As necesidades das persoas con discapacidade centraron a xornada de encontro da valedora cos tomiñeses

24 Maio, 2018 Discapacidade, Institución, Novas

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2017. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, celebrou onte unha xornada de encontro coa veciñanza de Tomiño. As persoas citadas na Casa do Concello achegáronlle un total de 20 queixas nunha sesión aberta celebrada no Salón de Plenos á que asistiron medio cento de tomiñeses.

Un grupo de usuarios do Centro Vontade que asiste a persoas con discapacidade física centrou gran parte das intervencións. Entre as súas queixas destacaron as relativas a problemas de accesibilidade con beirarrúas, camiños estreitos para o acceso de vehículos adaptados ou dificultades para o uso dos servizos de transporte e desfrute do ocio.

Parte dos asistentes tamén amosaron as súas inquedanzas por problemas relacionados coa limpeza de fincas colindantes, carencia de servizo continuado de urxencias e farmacia de guardia no municipio e as dificultades para se trasladar en transporte interurbano ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, entre outros. A recente folga de xustiza tamén tivo incidencia no funcionamento dos xulgados de Tui e unha asistente denunciou por exemplo a demora na transferencia de cartos por un embargo de pensión alimenticia dun menor.

Nunha xuntanza previa celebrada nas dependencias municipais, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, expuso a valedoría tamén queixas propias que serán tramitadas de oficio pola defensoría. Desde o concello instouse a Milagros Otero a intervir para evitar a práctica de botar glifosato (herbicida utilizado para o control das malas herbas nos parques e zonas verdes) nas cunetas do termo municipal, por ser altamente contaminante.  Tamén se solicitaron melloras no transporte público ao Hospital do Cunqueiro e para a prevención de lumes,  e extinción de niños de vespa asiática; asuntos todos estes sobre os que a rexedora declarou estar “desbordada” por falta de medios e de persoal, e que ademais exceden a súa competencia.

Un total de 20 queixas serán tramitadas tras a xornada de visita de onte. Hoxe mesmo a valedoría inicia a súa tramitación para dar unha resposta o antes posible ás persoas que se quixeron achegar á institución do valedor do pobo e expor en persoa os seus problemas á súa titular, Milagros Otero Parga.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal