A valedoría avoga pola transición a software libre na administración autonómica

16 Xullo, 2018 Internet, Novas

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2018. A institución do Valedor do Pobo vén de emitir unha recomendación á Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para que priorice a transición a software libre de todos os servizos que pon a Xunta de Galicia á dispor da cidadanía. A institución deu por aceptada unha recomendación na que se lle instou a priorizar a adaptación dos procedementos electrónicos a software sen licenza, en especial os de concorrencia competitiva e que só admiten unha tramitación electrónica.

A  institución do Valedor do Pobo promoveu, a iniciativa propia,  unha queixa de oficio, tras ter coñecemento esta institución de que numerosos aplicativos que a administración autonómica galega pon a dispor da cidadanía funcionan soamente con software que opera baixo licenza. Esta circunstancia estaba a limitar o acceso de usuarios que empregan o software libre nos seus equipos informáticos, a procedementos de concorrencia competitiva, de matrícula nas Escolas Oficiais de idiomas e outros trámites que só admiten unha xestión telemática.

No marco da actuación, a valedora do pobo dirixiuse á AMTEGA, o órgano competente na materia. O informe achegado pola Axencia detallou as actuacións que a AMTEGA vén desenvolvendo nos últimos anos ao abeiro de sucesivos plans de acción anuais de software libre. 

Á vista do contido do informe confirmouse que, na actualidade, non existen procedementos alleos aos ofrecidos na Sede Electrónica da Administración Autonómica que precisen o uso de software propietario.

O procedemento de adaptación á ofimática libre do posto dos empregados públicos, por outra banda,  culminou o pasado ano. Todos os equipos dispoñen dunha versión actualizada  do Libre Office; se ben, como se explica no informe da AMTEGA, nalgúns equipos mantense a convivencia cos paquetes previos que operan baixo licencia xa que, como se especifica, existen aplicacións ou sistemas que, con caráter excepcional, non funcionan de xeito adecuado co LibreOffice, sobre todo no que responde ás relacións con outras entidades públicas ou funcionalidades concretas.

No ano 2017 procedeuse ademais á progresiva liberación de aplicativos desenvolvidos pola administración con novas contribucións tecnolóxicas como o proxecto ANSIBLE ou o arquetipo Web Java no que se basearán novas aplicacións web da administración.

Traballo pendente

Os cambios nas políticas de funcionamento de navegadores veñen condicionando, por outra banda, a compatibilidade de procesos cos sistemas libres. Tal e como transmitiu a valedora do pobo, faise pertinente traballar neste eido, principalmente por ter incidencia directa nos servizos ofrecidos á cidadanía por medio da e-administración e a denominada Sede Electrónica.

Os usuarios da sede electrónica poden promover de xeito electrónico máis de 1.400 procedementos. Aínda que a Sede é compatible con sistemas operativos libres actualizados (como Debian e Ubuntu), os cambios nas políticas de funcionamento de diversos navegadores de uso extendido condicionan funcionalidades imprescindibles nas relacións administrado-e.administración como a firma electrónica. Cómpre por tanto traballar na adaptación dos formularios para salvar esas dificultades. Na actualidade adaptáronse o 55%  dos formularios, restando un 45% pendente de mellora. A axilidade nesta fase así como a priorización dos procedementos polo seu número de usuarios e inminencia de convocatorias deberá ser atendida neste proceso de adaptación.

Como conclusión da actuación, o valedor do pobo emitiu o pasado 4 de xuño unha recomendación a esta Axencia para que: “Priorice a adaptación a software libre dos procedementos electrónicos ao dispor da cidadanía por medio da Sede Electrónica, en especial os procedementos de concorrencia competitiva e os que soamente admitan unha tramitación electrónica; que axilice a adaptación do 45% dos formularios restantes afectados polas políticas de funcionamento dos navegadores e que promova ante o resto das administracións a necesidade de desenvolver sistemas libres compatibles con LibreOffice que permitan abandonar, nun futuro próximo, esa convivencia excepcional cos programas de ofimática licenciados“. 

En data de rexistro do pasado 4 de xullo de 2018 a AMTEGA anunciou á valedoría que continuará co plan de traballo de actualización de formularios con atención aos criterios de priorización da actualización progresiva dos que correspondan a procedementos non suxeitos a convocatoria, priorizando os de maior nivel de uso e ámbito de aplicación. En segundo termo se informou que a totalidade dos formularios correspondentes á apertura de novas convocatorias xa se está realizando conforme a ese criterio.

Coa resposta da AMTEGA a institución do Valedor do Pobo deu por aceptada a recomendación e vixilará o seu cumprimento.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal