A Xunta atende unha recomendación da valedora e tramitará por vía de urxencia a valoración da discapacidade en maiores de 90 anos aínda que inicien os trámites antes de cumprilos

11 Outubro, 2018 Dereitos, Discapacidade, Novas

A administración comprometeuse a adaptar o procedemento para a valoración e revisión do grao de discapacidade para tramitar por vía de urxencia estas solicitudes.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2018. As solicitudes de valoración ou revisión do grao de discapacidade que afecten a persoas de máis de 90 anos poderanse tramitar por vía de urxencia, grazas á recomendación realizada ao respecto pola institución do Valedor do Pobo. A Xunta de Galicia vén de aceptar as indicacións da valedora no marco dunha queixa centrada no excesivo atraso da revisión da discapacidade dunha persoa nonaxenaria. A Consellería de Política Social comprometeuse a incorporar como motivo para a tramitación urxente a idade superior aos 90 anos dos solicitantes, independentemente de que no momento de iniciar o trámite non os tiveran cumpridos.

A recomendación permitiu concluír una queixa tramitada pola valedora do pobo. Estivo motivada polo retraso na revisión do grao de discapacidade dunha persoa con máis de 90 anos. Pediuse á Consellería de Política Social que con urxencia corrixira a interpretación que viña facendo das causas para tramitacións preferentes reguladas na Orde do 25 de novembro de 2015. A idea é que se  incorporen progresivamente á lista de persoas con preferencia todos os maiores de 90 anos, aínda que solicitaran a valoración antes de ter esa idade.

A Consellería de Política Social respondeu á resolución sinalando que acepta o recomendado e que o seu novo modelo de xestión das citas incorporará á lista de tramitacións urxentes as persoas de mais de 90 anos que solicitaran a valoración antes de cumprilos.

A medida terá unha gran importancia para os moitos casos de retrasos nas valoracións de discapacidade, algo que afecta de forma moi singular ás persoas de moi avanzada idade.

A recomendación súmase ao inxente traballo desenvolvido desde a valedoría nos últimos anos para acelerar as valoracións de discapacidade, que propiciou numerosas recomendacións aceptadas polo departamento da Xunta.

Entre outras medidas, en parte grazas á intervención do Valedor do Pobo, conseguiuse reforzar o persoal dos equipos de valoración; instaurar sistemas de confirmación e substitución das citas; o recoñecemento da discapacidade do 33% ás persoas con pensión de incapacidade permanente (en grao total, absoluta ou grande invalidez); simplificar as solicitudes e a documentación requirida ou estender o acceso á Historia Social Única Electrónica. Ademais xa se está a dar prioridade na valoración da discapacidade a persoas con ELA, ataxias rapidamente progresivas, distrofias musculares e escleroses múltiples de evolución rápida, enfermidades metabólicas con trastornos motores e as neoplaxias en estadio IV. Esta valoración prioritaria poderá estenderse a outras patoloxías de xeito gradual.

A aplicación destas medidas permitiu á valedoría tramitar queixas con maior dilixencia con resultados que permiten adiantar as citas de valoración con atención á prioridade das circunstancias.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal