Actuación de oficio para coñecer as medidas dispostas por Medio Rural ante a grave praga que afecta á pataca galega

02 Marzo, 2017 Institución, Novas

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2017. A valedora do pobo abriu unha investigación de oficio para recibir información actualizada sobre as medidas dispostas pola Xunta de Galicia para paliar os efectos da praga da couza guatemalteca que está a afectar de xeito notable á produción de pataca galega.

O pasado 27 de febreiro, a valedoría remitiu unha carta á conselleira de Medio Rural para que lle informe sobre as medidas adoptadas pola administración autonómica. Desde a institución comisionada do Parlamento se solicitan os detalles acerca da prohibición de plantar patacas en determinadas zonas de Galicia. Tamén se desexa coñecer o contido das recomendacións formuladas ao produtores para o control e erradicación desta praga.

A institución do Valedor do Pobo tivo coñecemento do problema a través de diferentes comunicacións nas que os afectados daban conta da gravidade da praga da couza guatemalteca. A situación foi debatida na sesión plenaria do Parlamento de Galicia do 22 de febreiro e nas sesións extraordinarias urxentes dalgúns concellos, así como en xuntanzas informativas dirixidas por expertos en sanidade vexetal. Para facer fronte a esta praga, reclamouse a adopción de medidas necesarias e urxentes por parte das administracións públicas, en especial da Consellería do Medio Rural e da administración central do Estado.

Coa súa actuación de oficio, a valedora do pobo preocúpase por un sector importante con grande repercusión económica en concellos e determinadas comarcas galegas.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal