A valedoría subscribiu a declaración da rede de muller dos ombudsman iberoamericanos sobre dereitos reprodutivos

18 Xuño, 2019 Dereitos, Institución, Muller, Novas

Unha representación da institución do Valedor do Pobo, encabezada polo adxunto, Pablo Cameselle Martínez, asistiu os pasados días 13 e 14 de xuño en Vitoria a un encontro da rexión europea da rede de valedorías da muller da Federación Iberoamericana de Ombudsman (FIO) sobre dereitos reprodutivos e violencia obstétrica.

Como resultado desta xornada os componentes da rede, da que forman parte todos os defensores autonómicos de España e estatais tanto español como de Portugal e Andorra, formularon unha declaración que se transcribe a continuación:

Como resultado deste encontro, celebrado en Vitoria-Gasteiz, as compoñentes da Rexión europea da Rede de mulleres da Federación Iberoamericana do Ombudsman formulamos a seguinte DECLARACIÓN:

O desenvolvemento da sexualidade e a capacidade de procreación están directamente vinculados á dignidade da persoa e ao libre desenvolvemento da personalidade e son obxecto de protección a través de distintos dereitos fundamentais, señaladamente, daqueles que garanten a integridade física e moral e a intimidade persoal e familiar. A decisión de ter fillos e cando telos constitúe un dos asuntos máis íntimos e persoais que as persoas afrontan ao longo das súas vidas, que integra un ámbito esencial da autodeterminación individual.

Os dereitos reprodutivos son dereitos humanos que alcanzaron a súa lexitimidade institucional en 1994 na Conferencia Internacional sobre Poboación e Desenvolvemento ( CIPD) no Cairo. Ao ano seguinte en 1995, na 4ª Conferencia Mundial da Muller en Beijing, reafirmáronse as definicións do Cairo, quedando expresamente recoñecido o dereito das mulleres para exercer a súa sexualidade en condicións libres de discriminación, coerción e violencia. E completouse o parágrafo 8.25 do Cairo relativo ao aborto, recomendando expresamente aos países que revisasen as lexislacións punitivas en relación ás mulleres.

Así mesmo, a OMS foi introducindo nos seus documentos e guías prácticas os avances, tanto científicos como sociais nos dereitos sexuais e reprodutivos, ao longo destes anos. Concretamente declarou en 2014 que todas as mulleres teñen dereito a recibir o máis alto nivel de coidados en saúde, que inclúe o dereito a unha atención digna e respectuosa no embarazo e no parto, e o dereito a non sufrir violencia nin discriminación. Os malos tratos, a neglixencia ou a falta de respecto no parto poden constituírse nunha violación dos dereitos humanos fundamentais das mulleres, descritos nas normas e os principios internacionais de dereitos humanos.

Unha eficaz intervención require dun adecuado diagnóstico da realidade á que se ha de dar resposta, que permita a monitoraxe da situación ao longo do tempo. Iso implica o desenvolvemento dun sistema de indicadores pertinentes e acoutados ao obxecto do estudo, comparables, actualizados e avaliados con carácter periódico. Con este obxectivo, resulta recomendable redobrar os esforzos orientados á configuración dun sistema de indicadores de ámbito europeo.

Do traballo realizado nestas xornadas e tras a análise das deficiencias detectadas podemos concluír a necesidade da posta en práctica de forma real e efectiva das normativas vixentes e os distintos instrumentos recollidas nas mesmas. Así como o impulso e desenvolvemento nos ámbitos das políticas públicas, sanitario, educativo, formativo e estratexias de saúde sexual e reprodutiva, en consonancia coas recomendacións da OMS.

Vitoria-Gasteiz, 14 de xuño de 2019″. 

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal