A Xunta acepta a recomendación da valedora e abrirá unha escola infantil por localidade en nadal e semana santa para garantir a conciliación no eido familiar

08 Febreiro, 2017 Institución, Menores, Novas

A Axencia Galega de Servizos Sociais anunciou á valedora que incorporará esta medida no curso 2017/2018. A apertura dos centros non estará condicionada como agora á asistencia mínima de 15 usuarios.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2017. A Axencia Galega de Servizos Sociais (dependente da Consellería de Política Social) aceptou unha recomendación do Valedor do Pobo e accederá xa desde o próximo curso a manter polo menos unha escola infantil aberta por localidade nos períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa, independentemente da demanda de usuarios que haxa. Ata o de agora a apertura dos centros dependía da asistencia mínima de usuarios, polo que as familias debían xustificar a súa necesidade con base en motivos laborais ou de enfermidade.

A actuación da valedora do pobo partiu da queixa dun particular. Para a institución a aceptación da recomendación supón un avance en materia de conciliación. Os obxectivos do sistema galego de servizos sociais atópase proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral. Segundo a valedoría a asistencia dos nenos e nenas á escola infantil, tamén en períodos de vacacións escolares, debe consolidarse como unha das vías de apoio á mesma.

A Axencia acepta avanzar nesta materia e se compromete co Valedor do Pobo a abrir, xa desde o curso 2017/2018, unha escola infantil por localidade na semana de Nadal e nos días lectivos da Semana Santa. Na próxima resolución pola que se regulará o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes xa se incluirá esta previsión. Desde entón non será necesario reunir un mínimo de 15 alumnos por localidade para a apertura da escola infantil como se require a día de hoxe. A idea, segundo comprometeu a Axencia, levaría a establecer unha quenda rotatoria entre as escolas da mesma localidade onde ten centros da súa titularidade. De todos xeitos, e simplemente por criterios organizativos, seguirase pedindo ás familias unha xustificación da necesidade que teñen de levar os seus nenos e nenas á escola infantil nesas datas.

Da resposta agora tratada dedúcese que a Consellería de Política Social acepta a recomendación formulada, e aínda que precise a xustificación familiar da necesidade de levar aos nenos á escola infantil, comprométese a fixar criterios máis flexibles. Esa xustificación opera na práctica como unha forma de prever as necesidades de persoal en función do número de nenos que asistan e, polo tanto, planificar o descanso do persoal tal como esta regulado por convenio.

A apertura das escolas infantís en período vacacional supón unha vella demanda de moitas familias que agora poderán acceder a un servizo que axudará a súa conciliación neses momentos. A valedora do pobo felicítase pola aceptación da recomendación e a activación inmediata desta medida que, a bo seguro, suporá un avance para as familias usuarias dos centros.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal