A valedora visitará Tomiño o próximo 23 de maio para atender as queixas da súa veciñanza

21 Maio, 2018 Institución, Novas, Novas

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2018. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, trasladarase o próximo mércores 23 de maio á localidade pontevedresa de Tomiño.

A institución invita a todos os interesados a participar ese día nun encontro de atención directa á veciñanza. Atenderá en persoa as queixas e consultas que queiran facerlle chegar nunha xuntanza que se celebrará entre as 16.00 e as 18.00 horas no salón de plenos da Casa do Concello.

O programa da valedora do pobo incluirá unha visita á Casa do Concello (12.00 horas) onde se entrevistará coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González e saudará á Corporación Municipal para tomar nota das cuestións que os representantes públicos queiran facerlle chegar.

O obxectivo da visita é achegar os servizos que ofrece a institución do Valedor do Pobo á cidadanía co fin de atender, protexer e defender os seus dereitos fronte ás actuacións das administracións públicas en políticas agrícolas e gandeiras, sanitarias, educativas, de vivenda, servizos sociais, medio ambiente, xustiza, urbanismo; e tamén en cuestións relacionadas cos servizos de interese xeral, como poden ser as reclamacións con empresas de subministración de servizos públicos, entidades financeiras, etc.

Aínda que se fixo chegar invitación a través do Concello, a oficina do Valedor do Pobo convida a veciños de todas as parroquias e de localidades próximas a se achegar ao encontro.  A propia valedora e o persoal da institución estará a dispor dos interesados de 16.00 a 18.00 no salón de plenos do Concello (Praza do Seixo, 1).

Calquera persoa ou colectivo poderá dirixirse directamente á valedora e trasladar a súa reclamación, aínda que, para unha mellor prestación do servizo, poderase concertar unha cita previa chamando ao teléfono 981 569 740 ou enviando un correo electrónico a comunicacion@valedordopobo.gal.

A visita a Tomiño, que foi aprazada o mes pasado por motivos de saúde da valedora, forma parte do programa de encontros que cada 30 días a titular da institución realiza nun concello de Galicia. A institución do Valedor do Pobo quere agradecer a colaboración brindada pola alcaldía de Tomiño para organizar o encontro.

Nos últimos meses a defensora trasladouse a Chantada, Valdoviño, Guitiriz, Carballeda de Avia, Láncara, Curtis, Marín, Monforte, O Barco de Valdeorras ou Carballo, entre outras localidades. Os casos problemáticos que achegan os veciños nestas xuntanzas inician a súa tramitación con carácter inmediato e tamén adoitan atopar solucións en moi pouco tempo.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal