A valedoría colabora coa Fiscalía que estuda accións civís sobre os habituais atascos da AP-9

26 Xullo, 2018 Institución, Novas, Seguridade viaria

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2018. A institución do Valedor do Pobo concluíu a súa queixa de oficio aberta a pasada primavera tras reproducirse os atascos na AP-9 no tramo entre Pontevedra e Vigo por mor das obras realizadas nesta vía. Unha vez máis a institución insiste no seu criterio de que o servizo nunha autoestrada de pago ten que ser óptimo de forma permanente. A petición da Fiscalía Provincial de Pontevedra, que estuda emprender accións civís polos prexuízos ocasionados aos usuarios, remitiu as dúas actuacións de oficio abertas en 2017 e 2018 respectivamente.

O contido das dúas queixas de oficio tramitadas pola valedoría nos anos 2017 e 2018 polos reiterados atascos que os usuarios da AP-9 padecen tendo que aboar igualmente os importes das peaxes foi remitido á Fiscalía Provincial de Pontevedra, que así o requiriu para estudar accións civís polos prexuízos ocasionados. A institución do Valedor do Pobo puxo a dispor do órgano xudicial tamén a análise sobre este problema realizada no Informe Anual 2017 do Valedor do Pobo ao Parlamento.

A valedora do pobo informou a este órgano xudicial de que, a parte das actuacións de oficio, tramitou queixas individuais nestes dous anos polo mesmo asunto e informa de que os prexudicados poderían dirixirse á fiscalía.

A institución alertou á Fiscalía da relevancia do asunto en canto ao cometido institucional do propio Valedor do Pobo “posto que se trata de problemas que se ocasionan de forma continuada e non recibiron unha resposta adecuada pola concesionaria e pola administración competente”.

En 2017 a institución do Valedor do Pobo xa actuara ante as repercusións das retencións que os usuarios da autoestrada viñan sufrindo.

A valedoría volveu actuar a pasada primavera xa que o problema de atascos nese tramo de autoestrada reproduciuse de novo, motivado pola execución de obras, ocasionando a correspondente perda de tempo aos usuarios sen que a concesionaria lles eximise do aboamento das peaxes ante os prexuízos ocasionados. Igual que ocorreu en 2017, os responsables da autoestrada non abriron as barreiras como unha consecuencia lóxica de reacción ante a imposibilidade de manter un servizo adecuado nunha estrada de pago.

A institución dirixiuse de novo a Audasa que non contestou. Na investigación previa non aceptara a liberación das peaxes ante as colas que se repetían ano tras ano.

Tamén solicitouse informe da Delegación do Goberno. A pesares do criterio da Delegación do Goberno, que considerou que “o contrato de concesión non contempla en ningún caso a supresión ou rebaixa da devandita peaxe, e en particular durante a execución de obras” desde a institución do Valedor do Pobo considérase que o servizo nunha autoestrada de pago ten que ser óptimo de forma permanente, e en caso de non ser así perde sentido utilizala como alternativa máis rápida e segura que a vía convencional.

Se ben existe o criterio de que a cidadanía, con carácter xeral, debe sufrir as consecuencias das obras de mellora en todas as infraestruturas públicas, este non debe ser aplicado co mesmo alcance ás autoestradas de peaxe. O desenvolvemento de obras prexudiciais para o servizo debería ir acompañado de medidas compensatorias aos usuarios que ven aumentar os tempos nos seus desprazamentos. A valedora defende que cando os tempos da viaxe aumentan de forma significativa respecto dos ordinarios a consecuencia lóxica debería ser o non aboamento da peaxe.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal