As probas da ABAU estarán adaptadas a alumnos con necesidades educativas especiais grazas á intervención do Valedor do Pobo

01 Setembro, 2017 Institución, Novas

A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) vén de aceptar as recomendacións da valedora para adaptar os tempos, os modelos de exame, os descansos e o apoio de persoal especializado no curso das probas. Desde a institución solicitouse tamén que os avaliadores teñan en conta as particularidades destes alumnos de cara a facer as súas cualificacións.


Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2017
. A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) terá en conta as recomendacións feitas desde o Valedor do Pobo para garantir a igualdade do alumnado sen discapacidade pero con necesidades educativas especiais  que se presenta a ABAU, a proba de acceso á universidade que substitúe á antiga Selectividade. Analizadas as queixas achegadas por familiares de varios alumnos que se examinaron o pasado mes de xuño, a valedora recomendou a adecuada adaptación dos tempos de cada unha das probas, a elaboración de modelos especiais de exame, o apoio material e humano durante o desenvolvemento das probas e mesmo unha maior flexibilidade na avaliación, que responda ás particularidades dos estudantes con necesidades específicas.

A CiUG informou hoxe mesmo que, ademais das medidas contempladas pola súa normativa e dirixidas ao alumnado con necesidades educativas especiais, considerará as suxestións feitas polo Valedor do Pobo de cara ás vindeiras convocatorias.

Deste xeito, mentres exista este sistema de acceso á universidade, a valedoría propón que se adopten as medidas necesarias na organización das probas, en canto a recursos materiais e persoais, que permitan asegurar a igualdade de oportunidades e a non discriminación do alumnado sen discapacidade e con necesidades educativas especiais. Trátase de estender, por exemplo, os tempos de cada unha das probas, sempre respectando o descanso de 30 minutos entre as mesmas. Estes alumnos contarán con información previa sobre o espazo dispoñible, os procesos de exame e a colaboración de profesorado de apoio nas aulas.

O Valedor do Pobo considera, por outra banda, que determinadas necesidades educativas especiais deben ser coñecidas polos equipos que avalían as probas. Por exemplo, no caso das linguas estranxeiras, existen normas que instan a flexibilizar este proceso en alumnos con discapacidade auditiva, con dificultade na expresión oral ou trastornos da fala. Non ocorre o mesmo co alumnado con dislexias, disgrafías ou outro tipo de trastorno que pode cometer máis faltas de ortografía do habitual, algo que debería ser tido en conta para proceder a cualificar as probas.

Actuación de oficio

O pasado mes de abril, a valedora do pobo abriu unha actuación de oficio ante a inseguridade coa que 10.000 alumnos galegos ían afrontar a proba de acceso á universidade. A publicación da resolución administrativa coas instrucións para a realización neste curso da ABAU introduciu elementos que preocuparon á institución por entender que podían estar afectados os dereitos académicos dos estudantes.

Como conclusión desa actuación, a valedoría indicou que deberían terse adoptado medidas transitorias que paliasen os efectos da entrada do novo modelo, permitindo ao alumnado coñecelo coa suficiente antelación.

A posta en marcha de medidas para alumnos con necesidades educativas especiais é unha boa noticia para a valedoría que confía en que en próximas convocatorias se poidan corrixir algúns aspectos máis concretos sobre o desenvolvemento dos exames, as materias, os baremos e outras características da ABAU.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal