A valedoría avoga por facer os chamamentos de contratación temporal da administración tamén por correo electrónico

25 Setembro, 2018 Institución, Novas

A valedora do pobo defende que o sistema de chamamento nas listas de contratación engada o correo electrónico como canle para a remisión de avisos ou notificacións, tal e como lle solicitaron persoas que presentaron queixas.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2018. A institución do Valedor do Pobo avoga por que as persoas que formen parte das listaxes de contratación temporal da administración galega poidan escoller os medios preferentes para a comunicación dos seus chamamentos. Entre estes medios, debería atenderse á preferencia de quen elixa o correo electrónico, mecanismo este que ata o de agora non se emprega nas comunicacións para o chamamento de persoal  para o desempeño transitorio de prazas reservadas a funcionarios.

A apertura dunha queixa relacionada co procedemento de realización dos chamamentos na sanidade galega, en demanda do emprego do correo electrónico como medio oficial de comunicación, permitiu coñecer á valedora do pobo que a Xunta de Galicia traballa na actualidade na modificación da normativa reguladora da xestión de listas para axilizar os procesos de contratación, diminuír o uso de papel e evitar desprazamentos innecesarios ás persoas interesadas.

O actual marco normativo regula que os chamamentos dos aspirantes faranse polo medio máis urxente que permita ter constancia da recepción. As notificacións víñanse facendo soamente por correo postal e, en casos de cobertura urxente, telefonicamente con atención as rigorosas esixencias de dispoñibilidade aplicables ás persoas integrantes das listas de contratación.

“As novas tecnoloxías permiten unha comunicación más avanzada que a que actualmente manexa a administración na xestión das listas de contratación”, explica a valedora na resolución de conclusión da queixa. Os administrados deben poder escoller o medio preferente para as comunicacións sen que se vexa minguadas as súas garantías, defende Milagros Otero. Neste sentido, desde a oficina do Valedor do Pobo apóiase que o correo electrónico sexa fomentado e ofertado como canle para remitir as notificacións ou os avisos dirixidos aos usuarios.

Como resultado da actuación, a valedora do pobo celebra que a Consellería de Sanidade, afectada na queixa aludida, estea a traballar no uso de novas ferramentas de comunicación nos seus chamamentos, coa intención de avanzar na mellora das notificacións e comunicacións por medio das tecnoloxías.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal