; ou o impulso, mediante medidas fiscais especiais no ámbito municipal, á recuperación do tecido económico e produtivo nas sete grandes cidades de Galicia.

Potenciáronse os procedementos informais e sumarios para os que a lei reguladora desta institución habilítanos, realizando numerosas xestións telefónicas para resolver asuntos de urxencia ou actuacións inmediatas coas diferentes administracións para dar respostas rápidas a cidadáns ou colectivos en situacións críticas ou de grave dificultade.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal