“CHAMÁBASE CARMEN”- Denuncia versus protección, por Francisca Verdejo Torralba, Maxistrada de Violencia sobre a muller dos Xulgados de Barcelona.

17 Setembro, 2021 falamos de feminismo

Hoxe non pode ser un día máis. Négome a que o sexa. A esperanza, se é que algunha vez existiu, volveuse a desvanecer. É a número 31. Non é un número máis pero así se nos presenta. É outra vida truncada, arrebatada pola violencia machista.

 

Mergullo nos xornais dixitais, escoito as noticias nas diferentes canles e non logro saber como se chamaba. Quizais non a poida lembrar polo seu nome.  Vivía en El Cerro (Sevilla), tiña 60 anos, nunca denunciara ao seu asasino. El chamábase Cristóbal.

 

Das 31 mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas só unhas poucas denunciaran antes de que lles arrebatasen a súa vida. Como en cada asasinato de mulleres, os medios de comunicación fanse eco da noticia. Políticos e políticas, “expertos e expertas” opinan unha vez máis. Mostran o seu rexeitamento ao crime, e poñen o acento na necesidade de denunciar.

 

A información nesgada que ofrecen os medios de comunicación e daqueles que se presentan como expertos e expertas xera desalento nas mulleres vítimas da violencia de xénero. Desprazan así a responsabilidade ás mulleres que están a sufrir mal trato. Esquécense, esquecemos, a primeira e gran declaración da Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero “A violencia de xénero non é un problema que afecte o ámbito privado”.  E, añade o Preámbulo “Os poderes públicos non poden ser alleos á violencia de xénero, que constitúe un dos ataques máis flagrantes a dereitos fundamentais como a liberdade, a igualdade, a vida, a seguridade e a non discriminación proclamados na nosa Constitución. Eses mesmos poderes públicos teñen, conforme ao disposto no artigo 9.2 da Constitución, a obrigación de adoptar medidas de acción positiva para facer reais e efectivos os devanditos dereitos, removendo os obstáculos que impiden ou dificulten a súa plenitude”.

 

A norma afronta a erradicación da violencia de xénero desde unha perspectiva integral e transversal. Deseña os principios reitores para alcanzar a finalidade de fortalecer as medidas de sensibilización, consolidar dereitos das  mulleres vítimas desta secuela social, establecer un sistema de tutela institucional, reforzar o marco penal e procesual, a coordinación e a cooperación entre todos os axentes implicados na loita contra o terrorismo doméstico, fomentar a especialización e garantir a transversalidade das medidas. Estes principios fixan a orde, a prioridade na actuación dos poderes públicos que, ao redactar a lei sitúan (con gran acerto) ao final da “cadea” á Administración de Xustiza, cuxo papel – engado – debería ser residual. Só así poderá eliminarse esta secuela social.

 

É erróneo pensar que a denuncia é instrumento apto para erradicar a violencia machista. Na denuncia a muller resume, na maioría dos casos precipitadamente, nuns folios os anos de terror vividos nun escenario ensamblado polo seu verdugo (parella ou ex parella) ao que se viu sometida, subxugada. A vítima describe os golpes recibidos, a ditadura do pánico no que a soidade á que se aboca á muller serve como un instrumento máis de dominio. A denuncia non permite evitar os ataques físicos e psíquicos á muller, o que explica o gran acerto da Lei Integral ao antepoñer a sensibilización, a prevención e detección, así como a actuación no ámbito educativo, á actuación do poder xudicial. Só sensibilizando, previndo e educando poderemos lograr ese cambio “social” que pretende a norma.

 

Os datos estatísticos ensinan que a maioría das mulleres non denunciaran aos seus asasinos. A desconfianza nas Administracións públicas, en xeral, e, en particular, na Administración de Xustiza, e, a sensación de desprotección, son algunhas das razóns que explicarían por qué a muller detén ou non inicia o seu camiño ata a Comisaría ou ao Xulgado para denunciar a súa situación de violencia. ¿Pero que impide ao resto das persoas denunciar? Aos familiares coñecedores das agresións, aos veciños que día si, día tamén escoitan os berros e as peticións silenciosas das vítimas. Non é o descoñecemento da súa obrigación de denunciar. É a anella e repugnante opinión de que “son cousas de parella”. A Lei de axuizamento criminal obriga a todo cidadán que teña coñecemento dun delito público a denunciar (art. 259 Lecrim). Os delitos relacionados coa violencia de xénero, na súa gran maioría sono, e a declaración legal antes transcrita non deixa lugar a dúbidas. Quizais chegou o momento de pedir responsabilidades a todos aqueles e aquelas que coñecían da existencia de mal trato e non denunciaron.

 

Logrei saber o seu nome. Podereina lembrar por el. Chamábase Carmen. E despois de oír como se repiten as mesmas ideas volvo preguntar  ¿Salvaría a Carmen denunciar a Cristóbal antes de que a matase? ¿Cantas veces máis escoitarei as mesmas declaracións? Despois de Carmen foron asasinadas catro mulleres máis. Non se detivo  a virulencia desta modalidade delituosa. Empecei a escribir estas notas o 11 de agosto de 2021. Hoxe, 16 de setembro de 2021 que retomei a súa redacción, as vítimas son xa 35. Non sei o seu nome. Négome a consideralas como un número máis que pasa a formar parte da estatística.

 

Erradicar a violencia de xénero é unha tarefa na que se ha  de implicar a Sociedade conseguindo o illamento dos agresores.  As medidas implementadas, e as que se poidan adoptar serán insuficientes ata que non logremos erradicar a violencia machista. O camiño cara a ese cambio social ha de estar liderado polos Poderes Públicos aos que é necesario lembrar periodicamente a obrigación de cooperación e coordinación imposta polo artigo 32 da Lei Integral, deber que esquecen fundamentándoo en motivos espurios da repartición constitucional de competencias. Nada xustifica o inxente número de teléfonos que as vítimas poden utilizar para (novamente) denunciar a súa situación de violencia. Nada xustifica a atomización dos recursos. A fragmentación dos recursos só debilita ao sistema.

 

Quero lembralas polo seu nome.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal