Comparecencia da Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, o 17 de xaneiro de 2020, na Comisión Permanente para o seguimento das políticas relativas á discapacidade e eleboración de novas propostas a prol da integración das persoas con discapacidade.

20 Xaneiro, 2020 actualidade, Novas

Señoras e Señores membros da Comisión non Permanente para o seguimento das políticas relativas á discapacidade e elaboración de novas propostas a prol da integración das persoas con discapacidade.

 

O concepto de discapacidade evolucionou profundamente ao longo da Historia. Xuridicamente, desde o Dereito Romano considérase unha causa de diminución da capacidade de obrar das persoas que viña a supor a morte civil. Historicamente as persoas con discapacidade foron marxinadas, as veces internadas de por vida en institucións pechadas e mesmo sometidas a políticas de euxenesia.

 

Cando os poderes públicos comezaron a intervir en beneficio das persoas con discapacidade, moi especialmente a favor dos mutilados das guerras mundiais, as políticas públicas dirixíronse ao apoio asistencial de cada individuo pero seguía sen haber enfoque de dereitos humanos. Nin sequera a Declaración Universal de Dereitos Humanos (1948) recolleu a discapacidade como causa de discriminación. E os primeiros instrumentos internacionais na materia, ao basearse nese modelo médico asistencial, usaron denominacións actualmente perceptibles como ofensivas. Así, as Resolucións da Asemblea Xeral das Nacións Unidas de 1971 sobre dereitos do retrasado mental, e de 1975 sobre dereitos dos impedidos.

 

Desde 1981, Ano Internacional da Discapacidade declarado por Nacións Unidas, o modelo de asistencia médica individual comezou a cambiar a favor dun modelo social que considera que as diferenzas derivadas da discapacidade débense máis ás barreiras existentes e aos prexuízos sociais:  para integrar a unha persoa paralítica non abonda coa asistencia médica, senón que ademais débense eliminar as barreiras arquitectónicas e en xeral os prexuízos que a exclúen do goce dos dereitos humanos. Isto tamén obriga a erradicar aquelas denominacións pexorativas, e optar por outras que garantan a dignidade das persoas con discapacidade.

 

Este modelo social baseado na reivindicación dos dereitos humanos das persoas con discapacidade é o inspirador da Convención de Nacións Unidas sobre os dereitos das persoas con discapacidade de 2006, ratificada por España, cuxa finalidade é promover, protexer e garantir o goce pleno e igual de todos os dereitos humanos e as liberdades fundamentais das persoas con discapacidade, e promover o respecto pola súa dignidade intrínseca.

 

No ordenamento xurídico español, a Constitución dedica un artigo, o 49, a esta cuestión se ben, acorde coas ideas da época, fala de “diminuídos físicos, sensoriais e psíquicos”, e presenta unha perspectiva maiormente asistencial. O Texto refundido da Lei xeral sobre os dereitos das persoas con discapacidade e a súa inclusión social de 2013, que é a norma básica na materia, xa responde claramente á concepción social da Convención de 2006.

 

A Valedoría do Pobo vén traballando desde hai tempo para a implementación efectiva do modelo social no eido normativo, na vixilancia na aplicación efectiva das normas, e na concienciación para o cambio de modelo. Como canles de actuación, ademais da tramitación das queixas da cidadanía e das queixas de oficio, destacarei a realización de dous informes monográficos, un sobre os dereitos das persoas con discapacidade intelectual, en 2013, e outro, sobre a accesibilidade universal, en 2018. En todas estas actuacións, é primordial o contacto coas entidades de defensa dos dereitos das persoas con discapacidade, ás cales quero agradecer a súa colaboración.

 

Froito do traballo da institución, recomendamos cambios normativos. Algunhas recomendacións dirixíronse aos poderes lexislativos estatais e xa se cumpriron. No informe de 2013, recomendamos recoñecer o dereito de voto tanto activo como pasivo sen limitacións pola discapacidade; e en 2018 (LO 2/2018) modificouse a lei orgánica de réxime electoral xeral para garantir o dereito de sufraxio das persoas con discapacidade. Tamén se reformou o Código Civil para derrogar a esixencia de recadar con carácter xeral en todos os casos dun informe médico para autorizar o matrimonio das persoas con discapacidade (Código Civil, art. 56). E tamén se reformou a Lei do Tribunal do Xurado (LO 1/2017) para garantir o dereito das persoas con discapacidade a participar nel.

 

Outras están por cumprir, empezando pola mesma Constitución, para cambiar a denominación de “diminuídos físicos, sensoriais e psíquicos” por outra máis acorde coa dignidade das persoas, e cunha redacción máis claramente orientada ao enfoque de dereitos humanos, o que xa facemos nas referencias ao artigo 49 da Constitución nos escritos da Valedoría ( persoas con discapacidade física, sensorial ou psíquica). Por mor da implantación constitucional dese enfoque, tamén a Lei xeral sobre os dereitos das persoas con discapacidade debería ter formato de lei orgánica na medida en que a través da mesma se estiveran desenvolvendo dereitos fundamentais ou liberdades públicas das persoas.

 

Hai outros aspectos da Lei xeral sobre os dereitos das persoas con discapacidade sobre os cales cómpre recomendar a súa reforma. Un dos máis destacados é a asimilación limitada a persoas con discapacidade daquelas persoas con prestacións de incapacidade permanente total, absoluta e gran invalidez, ou en situacións asimiladas do réxime de clases pasivas. Limitada porque a asimilación só é aos efectos desa Lei xeral, e non a todos os efectos xurídicos. Cómpre pois a súa reforma para que a asimilación sexa a todos os efectos xurídicos e evitar algúns problemas que comprobamos a través das queixa (tributos locais, imposto de tracción mecánica, concellos, ordenanzas que só permiten a acreditación da consellería e a consellería non accede á equiparación conforme a sentenza do Tribunal Supremo que fala de ultra vires do texto refundido).

 

As reformas a realizar deberían incluír a regulación do código civil sobre a aínda mal chamada incapacitación. A finalidade da reforma debe ser substituír o sistema vixente de incapacitación e substitución da vontade da persoa incapacitada pola do titor, por outro sistema de apoio á toma de decisións pola propia persoa con discapacidade. De feito, o Tribunal Supremo, directamente aplicando a Convención de 2006, vén recoñecendo a preferencia do réxime da curatela fronte ao réxime da tutela, ao considerar aquel máis acorde co dereito a autonomía e a vida independente, e que en xeral toda a normativa en materia de capacidade debe interpretarse en consonancia coa Convención Internacional de Dereitos das Persoas con Discapacidade. Neste novo enfoque temos insistido en diferentes informes e queixas.

 

O Código Civil tamén se fundamenta na idea de capitidisminución das persoas con discapacidade cando esixe o concurso de dúas testemuñas para o outorgamento de testamento aberto de persoas cegas ou xordas (art. 697).

 

A lexislación sobre propiedade horizontal pode ser mellorada para facilitar a accesibilidade, por exemplo reducindo as maiorías para acordar as obras necesarias, ou impoñendo maior coste á comunidade de propietarios.

 

Regulada por un real decreto estatal (RD 1971/1999), a valoración da discapacidade está baseada na Clasificación internacional de deficiencias, discapacidades e minusvalías que a Organización Mundial da Saúde aprobou en 1980, que valora exclusivamente a discapacidade polas limitación funcionais en coherencia co superado enfoque de carácter asistencial individual. Por iso presenta desfases que deben ser corrixidos. Por exemplo, a súa aplicación determina a infravaloración das enfermidades que padecen as persoas con Down, pois non se toman en consideración as dificultades que estas persoas teñen para identificar a dor e os síntomas das enfermidades; ou das persoas con TEA.

 

O inadecuado dos actuais baremos para valorar a discapacidade e mesmo a dependencia sófreno especialmente as persoas con discapacidade cognitiva debido a que as valoracións poñen o acento nos aspectos físicos. Por esa causa iniciamos actuacións de oficio e recomendamos, sendo aceptada na valoración da dependencia, que se mellorara a análise das discapacidades cognitivas, máis complexas e que por tanto precisan máis tempo e recursos.

 

As persoas con discapacidade cognitiva tamén sofren situacións lesivas no ámbito penitenciario, onde é preciso un cambio normativo e de recursos. (Os problemas comezan pola falta de identificación de moitas das persoas con este tipo de discapacidade que se atopan na cadea, e son moi variados, destacando a baixa porcentaxe de aplicación de medidas alternativas, a altísima vulnerabilidade das persoas nos centros ordinarios, e a escaseza de módulos específicos).

 

Certo que estas reformas afectan á lexislación estatal. Pero iso non debe silenciarnos, pois denunciar institucionalmente as carencias propiciará cambios seguramente apoiados nun amplo consenso das forzas políticas.

 

No ámbito da normativa galega recomendamos a eliminación do requisito de plena capacidade de obrar que no regulamento sobre vivendas de promoción pública autonómica (Decreto 253/2007, art. 10) se esixe para acceder ás vivendas en compra ou arrendamento. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda aceptou a recomendación e comprometeuse á eliminación no futuro decreto de desenvolvemento da lei de vivenda de Galicia (Lei 8/2012).

 

Igualmente é necesario o desenvolvemento da Lei de accesibilidade de Galicia (Lei 10/2014), para poñer ao día as normas regulamentarias anteriores á súa entrada en vigor. A Consellería de Política Social comprometeuse a iso.

 

Ademais das recomendacións de cambios no eido normativo ás que vimos de facer referencia, tamén é necesaria á vixilancia na aplicación efectiva das normas. A Institución recibiu queixas moi en particular co cumprimento das esixencias de accesibilidade, cuestión a que se adicou en 2018 un informe monográfico dirixido ao Parlamento.

 

Recibíronse queixas pola falta de accesibilidade no transporte público interurbano por estrada, e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda anunciou que nas próximas licitacións primaría garantir a accesibilidade universal do servizo. Ou pola escasa emisión de informativos con intérprete de lingua de signos na TVG, recomendando o incremento progresivo da accesibilidade para persoas xordas e xordocegas, e a TVG comprometeuse ao mesmo. Ademais, recentemente a federación galega de persoas xordas presentou una queixa para que a televisión pública galega fomentara o seu dereito de participación política por medio da tradución á lingua de signos dos debates electorais que vaian a darse.

 

O informe monográfico ao que se fixo referencia, realizado en colaboración coas entidades de defensa dos dereitos das persoas con discapacidade, acreditou múltiples deficiencias de accesibilidade, destacando as seguintes:

 

— en relación coas persoas xordas: o coñecemento da lingua de signos é mínimo en hospitais, transportes, servizos xurídicos ou administrativos; os servizos de atención ao cliente das autoestradas, ascensores ou máquinas expendedoras son só de interfono; a teleasistencia para persoas maiores ou dependentes carece de vídeoasistencia; non hai signos guía nos museos ou centros de interpretación; e as alarmas carecen de avisos luminosos;

 

— en relación coas persoas con discapacidade cognitiva: é necesario utilizar sinais visuais claras e intuitivas, non entorpecidas por elementos decorativos; claridade nos plans de evacuación evitando letra pequena ou termos difíciles; e tamén nas instrucións necesarias para máquinas expendedoras e servizos en especial os de transporte;

 

— en relación coas persoas con discapacidade física: o pavimento público non está debidamente sinalizado; os vaos peonís moitas veces non son plenamente accesibles; os chanzos teñen as veces excesiva altura, e as ramplas excesiva pendente e sen pasamáns; nas dependencias públicas son inusuais os mostradores de dobre altura; hai carencias nos servizos hixiénicos; o transporte público adoita carecer de accesos adecuados; as prazas de aparcamento non respectan a proporción 1/40 legal; e hai problemas de accesibilidade en rutas, parques e praias;

 

— en relación coas persoas con discapacidade visual: os camiños públicos presentan dificultades de orientación; ausencia de sinalización adecuada de camiños peonís; non hai sinalizacións de perigo cando se dan situacións de risco de caída en espazos públicos ou privados; os caixeiros automáticos carecen de elementos para facilitar o seu uso; ausencia de contidos de audio-descrición en salas de cine, exposicións e museos, ou respecto de máquinas. Ademais, moitas terrazas de locais hostaleiros impiden seguir as liñas de fachada, a pesar da clara prohibición dos obstáculos e do gran prexuízo que se lles ocasiona, como xa puxo de relevo algunha sentenza do Tribunal Supremo. Tramitouse una queixa cun concello e concluíuse ao informar o concello que en todas as licenzas de terraza se aseguran que se cumpre con dita normativa de terrazas.

 

Para tratar todos estes aspectos relacionados coa accesibilidade coñecemos un bo número de queixas e iniciamos actuacións de oficio. Recentemente iniciamos outra actuación de oficio pola falta de rebaixes nunha beirarrúa á altura dun paso de peóns e polo accidente sufrido por unha persoa en cadeira de rodas debido a esa falta de adaptación razoable.

 

Na aplicación efectiva das normas, outro aspecto mellorable é en orde as demoras nas valoracións de discapacidades. A eses efectos iniciáronse queixas de oficio e formuláronse varias recomendacións; a Consellería de Política Social concretou medidas dirixidas a unha mellora dos tempos. Porén, hai  pouco tempo iniciamos sete novas actuacións de oficio para coñecer o estado da cuestión nas sete cidades.

 

A educación inclusiva e a inserción laboral son dous aspectos esenciais para a integración das persoas con discapacidade. O Decreto 229/2011 polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da CA de Galicia pon de manifesto con claridade a esencia da educación inclusiva ao sinalar que a resposta educativa a esa diversidade debe concretarse en cada un dos proxectos educativos, en cada unha das ensinanzas, na coordinación docente, na personalización da educación de cada unha das alumnas e alumnos, nos recursos e medidas educativas, nos compromisos familiares e sociais e en todo o que contribúa ao máximo desenvolvemento persoal e social do alumnado e á súa preparación para convivir e participar de forma autónoma na sociedade. No ámbito da actividade de supervisión da institución tramitáronse queixas polo desacordo das familias cos recursos e medidas implementadas. Neste intre estamos tramitando una queixa na que se alega a discrepancia entre as orientacións curriculares e a determinación das axudas necesarias que figuran nos informes do EOE de dous alumnos e as medidas implementadas no centro educativo.

Tamén se recomendou e se aceptou que nas vindeiras convocatorias da avaliación do bacharelato e mentres exista este sistema de acceso se adopten as medidas necesarias para que se asegure a igualdade de oportunidades e non discriminación do alumnado sen discapacidade pero con necesidades educativas especiais (adaptación de tempos, elaboración de modelos especiais de exame, medios materiais e humanos, asistencias, apoios, garantía de accesibilidade e comunicación) e mesmo a necesaria cualificación dos correctores. E tamén se recomendou e se aceptou por todas as universidades galegas que na fase extraordinaria de acceso se poidan incrementar as prazas ata alcanzar o 5% para que accedan os estudantes con discapacidade cando na convocatoria ordinaria non acontecera a dita concorrencia.

No tema do emprego constatouse o non cumprimento dos mínimos por algunhas administracións públicas, segundo xa denunciamos no informe especial de 2013, aínda que progresivamente se mellora ao establecer as cotas nas ofertas de emprego público, tanto a xeral do 7% como a específica do 2% para a discapacidade intelectual. Desde a Institución defendemos que estas cotas deberíanse respectar tamén nos empregos públicos temporais, o que fai a Xunta de Galicia dende o decreto de 2019, e que as medidas de discriminación positiva afecten tamén as convocatorias de apoio ou fomento do emprego que realizan as administracións. Coa actual normativa isto último non é obrigado, pero con ocasión dalgunha queixa indicamos que era conveniente facer reservas a favor das persoas con diversidade funcional neses programas continxentes de promoción do emprego, posto que tamén a través deles se cumpre o obxectivo legal da inclusión laboral.

 

Para unha óptima inserción laboral, é preferible o emprego ordinario fronte ao protexido en centros especiais de emprego. A estes efectos, os poderes públicos deberían promover a transición do emprego protexido ao ordinario a través dos enclaves laborais. Asemade, os poderes públicos deberían promover a adaptación dos postos de traballo, públicos e privados, a través dalgunhas das seguintes medidas: (1) restricións totais ou parciais do tipo de traballo, dos materiais utilizados, ou do modo de traballar; (2) equipos especiais de adaptación; (3) servizos de apoio para, sen substituír na realización das tarefas esenciais, facilitar as mesmas; ou (4) supresión das barreiras. Sobre a adaptación do posto de traballo estamos a tramitar unha queixa promovida por unha persoa con discapacidade inscrita nas listas de contratación dun concello.

 

O funcionamento do sistema de dependencia incide moi directamente na situación das persoas con discapacidade. O Observatorio Estatal da Dependencia, no último informe anual referido a 2018, valora o esforzo da Comunidade Autónoma nos tres últimos anos. Pero aínda hai carencias. O cal motiva queixas ante a institución en particular polos tempos de espera para prazas residenciais, para axuda ao fogar ou para acceso aos servizos sociosanitarios. Os tránsitos desde os centros de educación especial aos servizos de dependencia tamén xeraron queixas derivadas da solución de continuidade: recentemente houbo unha queixa de oficio dun mozo con trastorno do espectro autista que, finalizado o seu ciclo educativo, levaba tempo en lista de espera; a Consellería aceptou a recomendación e solucionou o caso.

 

O sistema de dependencia vese afectado tamén por retrasos nas valoracións da mesma, o que motivou que o ano pasado iniciaramos diferentes actuacións de oficio.

 

Un dos servizos claves no sistema de dependencia é o residencial. Iniciamos unha actuación de oficio para coñecer o protocolo de actuación dunha residencia privada con prazas concertadas á hora de aplicar suxeicións. Concluímos que as suxeicións prescríbense por profesionais médicos en función das circunstancias das persoas residentes, rexístranse na súa historia médica e son revisadas periodicamente. Con carácter previo infórmase ao residente e á familia e facilítaselle un formulario de consentimento informado que debe asinar o familiar de referencia.

 

Tamén iniciamos outra actuación de oficio debido aos casos de soidade non desexada, que afecta a moitas persoas maiores e/ou con discapacidade. Unha consecuencia preocupante que pode ter é o descoñecemento temporal dos falecementos. Reclamamos informes á Consellería de Política Social e á FEGAMP, e despois de valorar as respostas concluímos que a maior incidencia da soidade non desexada apreciase no medio urbano, debido á ausencia de redes de apoio familiar e/ou veciñal, o que fai necesario aplicar nel estratexias e ferramentas de maior intensidade. A consellería  anunciou a elaboración dun Informe xeral sobre a soidade non desexada, dun Censo de persoas maiores que viven soas en Galicia, dunha Estratexia de prevención e atención á soidade non desexada en Galicia.

Quedaría esta intervención incompleta si non aplicásemos unha perspectiva de xénero. Os datos estatísticos constatan, en efecto, que as mulleres e as nenas con discapacidade sofren en maior porcentaxe (en torno ao dobre) que as mulleres e as nenas sen discapacidade, violencia na parella, delitos sexuais e violencia de xénero. Tamén son mulleres ou nenas quen maioritariamente son esterilizadas sen o seu consentimento, segundo se permite no Código Penal co fundamento paternalista de garantir o interese da persoa con discapacidade (art. 156). As mulleres con discapacidade teñen unha tasa máis alta de desemprego que os homes con discapacidade. E as mulleres de maior idade atópanse en maior risco de exclusión social e máis problemas de coidado pola soidade.

Desde esta perspectiva, é necesario actuar tanto na mellora das normas, como na vixilancia da aplicación efectiva das normas. Na mellora das normas, hai algúns aspectos a destacar. A derrogación da esterilización debería ser unha das reformas inaprazables. Igualmente a mellora da lei orgánica de violencia de xénero coa finalidade de evitar as situacións de discriminación interseccional: neste aspecto cumpriría levar a efecto as propostas contidas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Recomendamos aos colexios da avogacía, e estes o aceptaron, formación e capacitación dos colexiados en igualdade e violencia o que inclúe as propostas específicas do pacto do Congreso e o Senado en materia de violencia contra colectivos especialmente vulnerables e contra vítimas persoas con discapacidade. Os colexios aceptaron a recomendación.

 

De novo o RD 1917/1999 sobre valoración da discapacidade presenta problemas, agora desde a perspectiva de xénero e discapacidade, ao non contemplar enfermidades feminizadas: o caso paradigmático é a fibromialxia. Sobre esta cuestión estase a tramitar unha queixa dunha muller que cada vez está peor, pero o seu grao de discapacidade en vez de aumentar, diminúe.

 

Tamén é necesaria a vixilancia da aplicación efectiva das normas na medida en que as mulleres con discapacidade se atopan con dificultades para facer valer os seus dereitos derivados: as veces pola súa discapacidade -por exemplo, unha muller con discapacidade intelectual pode non ser consciente dos malos tratos continuados que sofre, de aí a importancia das campañas públicas dirixidas aos colectivos máis vulnerables-. A Secretaría Xeral de Igualdade fixo unha guía sobre violencia contra as mulleres cos discapacidade, onde recolle a violencia física, a sexual, a estrutural, a psicolóxica, a económica, a obstétrica e a cultural; outras veces pola falta de medios -por exemplo, por non haber medios alternativos para as mulleres xordas ao teléfono de asistencia as vítimas, ou por non dispor de intérpretes da lingua de signos nas dependencias administrativas, policiais ou xudiciais-. Hai un convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral de Igualdade e a Federación de asociacións de persoas xordas para garantir unha atención integral as mulleres xerado no marco do pacto de Estado contra a violencia de xénero; e mesmo tamén polos propios prexuízos que sofren as mulleres con discapacidade -por exemplo, restándolle credibilidade á súa declaración ao priorizar que se trata dunha muller que ten unha discapacidade-. Hai  pouco  tivemos  unha  xuntanza  coa  entidade Ecos  do Sur,  na que  fixeron referencia a un caso  dunha  muller  nixeriana, vítima de trata,  cunha  patoloxia psiquiátrica precisamente por ser vítima de trata, e o caso  foi  sobreseido  ao  non  lle dar  ceredibilidade a testemuña da vítima.

Finalmente, a implementación efectiva do modelo social obriga a actuar, no só no eido normativo e na vixilancia da aplicación efectiva das normas, tamén na concienciación para o cambio de modelo. A persistencia na sociedade de prexuízos reflíctese en episodios aparentemente puntuais pero demostrativos da existencia dun problema estrutural. É moi significativo que a discapacidade sexa o segundo motivo de delitos de odio en España. Ou que a discapacidade sexa o detonante de moitos acosos contra nenos e nenas nos centros escolares. Os poderes públicos deben loitar contra a discafobia (medo irracional, odio e discriminación contra as persoas con discapacidade).

 

Remato xa. Volvo a agradecer a oportunidade que se me deu de comparecer ante esta Comisión, e quedo a súa disposición para as aclaracións que teñan por conveniente realizar.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal