A valedora ve avances nos tempos de tramitación da Risga e agarda que o novo regulamento amplíe pronto o número de persoas beneficiarias

06 Outubro, 2017 Exclusión social, Novas

A institución do Valedor do Pobo arquivou a queixa de oficio sobre os tempos medios de tramitación das rendas de inclusión social en Galicia. Agarda que un novo regulamento amplíe estas axudas a persoas con ingresos aínda que sexan inferiores aos da propia Risga.


Santiago de Compostela, 6 de outubro  de 2017
. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, vén de arquivar a queixa de oficio aberta para coñecer da Consellería de Política Social os tempos medios de tramitación das axudas de emerxencia social, en concreto a Renda de Inclusión Social, RISGA. Nun detallado informe a Xunta de Galicia trasladou ao Valedor do Pobo que o prazo legal para resolver é de 2 meses para a administración autonómica de dun mes previo para os concellos. Segundo os números, en 2016 o tempo medio de todo o proceso, incluída a tramitación municipal, situouse en 67,49 días, 51 menos que no exercicio precedente no que se chegaba de media aos 119 días.

Para a institución do Valedor do Pobo os procedementos e pagos das Risgas deben realizarse con rapidez por atender a necesidades básicas. No estudo xurídico das queixas constatouse que, lonxe de se estar producindo unha ralentización na tramitación das rendas, estas están a situarse no marco da legalidade.

En informes previos presentados ante o Parlamento de Galicia, precisamente este era un dos problemas que viña constatando a valedoría. Agora sabe que a administración autonómica está a traballar para que as esperas se reduzan aínda máis e se sitúen por debaixo dos prazos legais. A institución do Valedor do Pobo permanecerá atenta ao cumprimento deste obxectivo.

A RISGA tense convertido para moitas familias sen ingresos nin prestacións na súa última opción antes de caer en situacións de exclusión e pobreza. Parte dos problemas actuais teñen que ver coa extrema rixidez na tramitación. Os beneficiarios, por exemplo, non poden percibir pensións nin pequenos soldos,  aínda que sexan contías inferiores ás da propia RISGA.

Recomendacións aceptadas

En queixas anteriores, o Valedor do Pobo recomendara á administración autonómica a revisión do criterio polo que se lle denega ao solicitante de Risga cun traballo de remuneración limitada. Este problema se atopa na liña de solución apuntada. O anteproxecto de desenvolvemento da lei 10/2013 xa contempla equiparar as persoas inscritas como demandantes de mellora de emprego coa situación de desemprego.

A valedora do pobo, Milagros Otero, ve necesaria a aprobación dese regulamento o máis pronto posible para cumprir co mandato legal.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal