Artigo da Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, no suplemento especial de El Correo Gallego no día grande de Galicia, 25 de xullo.,

26 Xullo, 2021 actualidade, falamos de feminismo, Novas, Novas

MULLERES RURAIS, A CHAVE PARA O DESENVOLVEMENTO

 

Dolores Fernández Galiño. Valedora do Pobo

 

Peregrinas e peregrinos de todo o mundo achéganse a Santiago polas case 280 rutas e máis de 80.000 quilómetros do Camiño que circulan ao longo da xeografía de Galicia, España e Europa. Nese decorrer, atravesan cidades tan emblemáticas como París, Estrasburgo, Burdeos, Reims, Aquisgrán, Praga, Pamplona, Burgos, Salamanca ou Sevilla. Por suposto, en Galicia tamén permiten coñecer as nosas cidades emblemáticas e agroman por todas partes algúns traxectos dos moitos camiños que conflúen en Compostela. Mais, no noso caso, é moi frecuente que coincidan con zonas rurais, ou menos urbanizadas, por vilas ou mesmo aldeas.

 

E isto non deixa de ser unha oportunidade neste mundo marcadamente urbanocéntrico porque o Camiño dá a posibilidade de volver á vista ao mundo rural, ao seu pasado, ao seu presente e ao seu futuro.

 

No seu pasado e no seu presente, as mulleres ocupan un papel basilar no arraigo da familia á terra e na cohesión da sociedade rural. Son peza esencial do seu desenvolvemento porque se ocupan dos traballos agrícolas e gandeiros, do marisqueo e labores asociados á pesca, da artesanía vencellada a estas actividades e, mesmo, nas industrias de primeira transformación. As mulleres rurais están na base persoal de empresas agrarias, sociedades cooperativas, asociacións cívicas e sindicatos agrarios. Elas teñen un papel esencial no tecido familiar, social e produtivo do mundo campesiño e mariñeiro.

 

Con todo, e a pesar da transcendencia desta función, non sempre se lles recoñece, pois invisibilízanse e non se valoran os traballos domésticos que tamén asumen, o coidado de fillas e fillos e tamén das persoas con discapacidade, dos seus pais e, moitas veces tamén, dos seus sogros. Tampouco se lles valoran como se debe as tarefas de colaboración na explotación, nin os labores de boa veciñanza e de colaboración social. Moitas veces o seu papel nin sequera se percibe porque son os homes os titulares das empresas e os dirixentes cooperativos, asociativos ou sindicais.

 

O afastamento e a dispersión dos núcleos de poboación dificultan, entre outras cousas, o acceso a servizos de coidado de nenos e nenas ou de persoas con necesidades especiais que requiren atención a diferentes situacións de dependencia. E hai que lembrar que, polo tradicional reparto de roles entre os sexos, esas dificultades engadidas inciden, especialmente, sobre a situación das mulleres. Tamén as zonas rurais teñen dificultades para o acceso á Internet e, de novo, as mulleres rurais sofren as consecuencias da fenda dixital.

 

Cara ao futuro, o desenvolvemento do rural e das zonas non urbanas é unha das materias pendentes que é necesario afrontar para acadarmos doses máis elevadas de progreso social, medioambiental e económico, en consonancia co país avanzado, cohesionado, democrático e moderno que é Galicia hoxe en día.

 

O sector agrario foi o sustento do crecemento dos sectores industrial e de servizos. Agora tócanos afrontar un novo equilibrio intersectorial no que temos que recoñecer e devolver ao sector primario o que colaborou no progreso. Nesa tarefa de desenvolvemento rural que as administracións deben afrontar -e que desde a sociedade debemos apoiar-, non se pode esquecer as mulleres. O papel esencial que as mulleres tiveron sempre no mundo rural van seguilo tendo no futuro e cómpre que sexa recoñecido e potenciado.

 

O desenvolvemento rural deben ter perspectiva de xénero. Se  consentimos o esquecemento das mulleres, as políticas públicas de desenvolvemento rural, por moi ben intencionadas que sexan e por moi ben sustentadas que estean, non conseguirán acadar ao cen por cen o resultado que pretendan.

 

As mulleres rurais non poden ser só observadoras do desenvolvemento rural: teñen que ser protagonistas.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal