A valedora traslada á Comisión de Peticións a súa firme defensa dos dereitos das persoas LGTBI en Galicia e condea o rebrote das agresións homófobas

18 Febreiro, 2016 Dereitos, Institución, Novas, Sexualidade

A valedora do pobo, Milagros Otero, compareceu hoxe ante a Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia para expor, de xeito resumido, o contido do seu informe extraordinario As persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais de Galicia. A intervención da valedora permitiu actualizar algún dos contidos incorporados á monografía concluida o pasado mes de xullo durante a xestión do anterior valedor en funcións. Entre outras cuestións, como titular da institución de defensa dos dereitos das persoas en Galicia, Milagros Otero constatou o rebrote de comportamientos “LGTBI-fóbicos” na nosa comunidade, como o rexistrado hai uns días en Santiago contra unha parella homosexual. “Desde o Valedor do pobo reaccionamos con contundencia cada vez que detectamos unha situación na que aflora unha conduta discriminatoria, sexa no ámbito público ou privado”, afirmou.

A intervención parlamentaria da valedora do pobo permitiu dar voz a varias das asociacións coas que traballou a institución na configuración do informe. De todas as entrevistas mantidas nas últimas semanas, Milagros Otero alertou da necesidade de traballar contra a discriminación destas persoas tanto no eido educativo y sanitario, como no contorno laboral.

Ao respecto, a alta comisionada parlamentaria afirmou que seguen a producirse na nosa comunidade casos de fobia e exemplificou co máis recente rexistrado hai uns días en Santiago respecto do que amosou a súa “firme repulsa”. Desde a institución, indicou ante os representantes dos cinco grupos parlamentarios presentes na Cámara galega,  se reacciona con contundencia cada vez que detectamos unha situación na que aflora unha conduta discriminatoria, “así o facemos por exemplo nos supostos de acoso escolar con trazas homofóbicas, no rexeitamento de admisión a persoas en locais de lecer por este mesmo motivo e en accións violentas que afectan a estas persoas”, apuntou.

A maior parte das discriminacións ás persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais de Galicia afloran no ámbito educativo, laboral e sanitario. Neste último, a valedora do pobo chamou a atención sobre situación dalgunhas persoas, sobre todo transexuais, que son tratadas como enfermas por parte dos profesionais.

Mención especial mereceu o caso das persoas LGTBI de maior idade que, como aseverou Otero, son vítimas de “discriminación múltiple” e tamén as residentes no entorno rural, asunto este último sobre o que a valedora ten intención de “abrir unha liña de traballo” para coñecer en profundidade o alcance desta realidade.

Entre outras demandas concretas, Milagros Otero defendeu un desonvelvemento da lei galega de non discriminación que, ata a actualidade, non incluiu réxime sancionador. Ve urxente traballar no deseño de protocolos específicos de actuación no eido educativo e no sanitario que favorezan a formación en cuestións de diversidade dos profesionais. Apuntou, ademáis, medidas moi concretas que contribuirían a facilitar a vida das persoas transexuais, tales como favorecer a creación dunha tarxeta de identidade que reflicta o nome e sexo elixido, e mesmo adaptar as tarxetas sanitarias á nova identidade, unha vez producido o tránsito.

Aínda que a oficina tramita cada ano un número moi baixo de queixas sobre de persoas discriminadas pola súa condición sexual, si que chegan en número importante no trasfondo de outras reclamación refiridas a situacións de acoso escolar, de deficiencias na asistencia sanitaria, etc. O compromiso da institución para coa protección dos dereitos das persoas LGTBI en Galicia, se desenvolve desde que Milagros Otero chegara á valedoría, por medio dunha área específica de nova creación, a área de non discriminación, dirixida persoalmente polo adxunto á defensora, Pablo Cameselle.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal