APROBADA A LEI PARA A CREACIÓN DUN FONDO DE COMPENSACIÓN PARA AS VÍTIMAS DO AMIANTO (ASBESTOSE)

16 Xullo, 2022 actualidade, Novas, Novas

A asbestose nas mulleres fará parte da xornada “Invisibilizadas para a medicina”.

 

O traballo de Fin de Grado titulado “Aínda que custe respirar: Estudo do amianto con perspectiva de xénero”, de Sara González Veiga, resultou un dos gañadores da segunda edición do premio Valedora do Pobo. Presentado na Universidade de Santiago de Compostela, esta investigación constata a existencia de discriminación no ámbito da seguridade e saúde no traballo, e deixa de manifesto a necesidade de incorporar a perspectiva de xénero logo de investigar o caso concreto dos efectos adversos do amianto nas mulleres. Refírese tanto as  traballadoras como ás familiares de traballadores afectados. Investiga as circunstancias dun colectivo tan reducido que adoita non ser estudado, ignorando patoloxías eminentemente femininas como o cancro de ovarios que aínda non está entre as enfermidades profesionais causadas polo amianto.

No que ela denominaba “A miña declaración de principios” sobre este tema, indica que: “non podemos permitir que patoloxías como o cancro de ovarios aínda non estean na lista de enfermidades profesionais causadas polo amianto, sendo necesaria unha reforma neste ámbito e así evitar continuar incorrendo nunha discriminación por razón de xénero cara ás mulleres (…) é posible afirmar que si hai mulleres afectadas por amianto, a pesar de que moitas delas estean silenciadas porque, ou non reclamaron os seus dereitos, ou se lles negaron. Con este traballo pretendín darlles a voz a mulleres como Josefa, que desde os seus catorce anos tivo que vivir co amianto no seu traballo sen sabelo; ou esas catro mulleres que morreron antes que os seus maridos sen “haber traballado nunca” porque o seu emprego estaba tras as portas da súa casa; ou como Amalia, a primeira afectada española por amianto ao lavar a roupa de traballo do seu marido durante anos; ou como María Asunción, quen loita día a día por mulleres e homes afectados polo amianto, co obxectivo de darlles unha vida mellor (…) Gustaríame tamén resaltar o papel das amas de casa, que son mulleres traballadoras, lle a pesar de quen lle pese, polo que debe estudarse un posible sistema de remuneración para aquelas mulleres que dedican a súa vida ao coidado da súa familia, o cal permitiu a moitos homes poder chegar a ter unha carreira en prexuízo das das súas compañeiras de vida (…) Por todo iso, reafirmo a miña tese inicial de que si existe discriminación de xénero no ámbito da seguridade e saúde no traballo, e que si é necesario a implementación da perspectiva de xénero nel, concretamente no estudo do amianto. Por todas nós, chegou o momento de darlles voz ás mulleres do amianto. Fagamos xustiza”.

 

Daquela, é relevante o feito de que o Congreso dos Deputados ven de lexislar no sentido que propón este traballo de Sara González Veiga. A Comisión de Traballo aprobou a proposición de lei para a creación dun fondo de compensación para as vítimas do amianto, que pasa directamente ao Senado para a súa aprobación definitiva. O articulado da norma saíu adiante por unanimidade. O texto fixa que corresponde ao fondo a reparación dos danos e prexuízos sobre a saúde resultantes dunha exposición ao amianto padecidos por toda persoa “no seu ámbito laboral, doméstico ou ambiental en España, así como a aqueles (…) que dependesen economicamente do causante”. Unha vez publicado no BOE, o texto dá un prazo máximo de tres meses para o desenvolvemento do regulamento necesario para poñer en marcha e iniciar as actividades do fondo.

O fondo contará cunha asignación orzamentaria para o ano actual por importe de 25 millóns de euros e será xestionado polo Instituto Nacional da Seguridade Social. A lei inclúe outros beneficios para os afectados como coeficientes de mellora ou xubilacións anticipadas e estipula que a comisión de seguimento do fondo poderá formular “propostas de mellora” das condicións de traballo e protección social. Segundo a iniciativa lexislativa, entre 1994 e 2008 morreron en España 3.943 persoas por enfermidades vinculadas directamente ao amianto. O proxecto recolle a natureza e organización do fondo, especificando ‘fins, procedencia de recursos económicos e a estrutura organizativa’, e determina aos empresarios, as mutuas e as persoas titulares de dereitos como aqueles que están obrigados a cotizar ao fondo.

As previsións indican que ata 2023 seguirán aumentando os casos, polo que é preciso un fondo de compensación como os existentes en Francia, Holanda ou Bélxica.

Durante todo o século XX importáronse unhas 2.600.000 toneladas de amianto, nomeadamente para a fabricación de fibrocemento para a construción. A diferenza dos accidentes de traballo, nas enfermidades profesionais os danos non son instantáneos, aparecen anos máis tarde, e no caso do amianto décadas máis tarde, cando moitas empresas desapareceron. Daquela, o amianto actualmente xa non existe como problema preventivo. O problema radica, fundamentalmente, nas enfermidades derivadas de antigas exposicións polas que os danos sufridos están a derivar nunha gran cantidade de litixios que precisa deste fondo de compensación.

Está cientificamente demostrada a relación directa entre o contacto co amianto e o mesotelioma por trátase dun material canceríxeno do Grupo I, do que non se coñecen doses mínimas seguras. Os efectos dánse tanto polo contacto directo nos ámbitos da minería, industria, transporte, instalación, etc. como pola exposición indirecta ao mineral nos seus domicilios no lavado da roupa de traballo, o cal afecta ás mulleres mesmo que non estiveron contratadas polas empresas onde os seus homes traballaron.

Esta enfermidade fará parte da xornada que a Valedora do Pobo, o Consello da Cultura Galega, o Concello de Xinzo de Limia e máis a Escola de Saúde Rural da Limia, organizan neste concello o 23 de setembro baixo o título xeral de: “Invisibilizadas para a medicina”.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal