As dificultades para acadar a accesibilidade universal en Galicia

01 Decembro, 2017 Dereitos, Discapacidade, Institución, Novas

O próximo 4 de decembro vence o prazo legal que obriga aos poderes públicos a asegurar a accesibilidade universal. O Valedor do Pobo encargou ás catro entidades máis representativas da diversidade funcional un traballo de campo. O primeiro avance constata algunhas carencias nesta materia.


Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2017
. Os primeiros resultados do traballo de campo encargado polo Valedor do Pobo á ONCE, COGAMI, FADEMGA Plena Inclusión Galicia e á Federación de Asociacións de Persoas Xordas (FAXPG), como base para a elaboración do Informe Extraordinario sobre accesibilidade en Galicia, evidencian que aínda resta camiño por percorrer cara á accesibilidade universal na nosa comunidade. O próximo 4 de decembro cómprese o prazo legal para que os poderes públicos garantan a accesibilidade plena e a non discriminación das persoas con diversidade funcional. A pesares dos avances realizados nos últimos tempos, e a crecente aplicación de criterios de accesibilidade en instalacións públicas e privadas, as entidades constataron aspectos nos que aínda resta traballo por facer.

A ausencia de planificación por parte dos poderes públicos para dar cumprimento a ese prazo legal establecido así como a falla de previsión sobre accesibilidade durante as fases de proxecto e execución son dúas das primeiras conclusións transmitidas polas entidades no seu adianto das comprobacións realizadas.

A lexislación atópase dispersa e as competencias en mans de diferentes administracións, o que leva a unha aplicación difusa e con interrupcións na cadea de accesibilidade, explican as organizacións que desenvolveron estes traballos.

Unha das cuestións destacadas garda relación co estado das vías públicas que non garanten a continuidade dos itinerarios a que si resultan accesibles nalgúns tramos.

En canto ao transporte público, as primeiras conclusións do traballo de campo fixan o punto de mira nas estacións, principalmente nas de autobuses, onde se detectan carencias. Precisamente este transporte é decisivo para o traslado das persoas con discapacidade con importante repercusión na súa autonomía. Apreciáronse dificultades en transporte de longo e medio percorrido e cos sistemas de preaviso que, segundo se indica,  non fomentan a igualdade de oportunidades.

Aínda que as instalacións públicas e privadas seguen criterios de accesibilidade no seu deseño, os técnicos informan da dificultade para chegar a elas dado que os itinerarios de aproximación non son accesibles. Nos casos de difícil acceso a servizos como piscinas, bibliotecas, salóns de actos, óptase pola solución de apartar do entorno xeral ás persoas con diversidade funcional.

En servizos de atención ao público escasean os empregados con competencia en lingua de signos.

O avance do estudo evidencia ademais a necesidade de mellorar a accesibilidade auditiva na canle autonómica de televisión coa posible inclusión de máis horas subtituladas, maior calidade, ou a necesidade de que o intérprete de signos, nos programas que contan con el, ocupe un espazo maior na pantalla.

No caso dos servizos de emerxencia poderían mellorar cara a facilitar o acceso a diferentes formas de comunicación.

Informe extraordinario

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, asinou hai un ano un convenio de colaboración coa Organización Nacional de Ciegos Españoles (ONCE), a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Fademga Plena Inclusión Galicia e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) para avanzar na elaboración dun Informe Extraordinario sobre accesibilidade. En virtude do acordo, as catro entidades colaboran coa institución do Valedor do Pobo coa realización de comprobacións sistematizadas sobre os niveis de accesibilidade no medio urbano e rural da comunidade.

O informe, que en breve se presentará ao Parlamento de Galicia, abordará a accesibilidade desde un punto de vista moi amplo, de aí a necesidade de dispor de apoio técnico das entidades asinantes. A ONCE encárgase de realizar o estudo da accesibilidade que afecta de xeito singular ás persoas con discapacidade visual. FADEMGA, pola súa banda, efectúa a comprobación sobre os problemas que neste ámbito afectan ás persoas con discapacidade intelectual. A Federación de Asociacións de Xordos centra a atención nas barreiras que afectan ás persoas con discapacidade auditiva. COGAMI encárgase das persoas con mobilidade reducida e redactará o documento final de todas as entidades, que se incorporará como anexo ao Informe Extraordinario sobre accesibilidade no que traballa a institución do Valedor do Pobo.

A accesibilidade debe substituír á discapacidade nun prazo curto de tempo e a valedoría quede contribuír a este futuro coa realización dunha diagnose completa das dificultades de accesibilidade física e sensorial que afectan ás persoas na nosa comunidade.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal