Actuación do Valedor do Pobo en relación ao conflicto aberto entre a comunidade xitana de Tui e O Porriño

12 Decembro, 2014 Exclusión social, Menores, Novas

O alto comisionado parlamentario tramita máis de 700 reclamacións de veciños da zona preocupados pola situación que afecta ás dúas comunidades de xitanos residentes. O Valedor ratifica o seu compromiso para evitar a vulneración dos dereitos destes ciudadáns e abriu unha liña de coordinación co Fiscal co fin de atopar unha saída pacífica.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2014. O Valedor do Pobo dirixe unha comunicación con data de hoxe ás setecentas persoas, todas elas veciñas e veciños das localidades de Tui e O Porriño, que se dirixiron á institución para mostrar a súa preocupación acerca do conflicto aberto entre dous grupos de cidadáns de etnia xitana en ambas localidades. Na mesma expresa todas as xestións realizadas ante os poderes públicos para coñecer a grave situación que está afectando ao colectivo xitano residente na zona. Nas últimas horas o Valedor abriu unha liña de coordinación coa Fiscalía xeral de Galicia co obxectivo de encontrar unha saída pacífica a este enfrentamento.

O Valedor do Pobo leva anos traballando na defensa dos dereitos das persoas de etnia xitana na comunidade. Moitas foron as actuacións desenvoltas a favor deste colectivo na defensa dos seus dereitos nos diferentes ámbitos. Nas últimas semanas máis de 700 persoas dirixironse ao Valedor para amosar a súa desazón polo conflicto aberto nas comunidades de Tui e O Porriño. Os veciños e veciñas desta área fixéronlle chegar a súa preocupación ante a alarma social existente polo conflicto aberto entre familias de etnia xitana que obrigou nun principio a un dos grupos enfrentados exiliarse á outra comunidade por medo ás represalias de membros da súa etnia. Estas persoas xa retornaron á comunidade aínda que moitas permaneceron varios días cerradas nas súas vivendas sen saír tan sequera para ir a traballar ou para levar aos nenos á escola.

A preocupación fíxose extensiva á comunidade escolar. Directores de centros públicos da zona nos que están escolarizados os fillos e fillas das familias exiliadas transmitiron ao alto comisionado parlamentario a súa preocupación dada a ausencia durante varios días dos pequenos das aulas. As familias transmitíronlle que tiñan medo polo que non enviaban aos escolares a clase.

Tamén o Concello de Tui remitiu a esta institución unha comunicación apoiada por toda a corporación como mostra a súa inquietude polo enquistamento das negociacións para remediar as súas diferencias, entre os clans familiares de vendedores ambulantes (casteláns e zamoranos).

Unha das peticións realizadas polas persoas que se dirixiron ao Valedor do Pobo sobre o conflicto garda relación coa necesidade de emprender accións xudiciais. Denuncian ademáis a ausencia de información oficial ao respecto dunha tensión que se palpa ao lado das súas casas.

Investigación informal

O Valedor do Pobo quere amosar o apoio a todas estas persoas de etnia xitana que están padecendo as consecuencias dun conflicto que as mantén atemorizadas. Froito desta preocupación, o alto comisionado parlamentario decidiu abrir unha investigación informal ao respecto. Como eixe fundamental da mesma atópase a defensa sen cortapisas dos dereitos destes cidadáns, en especial dos menores de idade, por ser os máis vulnerables. Co fin de dar resposta a esta alarma social, a defensoría abriu unha vía de coordinación co Fiscal Superior de Galicia que tomou cartas no asunto, citando testemuñas e intentando resolver a situación a través da mediación pacífica.

O Valedor do Pobo comprométese deste xeito a facer un seguemento da liña aberta pola Fiscalía e darlle traslado das posibles vulneracións de dereitos das que teña coñecemento por medio das queixas.

Por outra parte o defensor está en comunicación cos centros públicos da zona por medio dos que coñeceu que nas últimas horas que os rapaces e rapazas regresaran ás aulas.

Tamén manterá reunións con representantes de colectivos de etnia xitana co obxecto de coñecer as súas impresións e idiosincrasia, e obter pistas que permitan hachar unha solución a este conflicto pola vía pacífica, sen ter que chegar a utilizar os instrumentos penais existentes.

A medida que se coñezan novidades, o compromiso da institución pasa por manter informadas a todas as persoas, entidades e colectivos que se dirixiron ao Valedor en busca dunha información que, consideran, se lles negou ata o momento.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal