Aceptada unha recomendación da valedora para que a normativa permita ás persoas incapacitadas xudicialmente o acceso a unha vivenda pública

29 Novembro, 2018 Dereitos, Discapacidade, Novas

Tal e como constatou a oficina do Valedor do Pobo durante a tramitación dunha queixa,  o actual regulamento deixaba desamparadas ás persoas discapacitadas e incapacitadas xudicialmente ao esixir aos solicitantes de vivenda pública “plena capacidade de obrar”.  

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2018. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, concluíu de xeito favorable a queixa dun particular sobre a imposibilidade de acceso a unha vivenda pública dunha persoa con discapacidade psíquica do 65% con incapacidade xudicial total. Como resultado da investigación a Xunta valorará unha  modificación normativa, instada por recomendación da valedoría, que eliminará o requisito de que os demandantes deste tipo de vivenda deban ter “plena capacidade de obrar” garantindo o seu acceso á vivenda pública.

O artigo 10 do Decreto 253/2007 que regula o réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo incluía como un dos requisitos comúns a todos os adxudicatarios a “plena capacidade de obrar”. A criterio da valedoría esta limitación estaba a vulnerar os dereitos legalmente recoñecidos das persoas con discapacidade, partindo xa dos consagrados na Convención Internacional dos dereitos das persoas con discapacidade. “A práctica totalidade das persoas incapacitadas son persoas con discapacidade”, afirma a valedora, quen engade por tanto que “a disposición que tratamos afecta a persoas con discapacidade, do que resulta necesaria a aplicación das normas internacionais e nacionais sobre os seus dereitos, e estas prevén o descarte do anterior modelo de substitución na toma de decisións e a aplicación dun modelo de apoio que respecte os seus dereitos fundamentais”.

A valedora do pobo defendeu, no marco da súa actuación ante o caso dun particular,  unha modificación da normativa autonómica para garantir que as persoas con discapacidade cognitiva poidan acceder ao parque de vivendas de promoción pública, en igualdade co resto da poboación, con atención aos apoios que poidan precisar e que se establezan xudicialmente.

A actuación da valedoría culminou coa remisión dunha recomendación á Consellería de lnfraestruturas e Vivenda para que “se modifique o artigo 10 do Decreto 253/2007, que establece como condición para a compra, arrendamento ou arrendamento con opción de compra das vivendas de promoción pública a plena capacidade de obrar, o que vulnera os dereitos legalmente recoñecidos das persoas con discapacidade”.

O pasado 26 de novembro o departamento da Xunta de Galicia achegou unha comunicación na que acepta expresamente o contido da recomendación da valedoría nestes termos:  “No marco do estado actual de tramitación do anteproxecto de decreto de desenvolvemento da Lei 8/2012, de vivenda de Galicia, valórase a modificación do dito requisito da plena capacidade de obrar para ser adxudicatario dunha vivenda de promoción pública, na liña indicada na recomendación da valedora”.

A Consellería modificará a normativa regulamentaria en materia de vivendas de promoción pública e suprimirá o requisito da “plena capacidade”. Substituiralo por outro que sexa respectuoso cos dereitos das persoas con discapacidade e que faga referencia ás condicións individuais para obrar que se establezan en cada resolución xudicial e, en especial, á actuación cos apoios precisos.

“O libre exercicio das capacidades de elección cos apoios precisados en cada caso resulta unha condición indispensable para o respecto da dignidade das persoas con discapacidade”, concluíu a valedora do Pobo, que vixiará a efectividade destas medidas.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal