COMPARECENCIA DA VALEDORA DO POBO: Informe Ordinario 2020.Comisión de Peticións. 2 de xullo de 2021  

05 Xullo, 2021 actualidade, Novas, Novas

 

O ano 2020 ao que se refire a presentación do presente informe foi un ano duro, foi un ano de fomento do telemático e da atención telefónica, e foi un ano de incremento da actividade da institución en todos os sentidos,  no que se refire aos asuntos e procedementos de oficio, a atención a cidadanía, e  no que se refire á intensificación da actividade de fomento dos dereitos humanos.

Xa no mes de xaneiro tivemos a comparecencia ante a Comisión de discapacidade do Parlamento de Galicia na que entre outras cousas propoñiamos a derrogación da esterilización non consentida de persoas con discapacidade que afectaba de modo desproporcionado a mulleres e nenas, ou a substitución da tutela por outras institucións de apoio á discapacidade respectuosas co dereito das persoas con discapacidade á súa autodeterminación, cuestión ambas xa resoltas en recentes cambios asumidos pola lexislación do Estado.

Nesta mesma liña de fomento dos dereitos humanos, en febreiro tivemos unha reunión co relator de Nacións Unidas contra a pobreza, Philip Alston, e con persoas directamente afectadas pola violencia institucional por ser pobres ou emigrantes, persoas que denunciaban as dificultades para acceder á vivenda ou a un traballo digno por ser pobres, e tamén para acceder a papeis no caso de persoas inmigrantes, persoas que padecían discriminación interseccional onde conflúe pobreza coa enfermidade, vellez ou a condición de persoa migrante.

Recentemente recibimos unha comunicación da asociación que promoveu esa reunión, a Rede Europea de Loita contra a Pobreza na cal nos comunicaban que o Congreso dos Deputados vén de aprobar por lei que a aporofobia será perseguida como delito de odio. Leo literal a comunicación: “Esta é unha demanda que levabamos facendo dende hai catro anos dende AEPN,…. pero non se entendería o éxito deste labor de incidencia e a rapidez da súa implantación sen a implicación da súa Institución e de vostede mesma, reforzando a mensaxe de loita contra a aporofobia, actos e investigacións nos últimos anos ou na decisiva xornada que tivemos co Relator de Nacións Unidas sobre dereitos humanos o ano pasado”.

Nesas estabamos cando chegou a pandemia que afectou a toda a Humanidade, entramos nunha fase de confinamento e pendentes das cifras de contaxios, presión asistencial, pasamentos, das colas para pedir axudas.

A Institución da noite para a mañá e toda ela de súpeto viuse inmersa nun réxime de teletraballo. Non houbo un período de transición, porque desde o primeiro día hábil seguinte a institución empezou a recibir chamadas de xente, empezou a recibir queixas, nas que se manifestaba: non teño ingresos ni para mercar comida, cortáronme a subministración de electricidade na vivenda, teño que abandonar a miña vivenda por que finalizou o prazo que me concederon nun proceso de expropiación, non podo ver aos meus fillos e fillas, non podo acompañar ao meu pai a un tratamento de quimioterapia, non podo ver ao meu pai ou á miña nai nunha residencia, nin despedirme do meu ser querido,  pecharon o centro de día no que se daba terapia para determinada patoloxía, non podo ir á miña horta, non consigo contactar coa administración … así ata 222 queixas específicas de COVID recibidas dende o 14 de marzo ata o 21 de xuño.

A situación motivada pola pandemia e que día a día nos chegaba a institución motivou tamén a apertura de varias investigación de oficio, que durante o período do 14 de marzo ao 21 de xuño foron 33, fronte as 3 do mesmo período do ano anterior, guiada sempre pola prudencia para preservar o adecuado equilibrio entre a garantía dos dereitos e a defensa das persoas, por unha banda, e a necesidade de non sobrecargar con trámites e informes ás administracións públicas, tanto autonómicas como locais, apremadas por urxencias de todo tipo e concentradas ao comezo da pandemia na atención sanitaria da poboación e na prevención da transmisión do coronavirus. Estas atinxiron, entre outras as seguintes cuestións: coñecer e avaliar o impacto das excepcionais consecuencias da pandemia na situación de amplos colectivos especialmente vulnerables e outras actividades de interese xeral, desde as vítimas de violencia de xénero ás persoas usuarias de residencias de maiores; persoas con diversidade funcional; protección do persoal sanitario e de servizos sociais, incluídos os servizos de axuda no fogar de persoas dependentes; perceptores de rendas de inclusión social; medidas en materia de vivenda; acompañamento a vítimas da enfermidade; accesibilidade de contidos informativos sobre o  COVID-19 a persoas xordas; apoio a sectores económicos especialmente prexudicados como o sector marisqueiro, actividades agrícolas de autoconsumo ou feiras e mercados de proximidade.

Por outra banda continuamos coa tramitación ordinaria das queixas que sen ser específicas de COVID seguíronse recibindo durante eses meses e os meses sucesivos. Por iso digo que foi un ano duro pola intensidade do traballo que se realizou, pero sobre todo polo tipo de situacións persoais que chegaban ás que había que facer fronte con absoluta prioridade.

En segundo lugar, dicía que foi un ano de implantación do traballo telemático e da atención telefónica e telemática. Desde xaneiro estabamos co obxectivo de implantar o teletraballo de xeito paulatino para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral do persoal da Institución; de feito, estábase facendo un ensaio cunha das persoas que traballan na institución que polas súas circunstancias persoais era candidata á situación de teletraballo. Pero era só un ensaio, para progresivamente podelo ampliar a máis persoas e a máis días sen perder a inmediatez na atención á cidadanía.

Dun día para outro, literalmente, pasamos a traballar como servicio esencial, pero en remoto, toda a institución. Somos 20 persoas, e podo afirmar que, con total implicación de todas e cada unha de nós, traballamos para tentar responder e solucionar as demandas, moitas delas urxentes e imperiosas, que chegaban á Institución. Dende o primeiro instante comezamos a funcionar con máis intensidade, dadas as maiores demandas de atención, da forma que consideramos máis áxil e eficaz en cada caso.

Tamén fomos conscientes da propia situación na que se atopaban as administracións, especificamente as Consellerías de Sanidade e de Política Social, pois a crise foi en primeiro lugar sanitaria e logo unha crise social. Por iso, moitas queixas, tamén cos concellos, se tramitaron de maneira telefónica para, deste xeito, solucionar o problema sen sobrecargar á Administración con informes por escrito.

A atención a cidadanía, que deixou de ser presencial durante o confinamento, incrementouse coa atención telefónica. No ano 2020, 12.913 persoas pediron atención, asesoramento ou presentaron queixas; delas 1.062 recibiron atención presencial e 6.464 recibiron atención telefónica.

Por outra banda, telematicamente continuamos coas reunións con entidades sociais e particulares, e as da comisión de transparencia.

En terceiro lugar, dicía que foi un ano de incremento de traballo en todos os sentidos. Incrementáronse os asuntos que chegaron o institución, incrementáronse as resolucións con propostas de recomendación, de suxestión ou de recordatorio de deberes legais, e incrementouse a actividade en practicamente todas as áreas, e a porcentaxe de queixas admitidas respecto das rexeitadas foi moi elevado. A situación xerada, co primeiro confinamento e as posteriores restricións, deu lugar a unha lóxica preocupación pola garantía dos dereitos, especialmente os das persoas máis vulnerables.

Como mostra diso cabe resaltar os seguintes datos cuantitativos:

– O número de asuntos aumentou nun 28 %, de 2.276 en 2019 a 2912 neste ano.

– Aumentou o número de persoas que pediron atención ou asesoramento, á marxe dos expedientes de queixa; foron 5.497 en 2019, e 7.526 en 2020, un 37% máis.

– O incremento de asuntos foi case unha constante ao longo de todos os meses.

– O número asuntos aumentou na práctica totalidade das áreas, en especial nas directamente relacionadas cos servizos públicos esenciais. As áreas con máis actividade foron Sanidade, Emprego Público, Inclusión Social, e Educación, debido en gran medida á incidencia da COVID-19.

– Aumentou lixeiramente o número de actuacións, de 11.747 en 2019 a 12.913 neste ano, un 10 % máis.

– Aumentou o número de actuacións de oficio, de 67 en 2019 a 78 en 2020, un 16 %; só durante o confinamento foi preciso iniciar 33.

– Aumentou o número de resolucións nun 69 %, de 95 en 2019 a 161 en 2020. O aumento afecta á maior parte das áreas.

– Aumentou tamén a porcentaxe de recordatorios de deberes legais, recomendacións e suxestións aceptados, case todos os formulados e respondidos, en concreto o 93%.

– Aumentou o número de conclusións positivas nun 59%.

– O número de asuntos COVID-19 promovidos durante o confinamento foi de 222, case a metade dos asuntos nese período.

– O número de asuntos aumentou considerablemente coa chamada “desescalada” ata final de ano. A causa é que moitas queixas teñen a súa causa en problemas relacionados directa ou indirectamente coa COVID-19.

 

Entrando nunha análise cualitativa, constátase unha intensa actividade en todas as áreas ás que se refire o decálogo que esta Valedora presentou na súa toma de posesión, e comprometeuse a darlles unha especial atención.

En canto á igualdade de xénero, tramitáronse con resultados positivos queixas sobre a seguridade nocturna no Campus Sur da USC, a información de axudas a vítimas de violencia de xénero, ou en relación con contratos de investigación non renovados por goce de permisos de maternidade e paternidade. Continuo moi activo Falamos de feminismo, espazo virtual na web institucional. Realizáronse actividades institucionais con ocasión dos días dedicados á loita pola igualdade de xénero (11 de febreiro, 22 de febreiro, 8 de marzo, 28 de maio, 23 de setembro e 25 de novembro. Convocouse a 1ª Edición do premio anual Valedora do Pobo sobre igualdade de xénero para traballos de fin de grado e traballos de fin de máster. Centralizáronse nunha asesora ás funcións en materia de xénero.

En canto ao dereito de acceso á Xustiza das mulleres: unha queixa de oficio en relación coa ausencia de protocolos sobre suspensión de xuízos por causa de maternidade da avogada interveniente. Sobre o que cómpre dicir que o Senado vén de aprobar unha reforma lexislativa para resolver esta cuestión. Cómpre salientar aquí outra queixa sobre o cumprimento do principio de unidade de actuación letrada de oficio nos procesos de familia con fillos.

En canto á violencia e acoso nas organizacións, queixa sobre acoso laboral no Sergas e suxestión de introdución dun asesoramento confidencial.

En canto aos dereitos das persoas con discapacidade, víronse especialmente afectados pola situación sanitaria. Por iso, fixéronse comunicados sobre o impacto da pandemia nas persoas con discapacidade e sobre a necesidade de respectar o dereito de deambulación de determinadas persoas con diversidade funcional. Tramitouse con resultado positivo unha queixa de asociacións de mulleres xordas tamén en relación coa situación sanitaria.

En canto á situación das persoas LGTBI, tamén sufriu en particular pola situación xerada pola pandemia COVID-19: a situación das persoas LGTBI conviventes en confinamento domiciliario cunha familia que non acepta a súa orientación ou identidade, ou en xeral que teñen que convivir forzosamente en espazos onde esa orientación ou identidade non está recoñecida polas demais persoas; as situacións de soidade das persoas maiores LGTBI en residencias; a imposibilidade de seguir mantendo reunións en grupos de apoio a persoas LGTBI; a paralización dos trámites xudiciais durante a primeira ola determinou a demora dos expedientes de cambio de sexo. De todos estes temas, tratouse en reunións con asociacións de defensa dos dereitos das persoas LGTBI.

En canto á discriminación da comunidade xitana, tramitáronse queixas sobre o dereito á non discriminación racial ou por situación de vulnerabilidade. Neste punto do decálogo, é destacable a realización dunhas xornadas, en colaboración co Consello da Cultura de Galicia e coa Fundación Secretariado Xitano, sobre “Pobo xitano. Por unha sociedade máis igualitaria”.

En canto os dereitos das persoas en situación de vulnerabilidade e loita contra a aporofobia, fixemos actuacións en relación con supostos de desaloxo de persoas en situación de vulnerabilidade e tamén en relación coa Renda de Inserción Autonómica e outras prestacións básicas.

En canto os dereitos das persoas maiores, e ademais de atender queixas particulares, a preocupación pola situación en centros residenciais por mor da crise sanitaria, levounos a iniciar unha investigación de oficio de alcance na que sinalamos a preocupación polas dificultades que estaban a pasar os centros residenciais. Preguntamos: (1) polos medios de protección, (2) polas probas diagnósticas, (3) polo criterio para enviar os enfermos a un centro hospitalario ou mantelos na súa ou noutra residencia, (4) pola suficiencia do persoal de atención nas residencias, (5) pola información ás familias ou achegados, e máis adiante (6) pola existencia dun instrumento que permitira contactos persoais e/ou a despedida nos casos de previsión de falecemento.

Tamén se fixeron actuacións en relación co dereito á institucións sólidas, á transparencia e ao bo goberno, cuestións afectadas tamén pola pandemia.

A Institución da Valedora do Pobo, no actual escenario de recuperación, vai  estar moi pendente dos dereitos dixitais da cidadanía como un aspecto que tamén sufriu coa pandemia, pois o incremento das comunicacións virtuais visibilizou as fendas dixitais que sofren moitas persoas: as mulleres, as persoas maiores, as persoas en zonas rurais e costeiras non urbanas.

Finalicerei este resumo cos dereitos lingüísticos, área na cal a Institución esta moi comprometida, cunha especial dedicación á promoción do dereito a normalización do galego como lingua propia de Galicia. No ano 2020, rexistráronse 86 queixas en defensa do uso do galego, cun elevado grao de resposta positiva e receptividade polas Administracións implicadas.

Rematarei como comecei. O ano 2020 foi un ano difícil para os dereitos humanos, que obrigou á Institución da Valedora do pobo e a todas as Administracións a responder co compromiso e responsabilidade co que tamén respondeu a cidadanía fronte a pandemia. As dificultades na procura dos dereitos humanos non nos deben levar ao desánimo, senón a reforzar o noso compromiso. Non deixaremos de prestar atención aos problemas anteriores, que se agudizaron coa situación de pandemia como a igualdade de mulleres e homes, violencia de xénero, violencia e acoso, explotación humana, persoas con discapacidade, discriminacións, colectivos desfavorecidos, dereitos dixitais, institucións sólidas, medio ambiente. A pandemia obrigounos ademais a incidir especialmente en aspectos como o sistema sanitario, servizos sociosanitarios, traballo decente, a fenda dixital. En todo caso, os problemas anteriores e os novos deben ser afrontados co enfoque de dereitos humanos recoñecidos e amparados pola Constitución Española e polo Estatuto de Autonomía de Galicia. O enfoque de dereitos humanos debe estar no corazón das políticas públicas cara ao proceso de reconstrución económica, social e laboral tras a pandemia da COVID.

Nada mellor para estes fins que volver a vista ás promesas de futuro que a Humanidade enteira se propuxo na Resolución da Asemblea Xeral das Nacións Unidas “Transformar o noso mundo: a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable”. Volver a vista á Axenda 2030 para que o progreso da Humanidade non pare, e para non deixar a ninguén atrás. Este é o mandato que ten asumido e seguirá asumindo a Valedora do Pobo porque a realidade post covid debe ser mellor que a realidade previa, debe ser unha sociedade máis xusta que preste atención ás persoas vulnerables e aos colectivos máis desfavorecidos.

Dolores Fernández Galiño

Valedora do Pobo

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal