As valedorías unen forzas para previr a contaminación acústica

26 Maio, 2016 Institución, Novas

A contaminación acústica é un dos principais motivos de malestar para os cidadáns que residen en zonas urbanas. O ruído excesivo producido pola actividade diaria nas cidades pode acabar ocasionando serios problemas de saúde. Co fin de compartir coñecementos e actuar de maneira conxunta, as defensorías do pobo celebraron o pasado martes en Vitoria-Gasteiz unha xornada técnica de traballo na que se intercambiaron experiencias e reflexións sobre cómo o ruído nas zonas urbanas afecta á calidade de vida das persoas e ao medio ambiente. A institución do Valedor do Pobo, aínda que non estuvo presente, achegou as súas aportacións de xeito telemático. Ao remate da reunión, celebrada na sede do Ararteko en Vitoria, redactouse un documento de conclusións e recomendacións dirixidas ás administracións públicas que agora deberá ser aprobado polos defensores.

Este acto serviu como antesala das Xornadas de Coordinación de Defensores, que terán lugar do 21 ao 23 de setembro en Pamplona, e que versarán sobre o tema, baixo o título “A invasión do domicilio por ruídos: a inviolabilidade do domicilio e o dereito á integridade física e psíquica. A valedora presentará e moderará un relatorio exposto por José Francisco Alenza García, profesor de Dereito Administrativo da Universidad Pública de Navarra, na que se abordará a perspectiva administrativa da contaminación acústica.

Nos últimos anos, os problemas ocasionados pola contaminación acústica, moitas veces vinculada a locais de ocio nocturno ou ao botellón, provocaron numerosas queixas ante a oficina do Valedor do Pobo. Este asunto non só xerou unha importante cantidade de recomendacións emitidas polas defensorías, senón que tamén se elaboraron informes extraordinarios ao respecto. O traballo coordinado das institucións está conseguindo que a sociedade e os poderes públicos adquiran unha maior conciencia cívica ao respecto.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal