As MULLERES DO NORTE, TAN PRETO E TAN LONXE por Emma Rodríguez Rodríguez, Profesora Contratada Doutora (Acreditada a Titular) de Dereito do Traballo e da Seguridade Social. Universidade de Vigo

03 Xuño, 2020 falamos de feminismo

 

Ao pensar na igualdade entre homes e mulleres inevitablemente reparamos na repartición equilibrada das responsabilidades da vida, tanto no ámbito do emprego, como no sector máis íntimo e privado, na asunción de responsabilidades compartidas dentro do noso fogar. Esta perspectiva non é nova, nin moito menos, aínda que cada vez é máis próxima á opinión pública e demandada en calquera familia no día a día. Quere isto dicir que as nais e mulleres de hoxe son máis “modernas” que as do século XX?. Pois non o creo, sinxelamente evolucionaron  cos tempos e coas leis que nos viñeron do norte de Europa.

Non é casualidade que a primeira Directiva que recoñece o permiso parental, por tanto, norma legal vinculante para os Estados Membro da Unión, vexa a luz baixo a presidencia de quenda sueca. Este fito de mediados da década dos noventa é unha manifestación clara da importancia que sempre implicou  a igualdade entre homes e mulleres, en todos os aspectos, para os países do Nordic Model –Noruega, Suecia, Finlandia, Islandia e Dinamarca-.

É certo que son sociedades profundamente marcadas co aceno de identidade do feminismo. Pero, o que é menos coñecido, é que non xorde da causalidade ou directamente do matriarcado das tribos viquingas –como agora puidemos comprobar en magníficas series de televisión-. A pesar do mito ou a lenda que unxiron a súa historia cun halo de superioridade feminina case innata, foron as leis nacionais as que impuxeron certas obrigacións de coidado respecto dos fillos e implicacións no fogar, a máis diso as importantes sancións que implicaba saltalas. Así que foi o lexislador quen se meteu nos fogares para repartir os quefaceres, si, algo tan pouco liberal e que os levou a converterse nos países máis prósperos e con mellores clasificacións en calidade de vida.

Estes pobos creceron e expandíronse grazas á pesca, ás conquistas de novos territorios que o levaron mesmo a disputar o trono de París ou de certos condados ingleses, tarefas todas elas vinculadas directamente ao xénero masculino, con presenza feminina minoritaria. A maternidade protexíase e venerábase como a base na que se apoiaba a riqueza duns territorios cunha terra infértil e unha climatoloxía moi dura para o desenvolvemento vital, case de calquera ser vivo. E, tras as guerras pola delimitación das súas propias fronteiras, a súa pirámide poboacional viuse sacudida con forza polas Guerras Mundiais, especialmente a Segunda. As súas abruptas peculiaridades xeográficas que hoxe son un atractivo turístico, nesa época colocáronos  nunha situación estratéxica moi vantaxosa para refuxiar aos temidos submarinos alemáns. As atrocidades que os habitantes destes pobres territorios soportaron, minguaron ata o extremo á poboación masculina, ao ser recrutados para servir nas batallas máis duras. As mulleres, vítimas de topo tipo de atropelos que agora evito describir, armáronse máis que nunca coa valentía das  viquingas e comezaron a ocuparse de todo un pobo arrasado polos abusos duns e outros.

Algunhas destas mulleres conseguiron non só saír adiante, senón tamén prosperar con explotacións agropecuarias –Finlandia, antes de Nokia era un pasteiro para ovinos, como os describen as crónicas da época- e estudar en prestixiosas universidades inglesas ou alemás. Dinamarca, por estar máis próximo ao continente europeo, mantivo un nivel de vida máis próximo aos países do sur e tamén acolleu importantes núcleos de estudo e de formación para mulleres. Así que si, as mulleres do norte facendo honra a esa herdanza viquinga, non só resucitaron unha sociedade sacudida e vilipendiada pola guerra, senón que a fixeron crecer, organizárona á súa medida, reclamando a economía dos coidados como un motor fundamental que leva implícito o recoñecemento da verdadeira igualdade entre os xéneros. Foron movementos feministas expansivos que contaxiaron ás súas veciñas xermanas, pero que parecía perder fol a medida que descendía aos destinos europeos de “ sol e praia”.

Islandia converteuse na locomotora deste movemento feminista que tras as primeiras folgas dos anos sesenta, desembocaron na primeira gran mobilización en 1975, – acudiron o 90 % das islandesas- pola igualdade de dereitos e a conciliación laboral e familiar. Pouco despois, crearon o “Consello de Mujeres” a través do que conseguiron alcanzar o 30% de representación parlamentaria. Pero, nesta incorporación da muller a postos de representación da vida pública destaca que Islandia foi o primeiro país do mundo en elixir a unha presidenta en 1980, Vigdís Finnbogadottir, unha nai solteira que se mantivo no cargo 16 anos.

As políticas públicas que se impulsaron desde entón nos diferentes países nórdicos contemplaron a igualdade entre os xéneros desde unha perspectiva verdadeiramente transversal e primordial. A economía de calquera destes países non se concibe sen as altas taxas impositivas que se destinan, nunha gran medida, ao apoio das políticas de conciliación. Na década dos anos 2000, o lexislador noruegués non dubidou en sancionar seriamente ás empresas que non contasen cunha cota concreta de mulleres nos seus consellos de administración, cota que goza de carácter progresivo ata alcanzar a paridade. Tampouco, anos antes, Suecia reprimiuse ao establecer multas importantes para quen, gozando do permiso parental, estivesen noutros quefaceres lúdicos –xogos de inverno- ou non tanto –cazando salmón-. Os permisos parentais convertéronse en obrigatorios e intransferibles, apartándose de políticas proteccionistas cara ao sexo feminino que seguían enarborando países como Alemaña. As últimas normas que aprobaron  van na liña de eliminar a brecha salarial, co éxito de reducila xa ao 5%, fronte á media do 16% do resto dos países da Unión.

Algúns dirán que é fácil conseguir isto en países pequenos, con xentes afeitas a isto da igualdade real entre os xéneros, que xa o levan na súa esencia, mesmo se alega que teñen petróleo e por iso poden investir nestas cousas. O certo é que non creo que sexa nada diso, simplemente paréceme que é unha cuestión de elixir como deter o poder, como investir os recursos e aplicar ou desenvolver políticas públicas. Teñamos presente que o feminismo é un movemento democrático que busca a igualdade e loita contra a discriminación no emprego e na vida, en xeral. Igual que IKEA, veu do norte para quedar, máis aló da complicación que ás veces implique encaixar as pezas.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal