A VALEDORÍA  DO  POBO REFORZA O TRABALLO POR MOR DA PANDEMIA  DO CORONAVIRUS.

09 Abril, 2020 actualidade, Dereitos, Discapacidade, Exclusión social, Institución, Internet, Medioambiente, Menores, Novas, Novas, Queixa de oficio, Violencia de xénero

As persoas e a sociedade enteira están a responder con altas doses de responsabilidade e solidariedade á pandemia do coronavirus. As institucións deben estar á altura dese esforzo individual e colectivo, en especial as encargadas da defensa dos dereitos da cidadanía. A  Valedoría  do  pobo segue aplicando todos os seus esforzos e poñendo todos os seus medios humanos e materiais ao servizo da cidadanía, e máis nunha situación de ameaza da saúde pública e de confinamento domiciliario como a que estamos a vivir, pois baixo estes condicionantes os dereitos cidadáns atópanse limitados no seu exercicio.  Desde o primeiro día hábil seguinte á declaración do estado de alarma, a  Valedoría  do  Pobo substituíu a actividade presencial do seu persoal polo teletraballo. Sen solución de continuidade, mantívose a actividade institucional, recibindo e tramitando as queixas ordinarias, iniciando investigacións de oficio e mantendo contacto fluído coas organizacións e entidades sociais.

 

 

Investigacións de oficio

 

Iniciamos investigacións de oficio en varios ámbitos relacionados coa pandemia. Destacamos: unha primeira actuación para comprobar a accesibilidade e atención dos Centros de Información á Muller durante o estado de alarma; as dificultades para solicitar axudas por violencia de xénero dada a carencia de certificados dixitais e a imposibilidade de acudir aos servizos de maneira presencial; para manter as prestacións de inclusión social e acelerar as pendentes de resolución durante o estado de alarma; actuacións en materia de vivenda ante a crise sanitaria derivada da  Covid-19; a situación do sector marisqueiro galego pola crise da  Covid-19; o estado de tramitación das axudas ás entidades de defensa dos dereitos das persoas con discapacidade; as medidas adoptadas para a recollida de residuos de pacientes en illamento domiciliario pola  Covid-19; e a prórroga do tempo de permanencia nunha vivenda expropiada para a construción dun parque público, acordando a entrega das chaves cando finalice do estado de alarma.

 

Tramitación inmediata

 

A Institución recibiu varias queixas en relación coa pandemia, que, conxugando urxencia e menor impacto procedemental, tramitou coa precisa inmediatez e ausencia de  formalismo.

 

Nalgúns casos, a situación afecta a colectivos ou persoas en situación de especial vulnerabilidade. Así sucede no caso da falta dun servizo diario e as 24 horas de intérprete de lingua de signos para a atención sanitaria das persoas xordas, así como as carencias de accesibilidade para esas persoas na información necesaria para loitar contra o coronavirus; no mesmo sentido, a dificultade para acceder a medios de subsistencia das familias dedicadas á actividade de venda ambulante; o corte da subministración eléctrica durante a vixencia de estado de alarma; ou a falta de subministracións alimenticias ou de primeira necesidade ás persoas que os recibían de entidades sociais.

 

Algunhas das máis importantes cuestións sinaladas relativas a investigacións de oficio e queixas xa tiveron unha resposta positiva por parte das administracións competentes.

 

Outros asuntos

 

Outros asuntos abordados nas queixas son: a exclusión das axudas por mor do  COVID-19 aos autónomos en réxime de estimación por módulos; a falta de medidas en relación coa persistencia da obrigación de pago de alugueres nos pisos de estudantes que se desocuparon durante o estado de alarma -a diferenza das medidas adoptadas na rede universitaria de residencias-; a alegación da falta de garantía de dereitos dixitais en amplas zonas do rural galego, con insuficiencia de cobertura da internet ou ancho de banda, que ocasiona problemas para continuar a formación académica en liña ou a realización de tarefas escolares; ou a restricións de mobilidade en relación cos acompañantes dos enfermos oncolóxicos que reciben tratamento de quimioterapia.

 

Na loita contra a pandemia consideramos priortario a protección da saúde das persoas, coidar a quen nos coidan, dar atención aos colectivos vulnerables e desfavorecidos, e sentar as bases para un restablecemento sólido da actividade.

 

As inquietudes relativas á ausencia de equipos de protección e de probas  PCR foron comunicadas á  Valedoría desde o momento inicial da declaración do estado de alarma. Tramitamos as queixas e iniciamos investigacións de oficio para abordar a cuestión exposta en relación co persoal sanitario, socio sanitario e de axuda no fogar. En caso de denuncia de ausencia de  EPIS en empresas privadas, informamos sobre a posibilidade de poñer os feitos en coñecemento da inspección de traballo. Contactamos tamén co Defensor do Pobo, á vista de que a normativa emanada do Estado establecía condicións relativas ao manexo do material.

 

As persoas maiores sofren un maior risco polo  COVID-19 que as converte en persoas especialmente vulnerables. Recibimos tamén queixas sobre a situación dalgunhas residencias de persoas maiores. Tramitamos as queixas e iniciamos investigación de oficio para coñecer con detalle as actuacións que se están levando a cabo.

 

En todas aquelas actuacións e servizos que quedaron sometidos ás autoridades competentes sinaladas no Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo  Covid-19, trasladamos o asunto ao Defensor do Pobo, en aplicación dos principios básicos de coordinación e cooperación previstos no artigo 12.2 da Lei Orgánica 3/1981, respectando sempre o establecido na Constitución e no Estatuto de Autonomía.

 

Iniciamos investigación que trasladamos ao Defensor sobre a necesidade de modificar o Real Decreto 463/2020 para incluír unha regulación sobre a suspensión do réxime de visitas durante o estado de alarma. Trasladamos, tamén, ao Defensor a queixa sobre a discriminación polas diferentes medidas adoptadas polo Goberno para a protección das persoas cun  ERTE e os que son obxecto de despedimento definitivo en contratos temporais. Noutros casos trasladamos ao Defensor do Pobo a situación de empregados de empresas públicas ou sociedades estatais con particulares circunstancias por mor da pandemia, ou as propostas de sanción por incumprimento do deber de confinamento cando concorrían circunstancias excepcionais, pero non previstas entre as actividades permitidas tras a limitación da liberdade de circulación.

 

Comunicados públicos

 

A Institución emitiu comunicados públicos coa finalidade de liquidar problemas que xurdiron ou puidesen xurdir con relación á pandemia. Fixemos un comunicado chamando á solidariedade e á responsabilidade para evitar determinadas condutas discriminatorias cara a determinados colectivos, particularmente cara ao Pobo Xitano. Tamén difundimos unha comunicación sobre os dereitos das persoas con discapacidade na emerxencia sanitaria, na que entre outras cousas resaltamos a importancia de manter un contacto permanente coas entidades de defensa deses dereitos, o que pola nosa banda estamos a facer de forma directa e frecuente. Hoxe mesmo, 8 de abril, celébrase o día do Pobo Xitano, polo que emitimos un comunicado de apoio con esa ocasión, chamando a atención sobre a necesidade de remover os prexuízos e de promover a inclusión contando coas mulleres, os homes, as nenas e os nenos xitanos (o detalle desas comunicacións atópase na nosa web).

 

Falamos de Feminismo

 

O foro “ FALAMOS DE FEMINISMO” mantívose activo e subimos dúas publicacións sobre “muller e coronavirus”. Difundimos as recomendacións das autoridades sanitarias sobre a situación das mulleres embarazadas e as pautas para seguir cos recentemente nacidos con  Covid-19”.

 

Reforzamos o noso compromiso

 

A  Valedoría é consciente da extrema situación que xerou a pandemia e que motivou a declaración do estado de alarma e de aí o propósito para que o noso labor en defensa dos dereitos dos cidadáns, nesta situación de emerxencia sanitaria e social,  se materializase  sen restar enerxía nin esforzos ás autoridades e ás persoas que, en primeira liña, se ocupan da xestión das consecuencias da pandemia.

 

Desde esta institución, reforzamos o noso compromiso informando a través deste comunicado e de comunicados sucesivos sobre as actuacións que levan a cabo relacionadas coa pandemia e o estado de alarma.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal