As artistas, as eternas excluídas por Luz Darriba, Artista multidisciplinar. Escritora

22 Marzo, 2021 actualidade, falamos de feminismo, Novas, Novas

 

A historia das mulleres está acoutada dende o comezo dos tempos pola arbitrariedade patriarcal. As mulleres en todos os ámbitos somos discriminadas polo mero feito de sermos mulleres. Esta é unha realidade que dificilmente poida ser superada nos termos cativos das nosas vidas.

Ben sabemos que as eivas atravesadas por unha muller que decide levar adiante unha profesión, unha paixón, algo que marque unha diferencia na súa vida son infinitamente maiores que cando é un home quen o fai.

Dando por feito que o que conta é o resultado, e a ninguén ten por que interesarlle se a persoa que realizou tal ou cal obra lavou pratos durante anos antes de saír da casa, levou as crianzas á escola, ou mercou comida para cando despois desa mostra a familia volva ao fogar e poida seguir o curso normal da vida, toca dicir, tristemente, nos anos vinte do século XXI, que a meirande parte destas actividades «improdutivas» son aínda realizadas polas mulleres, con maior, menor ou inexistente colaboración das súas parellas homes. O cal devén nun punto de partida arbitrario, sen equidade, onde seguen a brillar máis aqueles que só se teñen que ocupar de facer o mellor posíbel o seu traballo: ou sexa, os homes. Tendo en conta, ademais, que a ollada seleccionadora, dende tempos inmemoriais, foi ―é― realizada por homes que nos consideraban musas e nunca as súas pares, fomos as mulleres as que nos vimos compelidas a rescatar do agocho as nosas «referentas» pasadas.

Xa que logo, ao falarmos de distintas correntes e movementos na arte atopamos a metade oculta, a metade ignorada. Mais esa ocultación só demostra que estivemos alí, que sempre estamos, que sempre estaremos.

Sabemos dabondo que a educación é o camiño. Lento, tortuoso, cheo de dificultades, mais o camiño certo. Por iso, cando nos choven sobre a cabeza novas que indican claramente unha actitude premeditadamente negacionista, temos que alzar a voz o suficiente como para que se nos escoite. E a noticia de que as probas de avaliación de Bacharelato en Historia da arte só inclúen artistas homes nunha centena de pezas é unha alerta ben gorda coma para non quedar caladas.

Fronte a isto, o alumando do IES Val do Tea, de Ponteareas, reclama que se incorporen artistas mulleres no temario da ABAU; un programa tan amplo que percorre dende a prehistoria até hoxe. Tempo que, ao parecer, non foi abondo para que ningunha muller fixera algo de relevancia como para tela en conta. Dito doutro xeito, e só por simplificar: non existiron nin Artemisa Gentileschi, nin Frida Kahlo, nin Louise Bourgeois.

Unha alumna do IES Val do Tea, de Ponteareas, foi quen deu a voz de alarma. Non atopou ningunha artista entre cen autores sobre a que facer a súa exposición. Ninguén se decatara até ese momento de que a exclusión de todas as artistas mulleres do programa era un feito consumado. Agora están a mobilizarse.

Agora estamos, tamén, a mobilizarnos nós.

A deconstrución é un proceso tan lento e azaroso que ás veces, cando esquecemos pór as gafas violeta, non vemos o evidente e o patriarcado se impón por cansazo. A nosa obriga é estarmos alerta e denunciar, porque quen nega a máis da metade da poboación o recoñecemento da súa entidade e identidade comete un delito, porque os dereitos das mulleres son dereitos humanos.

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal