A nova web do Valedor do Pobo recibiu un 58 por cento máis de visitas ás súas páxinas no seu primeiro ano

25 Maio, 2016 Institución, Novas, Novas

A nova páxina web da institución do Valedor do Pobo (valedordopobo.gal), incrementou nun 58 por cento o número de páxinas visitadas no seu primeiro ano de vida. Desde a súa posta en funcionamento, o 27 de xaneiro de 2015, ata o pasado 31 de decembro, sumáronse un total de 67.515 páxinas vistas, un notable incremento respecto ás 42.705 no conxunto do ano 2014. Do mesmo xeito, as visitas únicas medraron nun 18,5 por cento, pasando das 23.725 do 2014 ás 28.131 do 2015.

Estas cifras reforzan a aposta da institución polos mecanismos directos de comunicación entre a valedora e a cidadanía. Entre as prestacións desta nova páxina, inclúese a posibilidade de que os cidadáns poidan tramitar as súas queixas a través dun sinxelo formulario. Do mesmo xeito, a web ofrece a oportunidade de consultar todos os informes anuais e extraordinarios publicados pola institución. Tamén se inclúe, de acordo coa nova lexislación en materia de transparencia, toda a información referente ao funcionamento do Valedor do Pobo.

Os datos das redes sociais tamén confirman a aposta da institución polas novas canles de comunicación. A conta de Twitter (@valedordopobo) experimentou un crecemento do 131 por cento no número de mencións, así como un aumento do 33 por cento do número de seguidores, acadando un total de 1.732. En Facebook, a páxina do Valedor do Pobo, que tamén é unha activa canle de comunicación para atender as reclamacións cidadás, incrementou nun 44 % o seu número de seguidores.

O incremento da actividade a través da internet amosa o compromiso da institución coa cidadanía tamén a través das novas tecnoloxías. Desde a posta en marcha do novo portal, incrementáronse de xeito notable as entradas de queixas e as consultas recibidas a través deste soporte. Do mesmo xeito, tanto a web como as redes sociais ofrecen un seguimento actualizado da actividade institucional da valedora e a súa relación cos axentes sociais de Galicia.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal